O pasado luns 22 o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, alertou de que a variante do coronavirus descuberta hai uns meses no Reino Unido, máis contaxiosa, era xa predominante en Galicia, cunha prevalencia do 63% das mostras analizadas de forma aleatoria. A incidencia da desta cepa sería mesmo superior (ata o 80%) na área sanitaria da Coruña, a que na terceira onda da enfermidade rexistrou un maior número de casos de Covid-19.
A Consellería de Sanidade estima que esta semana a incidencia en Galicia da nova variante supera o 80% dos novos casos totais
Núñez Feijóo subliñou que a elevada prevalencia en Galicia desta mutación é un dos motivos que fan aconsellable que o proceso de desescalada e relaxación das restricións, iniciado hai uns días, sexa "gradual", ante o risco dun rebrote da pandemia. Ademais, segundo sinala este mesmo luns a Consellería de Sanidade a estimación é que esta semana a súa incidencia en Galicia supere o 80%.
Cómpre salientar, iso si, que os datos que manexan o Goberno galego e o Ministerio de Sanidade baséanse nun número moi reducido de probas realizadas en Galicia, menos de 100 cada semana, polo que a porcentaxe exacta de casos de Covid-19 causados por esta cepa pode variar moito con respecto á cifras feitas públicas. En calquera caso, semella que a súa incidencia é elevada e crecente (o último dato achegado polo Ministerio de Sanidade para Galicia, correspondente á última semana de xaneiro, era do 53%), confirmándose as previsións apuntadas en xaneiro por Fernando Simón de que esta mutación sería predominante no Estado Español en marzo.
A variante descuberta no Reino Unido (B.1.1.7) leva meses estendéndose por toda a Península Ibérica e semella ter sido determinante no número de contaxios rexistrados nos meses de xaneiro e febreiro en España e Portugal, como tamén o foi no propio Reino Unido, Irlanda ou Israel. Os datos que manexa o Ministerio de Sanidade amosan unha gran variación entre as cifras dunhas e doutras comunidades autónomas: dende o 0% da Rioxa, o 4% de Euskadi, o 8% de Aragón ou o 10% de Castela-A Mancha ata o máis do 60% que rexistran Cantabria, Asturias ou Galicia.
O número de casos secuenciados é moi reducido e depende moito da capacidade de cada comunidade autónoma
Hai tamén grandes diferenzas no número de casos secuenciados en cada comunidade autónoma. Así, mentres que en Galicia se secuenciaron na última semana 88 mostras, noutros territorios esta cifra foi moi superior, superándose as mil mostras analizadas en Cataluña, País Vasco e Baleares e achegándose a esa cifra en Andalucía e Madrid. Tan só Canarias e Estremadura notificaron un número de casos secuenciados máis reducido que Galicia.
O Ministerio de Sanidade sinala que "o número de casos secuenciados en cada comunidade autónoma depende en gran medida da capacidade de secuenciación de cada una delas, polo que non representan a prevalencia nas distintas rexións" e adiante que "a integración da secuenciación na vixilancia epidemiolóxica con mostraxes poboacionais aleatorias está en proceso de implementación", o que permitirá contar con datos máis exactos sobre a prevalencia da variante en cada territorio.
En calquera caso, a incidencia da nova variante amosa un ascenso continuado en todo o Estado Español, aínda que a prevalencia varía moito dunhas a outras comunidades autónomas
A clave para a detección da variante B.1.1.7 é que dá negativo á detección do xene S (SGTF) nas probas diagnósticas PCR que inclúen esa diana, polo que o uso destas probas pode servir de cribado para valorar a evolución da presenza da variante nun territorio. Como medida indirecta da presenza desta variante tamén se poden usar PCR específicas dirixidas fronte á mutación N501E, aínda que esta mutación tamén se observa nas variantes (B.1.351 e P.1), descubertas respectivamente en Sudáfrica e Brasil.
Cómpre salientar que mentres que a variante B.1.1.7 descuberta no Reino Unido si que se estendeu de forma imparable polo Estado Español, das outras dúas variantes só se atoparon casos illados (54 da cepa descuberta en Sudáfrica e 17 da descuberta no Brasil). Estas outras dúas variantes incrementan a transmisibilidade do virus, ao igual que a B.1.1.7, pero ademais son máis resistentes ás vacinas desenvolvidas ata o momento.
Análise das augas residuais para detectar as mutacións do virus
A Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Bens, na Coruña, vai comezar a analizar a presenza específica das distintas variantes do virus nas augas residuais da área metropolitana herculina. A EDAR Bens leva meses analizado as augas para detectar carga vírica, un traballo que vén servindo como detector temperán de gromos e que xa anticipou o inicio das últimas dúas vagas da pandemia.
A Estación Depuradora da Coruña vai comezar a analizar a presenza específica das distintas variantes do virus nas augas residuais da área metropolitana
Agora a estación asinou co Concello da Coruña un convenio de colaboración para “detectar e cuantificar” as mutacións do SARS-CoV-2 maioritarias en cada momento. Esta alerta precoz facilitará “establecer un sistema de vixilancia epidemiolóxica baseado nas augas residuais que lle permita ao sistema sanitario valorar os retos aos que se enfronta en cada momento".
A investigación, denominada seqCovidBens, empregará un sistema válido para calquera tipo de mostra de augas residuais e, polo tanto, poderase estender a todo o territorio que se desexe.