Os datos de hospitalización de persoas coa COVID-19 que a Xunta difunde os luns están pechados ás seis da tarde do domingo e adoitan ser dos máis negativos da semana. A razón é o escaso número de altas que os hospitais adoitan dar o domingo. Con esa cautela por diante, as cifras de hospitalización de persoas con test positivo da COVID-19 apuntan este luns a un freo na súa mellora: agora son 536, tres máis que o día previo polo incremento en sete persoas coa doenza ingresadas en unidades ordinarias de hospitalización.
O total de persoas hospitalizadas con test positivo do coronavirus segue sendo dunhas 200 máis que antes do Nadal
O total de ingresos segue sendo, non obstante, inferior ao de hai unha semana (-193) e continúa reflectindo como, devagariño, tamén diminúe a ocupación das unidades de coidados intensivos por persoas coa COVID (agora son 105, tres menos que a xornada previa e 41 menos que sete días antes). Pero tamén segue sendo mostra da virulencia da terceira vaga da pandemia. Non en van, antes do Nadal os ingresos eran uns 200 menos.
A carga do sistema sanitario vai así diminuíndo aos poucos nos hospitais e o mesmo vai sucedendo noutros puntos, caso da Atención Primaria e o rastrexo, dos que depende o seguimento das persoas consideradas "positivos activos" que pasan o illamento nos seus lugares de residencia. O feito de que as altas epidemiolóxicas (xa chegan ás 105.194) sigan sendo moitas máis que os novos casos detectados permite que os caso activos manteñan a liña descendente e cheguen este 1 de marzo a 5.207, cos datos pechados ás seis da tarde do domingo. [A serie completa de positivos activos por áreas sanitarias, nesta ligazón]
A xornada con menos novos casos rexistrados dende agosto
A senda descendente nos novos casos detectados, que amosou sinais de freo a pasada semana, marca nos datos divulgados este 1 de marzo un fito significativo. Entre as seis da tarde do sábado e a mesma hora do domingo, o Sergas sumou 104 novos casos, dos que 101 son diagnósticos mediante PCR. É a cifra máis baixa en vinte e catro horas dende o pasado 10 de agosto, cando foran 84.
A media de diagnósticos mediante PCR segue baixando igualmente, pero cun ritmo máis pausado que durante boa parte do mes de febreiro. Na última semana, Sanidade diagnosticou unha media duns 218 casos ao día por esta vía. Cómpre remontarse aos primeiros días de outubro para atopar unha cifra semellante. Entre a segunda e a terceira vaga da pandemia, o nivel máis baixo apenas descendera dunha media de 300 diagnósticos novos ao día.
Media ducia de concellos con incidencia por riba de 500
Os concellos sen casos novos rexistrados nas últimas dúas semanas son xa uns 80
O descenso xeral no número de novos casos detectados continúa reflectíndose sobre o mapa, aínda que con intensidades dispares. Ás portas dunha nova xuntanza do comité clínico (que este martes revisará por primeira vez a situación dende a entrada en vigor do novo modelo de restricións), media ducia de concellos superan os 500 casos novos por cada cen mil habitantes en catorce días, limiar fixado pola Xunta para manter o peche perimetral. Trátase de Guitiriz, Ponteceso, A Pobra do Brollón, A Mezquita, Moeche e Soutomaior. Deles, actualmente só teñen aplicado o máximo nivel de restricións Guitiriz, Ponteceso e Moeche. Mentres, son xa uns 80 os concellos sen casos novos nas últimas dúas semanas.
Non obstante, cómpre ter en conta que en concellos de escasa poboación unha pequena oscilación nos novos casos provoca grandes variacións na incidencia acumulada. Ademais, os datos que avaliará o comité non serán os publicados hoxe, pechados o domingo. No que atinxe ás sete principais cidades, xa só unha, A Coruña, supera os 200 casos novos por cada cen mil habitantes mentres que dúas, Santiago e Ourense, baixan dos cen [podes consultar a evolución das sete cidades nesta ligazón].
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, a evolución dos últimos días permite que, agora si, a incidencia acumulada a 14 días para o conxunto de Galicia baixase xa con claridade por baixo dos niveis previos ao Nadal. Cos datos do último día completo dispoñible, o sábado 27 de febreiro, este indicador sitúase nuns 155 casos novos por cada cen mil habitantes. No que atinxe á incidencia acumulada a 7 días, á que a Xunta di darlle unha importancia crecente por amosar con máis claridade posibles gromos "explosivos", o seu descenso mantense aínda que cun ritmo cada vez máis pausado e roza agora os 65 casos novos por cada cen mil habitantes.
A positividade media máis baixa dende o verán
Todos estes datos rexístranse nun contexto no que o número de probas PCR procesadas polo Sergas segue diminuíndo aos poucos, nun contexto marcado pola menor presenza de casos sospeitosos, mais tamén pola diminución no número de cribados con estes test. Na última semana, o Sergas procesou unha media diaria dunhas 5.600 PCR. A finais do verán, con niveis comparables de novos casos, eran menos de 4.000 ao día.
Malia á diminución no total de probas PCR, as taxas de positividade seguen en niveis baixos, na contorna do 3%
Malia esta diminución no total de PCR, as taxas de positividade (porcentaxe das que dan positivo) seguen en niveis moi moderados. Tanto é así que a positividade media a sete días para o conxunto de Galicia, que rolda agora o 3,3%, é a máis baixa dende o pasado agosto. Este indicador é especialmente favorable nos últimos días en áreas sanitarias como as de Ourense, Lugo e Santiago-Barbanza, nas tres arredor do 2%, isto é, menos da metade do 5% que a Organización Mundial da Saúde considera como referencia para dar por controlada a pandemia nun territorio.
Oito mortes ao día, media da última semana
Á espera da consolidación dos datos, febreiro de 2021 é xa o terceiro mes con máis mortes ligadas á pandemia
Como no caso da hospitalización, os datos de falecementos de persoas que contraeran a COVID-19 tardan tamén máis en reflectir unha mellora significativa. Este luns entran no cómputo oficial outros once falecementos (9 do sábado, día 27, e dous do venres, día 26) e o total de mortes oficialmente ligadas á pandemia en Galicia chega ás 2.238. Á espera da consolidación definitiva dos datos, febreiro é xa o terceiro mes con máis falecementos ligados á COVID-19 en Galicia dende o comezo da pandemia, só por tras de abril de 2020 e do pasado xaneiro.