Nas primeiras semanas de pandemia, a pasada primavera, un grupo de investigadoras e investigadores da Universidade da Coruña comezaron a analizar mostras de augas residuais da cidade na procura de restos do coronavirus SARS-CoV-2 cos que determinar a incidencia da Covid-19 na poboación da zona. Contaron coa colaboración entusiasta da empresa pública de depuración de augas residuais da área metropolitana da Coruña, Edar Bens, o que permitiu destinar recursos e ampliar o equipo, formado inicialmente por químicos e microbiólogas e que abrangueu tamén enxeñeiros industriais, estadísticos ou informáticas.
Os modelos estatísticos de CovidBens levan dúas semanas amosando un importante ascenso na carga viral detectada nas augas residuais da Coruña, que podería comezar a percibirse nos vindeiros días nun aumento na cifra de positivos de Covid-19
Dende entón o equipo de CovidBens vén tomando mostras de augas residuais e lodos en distintas zonas da Coruña, Arteixo, Cambre, Culleredo e Oleiros, para analizalos posteriormente. Unha vez optimizado o proceso, o equipo vén sendo capaz de detectar cambios na tendencia de incremento ou descenso no número de contaxios con varias semanas de antelación. Así o fixo no verán, e tamén durante a segunda e a terceira onda da pandemia.
Neste momento, os modelos estatísticos desenvolvidos por CovidBens levan dúas semanas amosando un importante ascenso na carga viral detectada nas augas residuais da cidade da Coruña e algo menor en Arteixo, manténdose estable nos restantes concellos da área metropolitana. Este aumento podería comezar a percibirse nos vindeiros días nun incremento na cifra de positivos de Covid-19. Dende o propio equipo de CovidBens advirten de que a presenza da variante británica, máis contaxiosa, pode estar provocando este incremento na carga viral.
Ademais, a EDAR Bens vai comezar a analizar a presenza específica das distintas variantes do virus nas augas residuais da área metropolitana da Coruña, despois de asinar co Concello un convenio de colaboración para “detectar e cuantificar” as mutacións do SARS-CoV-2 maioritarias en cada momento. Esta alerta precoz facilitará “establecer un sistema de vixilancia epidemiolóxica baseado nas augas residuais que lle permita ao sistema sanitario valorar os retos aos que se enfronta en cada momento". A investigación, denominada seqCovidBens, empregará un sistema válido para calquera tipo de mostra de augas residuais e, polo tanto, poderase estender a todo o territorio que se desexe.
Falamos con Margarita Poza, coordinadora de Covid Bens e profesora asociada da UDC e investigadora Senior do Grupo de Microbioloxía do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña.
Supoño que nos primeiros momentos desta investigacións tivestes que facer moitas probas e axustar moitos para optimizar o proceso, non si? Tanto á hora de analizar as mostras como de decidir onde e cando tomar esas mostras e outros elementos do proxecto...
"Esta multidisciplinariedade do equipo deulle máis valor a CovidBens e creo que en boa medida aquí radica o seu éxito"
É certo que ao comezo estabamos un pouco perdidos, como todo o mundo. Había moitos factores aos que atender e os primeiros días dedicámolos a investigar cal era a mellor forma de detectar o virus. Nun principio recollíamos mostras de augas e de lodos, porque nos lodos tamén se acumula material xenético do virus, pero co tempo fomos chegando á conclusión de que a auga, por ser un fluído, retrata mellor o fluxo da información: a cantidade exacta de material xenético existente nun momento e a evolución que se produce dun día para outro. Tamén tivemos que decidir de onde coller a auga e os primeiros días tomabamos mostras de moitos puntos distintos, porque non sabiamos aínda cal era o mellor lugar para detectar a maior cantidade de carga viral.
Despois estivo a parte de procesamento das mostras, pois tivemos que ir probando con distintos reactivos, para ver cal era máis eficaz, máis rendible, máis rápido... E o problema foi tamén conseguir eses reactivos, porque ao comezo houbo un momento no que había falta de stock e o material era caro. Afortunadamente tivemos o apoio económico da Edar Bens dende o comezo, que sempre tivo moita confianza no proxecto.
A ampliación do grupo con persoas de distintas disciplinas enriqueceu a investigación?
Si, ao comezo no grupo estabamos químicos e microbiólogos, pero despois fóronse unindo investigadores doutras disciplinas: matemáticos, informáticos, estadísticos... e esta multidisciplinariedade do equipo deulle máis valor a CovidBens e creo que en boa medida aquí radica o seu éxito. Tiñamos moitísimas mostras, moitísimos datos e por iso o labor dos estatísticos foi fundamental para mellorar o modelo.
Agora as institucións teñen un ollo nos vosos informes e empréganos para coñecer de xeito precoz a evolución da situación epidemiolóxica, pero sempre foi así? Facíanvos caso ao comezo, por exemplo no verán cando os vosos datos indicaron un repunte dos casos que se confirmou dúas semanas máis tarde?
"Nin sequera nós mesmos sabiamos que tiñamos esta capacidade tan enorme de adiantarnos aos brotes. Pero claro, xa pasou catro veces"
Non, é certo que ao comezo non nos facían tanto caso. Despois, co tempo, foise vendo que cada vez que as nosas medicións indicaban unha suba da carga viral, iso se traducía días despois nun aumento do número de casos clínicos detectados. Polo tanto agora temos bastante credibilidade, pero porque o fomos demostrando todo este tempo. Ao comezo mesmo nos daba un pouco de medo difundir o que os nosos datos nos dicían, e os xestores nos miraban un pouco de esguello. Pero eu enténdoo tamén, porque nin sequera nós mesmos sabiamos que tiñamos esta capacidade tan enorme de adiantarnos aos brotes. Pero claro, xa pasou catro veces.
Eu creo que agora si que lles fan caso aos nosos datos, pero claro, eles teñen que tomar decisións en base a moitos datos distintos, entre eles os nosos, pero tamén os clínicos, ademais doutros factores que tamén teñen que ter en conta.
A vosa análise, ademais de detectar cambios de tendencia antes de que poidan ser vistos nos datos clínicos de detección de pacientes positivos, é capaz de revelar a presenza de pacientes asintomáticos, que tamén teñen carga vírica e transmiten o virus, pero que o sistema sanitario ten moi difícil detectar. Esta sería a outra gran virtude do voso estudo?
"O sistema sanitario non ten forma de detectar os asintomáticos a non ser que fagas cribados e máis cribados con PCR, pero tes que facelos a toda a poboación e de forma continua"
Claro, o sistema sanitario non ten forma de detectar os asintomáticos a non ser que fagas cribados e máis cribados con PCR, pero tes que facelos a toda a poboación e de forma continua. Iso é absolutamente inviable. Como os asintomáticos teñen a mesma carga viral que as persoas son síntomas, poden ser detectados a través das augas residuais, que sempre son un espello moi fiel da realidade, non só no caso da COVID. Coas augas residuais obtés moita información sobre a sociedade. Podes saber, por exemplo, canta xente toma antidepresivos ou ansiolíticos, e moitas outras cousas.
E agora ides comezar a estudar a presenza das distintas variantes. Empregades as mesmas técnicas que ata agora?
O estudo de variantes do virus é algo completamente distinto e moitísimo máis complexo que a simple detección do virus, que é como unha PCR. Nós podemos iniciar este estudo a xeito de proxecto-piloto, pero se esta análise se quere levar a cabo máis tempo, é necesario un investimento económico, porque se trata de protocolos moi caros.
"Neste momento estamos a agardar a chegada de reactivos, que como case todas estas cousas non se fabrican en España. Calculo que dentro dun mes xa poderemos ter información sobre as distintas variantes"
Aquí hai que extraer o xenoma dos virus que haxa mesturados na mostra, incluídas todas as súas variantes. E a partir de aí hai que secuenciar os xenomas destes virus. Aí hai que utilizar unha plataforma de secuenciación masiva a través de protocolos moi longos, moi tediosos e moi complexos, cos que podemos coñecer se unha determinada variante está presente na área metropolitana da Coruña e en que cantidade, con que frecuencia.
Cando poderedes comezar a ofrecer as primeiras informacións?
Neste momento estamos a agardar a chegada de reactivos, que como case todas estas cousas non se fabrican en España. Polo tanto, hai que agardar e a partir de aí todo depende do eficaces que poidamos ser. Eu calculo que dentro dun mes xa poderemos ter información e que poderemos ofrecela cada mes.
O ideal sería que análises coma a vosa se levasen a cabo en todas as cidades de España para ter así unha ferramenta de detección precoz de brotes?
"Ogallá se fixese isto en todas as cidades, por suposto. A nivel español hai moitos grupos dispersos traballando neste tema, pero non se coordinan. E un ano despois do inicio da pandemia non se estableceu unha rede de traballo conxunto entre unhas e outras cidades"
Nós estamos nunha rede europea de investigadores que traballan na detección do Sars-CoV-2 en augas residuais. Entre nós hai unha fluidez de información altísima e a nivel da UE hai moito interese por este tema. Pero en España isto non sucede, e tampouco en Galicia. Non hai conexión entre os grupos e ademais este tipo de estudos non se levan a cabo na maior parte das cidades. En parte a diferenza é que na Coruña a xestión das augas a leva unha empresa pública que apostou por este estudo, e no resto das cidades hai empresas privadas, diferentes en cada caso, que non están interesadas nisto
Ogallá se fixese isto en todas as cidades, por suposto. Podería facerse, pero non se fai. A nivel español hai moitos grupos dispersos traballando neste tema, pero non se coordinan. E un ano despois do inicio da pandemia non se estableceu unha rede de traballo conxunto entre unhas e outras cidades. En cambio, en Alemaña mesmo funciona un mapa, que se actualiza mensualmente, cos datos da presenza do virus obtidos en cada lugar.
O que fixemos na Coruña paréceme un logro moi grande e custou moito chegar ata aquí. A difusión dos nosos datos a través da web paréceme moi necesaria e moi xusta, porque ao final estamos falando de cartos públicos que están revertendo na poboación, que chegan de volta convertidos nunha información de interese.