Dous de cada tres galegos e galegas pasaron a Noiteboa na súa área de residencia, segundo o estudo do INE realizado a partir dos datos de posicionamento dos teléfonos móbiles. Este 66,6% da poboación que non se moveu do seu concello (ou do seu distrito no caso das cidades) supón un incremento con respecto á porcentaxe que se rexistrara no ano anterior (54,1%), unha mostra das maiores precaucións adoptadas por unha parte da cidadanía ante a posibilidade de contaxiar ou ser contaxiada de Covid-19.
A porcentaxe de persoas que pasou o día de Nadal fóra do seu concello ou do seu barrio (nas cidades) reduciuse en 12 puntos entre 2019 e 2020
No conxunto do Estado a porcentaxe que quedou na súa área de mobilidade foi moi semellante á de Galicia (67,9%), cun aumento maior con respecto ao ano 2019 (51,1%). Nas restantes comunidades autónomas prodúcense importantes variacións entre o 73,6% que ficou nas súas localidades ou barrios en Estremadura e o 42,6% que o fixo na Comunidade de Madrid, o territorio onde menos se seguiron as recomendacións das autoridades sanitarias.
A mobilidade foi maior en Ourense e na Coruña e máis reducida en Lugo e Pontevedra
Por provincias, non houbo grandes diferenzas no interior de Galicia, entre o 68,15% de Lugo, o 67,53% de Pontevedra, o 66,07% da Coruña e o 64,09% de Ourense. Nas cidades os desprazamentos foron máis reducidos, aumentando a porcentaxe de persoas que pasaron a noite na súa área de residencia (seguramente pola maior facilidade de regresar ao domicilio propio), con porcentaxes que van dende o 78% de Ferrol, Ourense e Santiago, o 79% da Coruña ata o 86% de Vigo e o máis de 90% de Pontevedra e Lugo.
Durante as xornadas festivas do Nadal, incluídos os días 24 e 25 de decembro, a Xunta levantou os peches perimetrais existentes nunha boa parte dos concellos e permitiu as xuntanzas de persoas non convivintes, recomendando que o número de unidades familiares que se reunisen non fose maior de dúas (cun máximo de 6 persoas, sen contar menores de 10 anos).
O estudo de mobilidade realizado polo INE a partir dos datos de posicionamento dos teléfonos móbiles vén ofrecendo dende o comezo da pandemia un retrato do nivel de desprazamentos (a outros concellos) realizados pola poboación en cada momento. O indicador, que comeza no mes de marzo (co día 18 de novembro como referencia da mobilidade normal) chegan ata o 30 de decembro, amosa como a mobilidade ficou reducida ao mínimo nas semanas de confinamento total que tiveron lugar entre marzo e abril do pasado ano, iniciando posteriormente unha desescalada que foi máis rápida en Galicia que no conxunto do Estado.
Durante o verán houbo máis desprazamentos en Galicia que no resto de España. En cambio, nos últimos dous meses do ano a mobilidade foi menor en Galicia que na media española
Durante o verán houbo tamén máis desprazamentos en Galicia que no resto de España, unha tendencia que se igualou en setembro e outubro. En cambio, nos últimos dous meses do ano a mobilidade foi menor en Galicia que na media española, unha diferenza que se explica polos peches perimetrais impostos polo Goberno galego para conter a expansión da segunda onda da pandemia, medidas de prevención que nalgunhas comunidades autónomas foron máis laxas.