O aluvión de test en vésperas do Nadal detecta dez mil casos da COVID nunha semana mentres a hospitalización segue estable

Adornos de Nadal no Ifevi (Vigo) no comezo da vacinación infantil contra a COVID en decembro de 2021 CC-BY-SA Foto: Sergas | Montaxe: Praza.gal

Nos últimos sete días, o Sergas detectou case 10.000 casos novos da COVID-19. Foron, concretamente, 9.775 en termos de días naturais dende o pasado día 16 de decembro e ata as seis da tarde do día 22, último dato dispoñible. O feito de que a Xunta ofreza os seus balances diarios en ciclos de vinte e catro horas das seis da tarde dun día á mesma hora do seguinte provoca que os algo máis de 2.200 casos dos que informou este xoves supoñan un novo máximo dende o comezo da pandemia.

Na última semana o Sergas procesou unhas 62.000 PCR, cifra que tende a aumentar coa apertura de probas voluntarias previa ás festas

Alén do carácter máis ou menos rechamante dese dato, os números seguen pedindo contexto para a súa comprensión. Nun contexto incomparable ao de hai un ano pola ampla cobertura de vacinación (máis do 85% do total da poboación galega) e pola práctica ausencia de restricións á vida social e económica, estas avultadas cifras de casos novos -a maioría asintomáticos, atendendo á información do Ministerio de Sanidade- están intimamente ligadas ao aluvión de probas de infección activa realizados polo Sergas en vésperas do Nadal.

Alén dos test de antíxeno dispensados en farmacias ou das probas realizadas en circuítos privados, a cantidade de probas PCR (test que o Sergas adoita empregar para ratificar a existencia dun positivo) é ben elocuente. Nos últimos sete días -ata as 18h do mércores) foron procesadas case 62.000 probas e nos sete previos, algo máis de 55.000. Hai apenas un mes, cando xa comezara o incremento, eran apenas a metade cada sete días.

Así, como amosa o gráfico baixo estas liñas, a media diaria a 7 días de probas PCR procesadas xa se achega ás 9.000 por xornada. Este incremento débese a varios factores: dende o incremento de contaxios na contorna da ponte da Constitución e as conseguintes citacións para comprobar eventuais positivos ata, nos últimos días, a realización de probas voluntarias en persoas asintomáticas nos circuítos habilitados polo Sergas para este fin. Segundo avanza a Xunta, nos vindeiros días recuperará, ademais, a realización de cribados aleatorios.

Este é o contexto co que a cifra de casos activos, indicador que a Xunta adoita como referencia nas súas comunicacións públicas, se achega aos 19.000 (case un 35% máis que unha semana antes). O feito de afloraren estas elevadas cifras de casos provoca, ademais, que se interrompa o ritmo de freo no crecemento da incidencia acumulada, que Galicia viña trazando dende hai semanas. Este indicador sitúase agora arredor dos 620 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días e na contorna dos 350 a sete días.

Con case o dobre de incidencia acumulada que no pico do outono de 2020, cando aínda non se administrara unha soa vacina, as hospitalizacións simultáneas de persoas coa COVID (273) son menos da metade que daquela

Ningún destes indicadores pode ser lido, en calquera caso, á marxe do impacto da vacinación. Boa mostra disto seguen sendo as cifras de ocupación hospitalaria con pacientes COVID: 273 persoas ás seis da tarde do mércores, tres menos que unha semana antes. No pico de incidencia na vaga outonal de 2020 (uns 340 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días), aínda sen vacinación ningunha, Galicia chegara a superar as 600 hospitalizacións simultáneas. Agora, con case o dobre de incidencia, a hospitalización está na metade.

A correlación entre incidencia e hospitalización si é máis comparable agora en termos absolutos á da vaga do pasado verán, e neste caso tamén é clave o impacto das vacinas. Non en van, nun período con maior actividade en espazos pechados, as cifras son semellantes mentres a incidencia tende a seguir subindo.

O último indicador a ter en conta é o da mortalidade. Nos últimos días incrementouse un chisco, ata roldar os 4 falecementos de persoas coa COVID na media diaria da última semana, cifra semellante ao pico do pasado verán pero aínda moi afastada do indicador medio de máis de 12 mortes ao día no outono de 2020. O total sitúase en 2.739 dende o comezo da pandemia.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.