- DOCUMENTO | As medidas, xa publicadas no DOG
- INTERACTIVO | O mapa de restricións, coas sucesivas actualizacións da Xunta
O pasado día 22, Alberto Núñez Feijóo compareceu ante a prensa para anunciar a terceira desescalada nas restricións pola COVID-19 tras a correspondente vaga pandémica. O presidente da Xunta anunciou un novo e complexo modelo de restricións por áreas sanitarias e concellos baseado en criterios como a incidencia acumulada do coronavirus ou o nivel de ocupación hospitalaria. Todo, para ser aplicado dende o venres, 26 de febreiro.
Naquela comparecencia, Feijóo non concretou que concellos se adscribirían a cada un dos tres novos niveis de restricións. Só citou dezasete que, dixo, ían estar incluídos no nivel máis restritivo (peche perimetral, veto aos encontros entre non conviventes e hostalería pechada, entre outras medidas) por teren naquel día unha incidencia acumulada superior aos 500 casos novos por cada cen mil habitantes.
Apenas vinte e catro horas despois, a Consellería de Sanidade matizou esa lista -a incidencia xa cambiara-. Os municipios pechados pasan a ser só unha decena en todo país. O departamento sanitario avanzou, tamén, en que nivel estaría cada un dos 313 concellos cando as novas restricións saísen publicadas no Diario Oficial de Galicia e ofreceu algún detalle máis sobre as posibilidades de mobilidade, que despois continuou matizando. Esa publicación chegou este xoves, 25 de febreiro. Algunhas cadran coas resumidas por Feijóo e outras, non.
Tres áreas sanitarias con dupla restrición de mobilidade
O mapa de Galicia pasa a estar dividido, a efectos destas restricións, en catro grandes sectores. Os tres primeiros, os máis restrinxidos, son os correspondentes ás áreas sanitarias da Coruña-Cee, Ferrol e Pontevedra-O Salnés.
Nas áreas sanitarias da Coruña, Ferrol e Pontevedra, a veciñanza só pode desprazarse a outros concellos no seu mesmo nivel de incidencia e da súa mesma área sanitaria
Alén dos concellos que que quedan pechados individualmente nestas áreas (Corcubión, Curtis e Ponteceso, na da Coruña, e Moeche, na de Ferrol), a mobilidade queda condicionada por dous factores: as propias lindes da área sanitaria e a incidencia acumulada da COVID. Os habitantes dos concellos con menos de 500 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días só poden desprazarse entre eles. Isto é, só poden ir a outro concello se está nesa mesma situación e na mesma área sanitaria. Así o confirmou a Consellería de Sanidade na tarde do mércores, 24 de febreiro, a preguntas de Praza.gal, e así quedou ratificado no DOG.
O toque de recollida segue vixente de dez da noite da 6 da mañá e as reunións sociais limítanse a catro persoas agás nos concellos con peche perimetral
Os concellos que poden moverse entre si (nivel 2) compartirán outras restricións en eidos como o da hostalería. Nestes municipios nivel 2 (con menos de 500 casos novos do coronavirus por cada cen mil habitantes a catorce días) destas áreas, os locais hostaleiros só poden atender na terraza cun 50% de capacidade. En ambos casos, estes negocios deberán pechar ás seis da tarde, poden ofrecer servizo de comida para levar ata as 21:30 e envíos a domicilo, ata media noite. O toque de recollida segue de 22h a 6 da mañá.
Estes concellos comparten, ademais, a limitación de catro persoas para encontros de non conviventes. Esa mesma limitación rexe no resto do país agás nos dez concellos con peches perimetrais, nos que as reunións sociais só se permiten entre persoas que convivan. Nesa decena de concellos, a prohibición de encontros entre non conviventes segue tendo excepcións para persoas que vivan soas, que poderán xuntarse con outra "unidade de convivencia" (sempre a mesma), para "menores de idade cos seus proxenitores" se viven en domicilios diferentes ou para "persoas con vínculo matrimonial ou de parella", no mesmo caso. Tamén para o coidado de menores, maiores, persoas con discapacidade ou "especialmente vulnerables".
Catro áreas sanitarias con circulación entre si
No caso das restantes áreas sanitarias, a de Santiago-Barbanza, Vigo, Lugo e Ourense, o modelo de restricións é diferente e os seus territorios quedan ligados a efectos de mobilidade. Segundo a Xunta, isto sucede porque cadansúas situacións hospitalarias son relativamente mellores.
Nas áreas de Santiago, Vigo, Lugo e Ourense, a Xunta permitirá a mobilidade entre os concellos co mesmo nivel de incidencia tanto na propia área como nas outras tres
Os habitantes de concellos destas áreas que aínda superan os 250 casos novos por cada cen mil habitantes pero xa baixaron de 500 (os sinalados no mapa inferior nun ton azul máis escuro) poden moverse entre si, con independencia da área sanitaria na que se atopen. O mesmo sucede cos concellos con incidencias acumuladas inferiores a 250 (os sinalados cun ton azul máis claro). Nos territorios destas áreas hai catro concellos que, por superaren os 500 casos novos por cen mil habitantes a catorce días, están perimetralmente pechados e conservan o máximo nivel de restricións: Guitiriz, O Corgo, Toques, A Peroxa, Gomesende e A Gudiña, segundo as últimas indicacións da Consellería de Sanidade, que non coinciden co avanzado por Feijóo en rolda de prensa.
Nestas áreas, ademais, varía a situación da hostalería. Nos concellos de nivel 3, menos restritivo, tamén poden abrir o interior ata o 30% de capacidade, pero sen atención na barra, ademais da terraza ao 50%.
Tra as devanditas aclaracións e mudanzas da Consellería de Sanidade a respecto do transmitido por Feijóo, a publicación no DOG aclarou as incógnitas que aínda persistían a respecto do novo modelo de restricións. Entre elas, confírmase que segue sendo posible atravesar concellos nos que non estea permitida a entrada para viaxar a outro no que si sexa posible acceder. Por exemplo: unha persoa residente en Lugo poderá viaxar ata Santiago atravesando Guntín e Arzúa, pero sen parar alí agás as excepcións que se contemplen.
Esta posibilidade de transitar recóllese en dous artigos. Un, o relativo aos concellos pechados individualmente, no que a Xunta indica que "non estará sometida a restrición ningunha a circulación en tránsito". Outro, o referido aos concellos dos niveis 2 e 3. Neles, "a entrada e saída de persoas do ámbito territorial de cada un dos concellos (...) unicamente poderá ter orixe e destino noutro dos concellos que figuran na mesma epígrafe que o concello de procedencia".
A Xunta mantén as excepcións que xa rexían para saltar os peches perimetrais, a caza do xabarín e do lobo entre elas
Resta saber, non obstante, cal será o réxime de actualización das restricións, toda vez que a subida ou baixada de nivel de cada municipio está ligada á incidencia acumulada e, nalgúns casos, existen concellos ao límite entre dous niveis. Sanidade asegura que esas actualizacións serán periódicas e Feijóo avanzou que o comité clínico as estudará cada martes, pero non especificou se haberá mudanzas alén desas reunións semanais. O DOG limítase a indicar que "as medidas deberán ser obxecto de seguimento e de avaliación continua, co fin de garantir a súa adecuación á situación epidemiolóxica e sanitaria e para os efectos, de ser necesario, da súa modificación ou levantamento". O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, concretaba este xoves que a Xunta prevé revisar a situación dúas veces á semana, pero cada revisión non implicará, necesariamente, mudanzas de niveis de cada concello.
Todas estas restricións de mobilidade seguen contemplando excepcións como ir traballar, ao médico ou causas de forza maior [a listaxe completa está no punto 4 do anexo deste decreto] Como en anteriores paquetes de restricións, o Goberno galego volve permitir saltar os peches para "accións de caza sobre o xabaril", "acciónz de caza con ocasión de danos á agricultura ou á gandaría" do xabarín e o lobo e, agora tamén, "accións de caza consecuencia de accidentes graves de tráfico reiterados nun mesmo punto quilométrico"
Outras novidades para toda Galicia
Nos concellos dos niveis 2 e 3, a 'desescalada' atinxe a outras actividades como as deportivas
Alén das restricións por áreas e concellos, o Goberno galego tamén anticipou algunhas mudanzas que atinxen a toda Galicia. Entre eles, destaca a reapertura de ximnasios ou piscinas e a volta ao deporte en grupos de ata 4 persoas non conviventes -con máscara obrigatoria- en todos os concellos dos niveis 2 e 3 (todos agás os dez pechados), con independencia da súa área sanitaria.
Ademais, no ámbito do comercio, dende a entrada en vigor das novas medidas poderán volver abrir na fin de semana os centros comerciais que continuaban tendo orde de peche xeral en sábado e domingo, pero co 30% de capacidade. Non obstante, a Xunta xa permitira que determinados establecementos que non considera centros comerciais, senón "grandes superficies" reabrisen tamén na fin de semana. No eido educativo, as principais novidades desta nova fase é o regreso ás aulas presenciais na universidade dende o luns 1 de marzo. As restricións e aperturas para as diversas actividades sociais, culturais e económicas pódense consultar no punto 4 do anexo desta orde.