Galicia reduciu a súa mobilidade por debaixo da media estatal durante o confinamento

Aviso sobre o límite de visitas no Clínico de Santiago por mor do coronavirus CC-BY-NC-SA CIG

Dende o ano pasado o INE vén realizando un completo estudo de mobilidade a partir dos datos de posicionamento dos teléfonos móbiles. Aínda que a investigación saltou á primeira liña da actualidade durante o confinamento, o certo é que xa no ano 2019 as operadoras de telefonía achegaran ao INE a información de catro días concretos: un en xullo e outro en agosto para analizar os desprazamentos vacacionais, outro en novembro para medir a mobilidade habitual nunha fin de semana calquera e mais o 25 de nadal para investigar os movementos que se producen nesa data.

A porcentaxe de persoas que nun día calquera saían da súa área pasou en Galicia do 26,3% (valor medido en novembro do pasado ano) a pouco máis do 10% ao longo de marzo

Máis adiante, unha vez que comezou a pandemia e o confinamento obrigado polo estado de alarma, a pescuda xeneralizouse para observar o cumprimento das medidas contra o coronavirus e dende entón o INE veu achegando unha información estatística que este luns publicou de forma completa

Os datos do INE recollidos durante o confinamento refliten como os desprazamentos fóra da área habitual de residencia (para traballo, compras ou ocio) reducíronse ao mínimo nos primeiros días despois da aplicación do estado de alarma, como xa revelaron os datos publicados nese momento por INE e Ministerio de Transportes. Por exemplo, a porcentaxe de persoas que nun día calquera saían da súa área (do seu barrio nas cidade, ou da súa parroquia nos concellos rurais) pasou en Galicia do 26,3% (valor medido en novembro do pasado ano) a pouco máis do 10% ao longo de marzo (caendo mesmo ao 6% nas fins de semana).

En abril os datos aumentaron un chisco (ata o 12% ou 13% en días laborables), un crecemento que se fixo máis evidente ao longo de maio, a medida que íamos entrando nas sucesivas fases da desescalada. A semana do 11 de maio, na que comezou a Fase 1, a mobilidade oscilaba entre o 11% das fins de semana e o 17% entre semana. Na semana do 25 de maio, na que Galicia entrou na Fase 2, a mobilidade en días laborables chegou xa ao 20%. 

Finalmente, cando Galicia saíu do estado de alarma, a partir do 15 de xuño, a mobilidade seguiu incrementándose pero non se disparou, chegando ao 22% o 19 de xuño e ao 18% o sábado 20 de xuño, derradeiro día da análise, aínda bastante por debaixo da mobilidade normal medida en novembro.

Cómpre salientar, como curiosidade, que mentres en circunstancias normais a provincia de Ourense é a que rexistra unha maior porcentaxe de poboación desprazada (27,48%), algo máis dun punto por riba da media galega e dos datos da Coruña e Pontevedra (Lugo aparece moi por debaixo, cun 23,6%), durante o confinamento as provincias da Coruña, Pontevedra e Ourense amosaron datos moi semellantes. 

Isto mudou no momento en que iniciamos as fases do proceso de desconfinamento, cando a provincia de Pontevedra pasa a rexistrar datos de desprazamentos superiores ao resto. A provincia de Lugo, pola contra, tivo durante todos estes meses porcentaxes de desprazamentos moi por debaixo das outras tres provincias, unha situación que se mantiña ao redor do 19 de xuño.

Os datos galegos de mobilidade, con todo, foron superiores á media española durante todo o confinamento. Mentres que en novembro do pasado ano a porcentaxe de desprazamentos no conxunto do Estado (29%) era tres puntos superior á de Galicia (26%), a partir do 16 de marzo, a mobilidade en Galicia estivo por riba do dato español, sobre todo nos días laborables. Esa situación mantívose tamén ao longo das fases de desconfinamento, pero xa na semana do 15 de xuño os datos comezaban a igualarse.

Por outra banda, o volume de tráfico en Galicia descendeu un 83% durante o estado de alarma, segundo publicou este martes a Delegación do Goberno central, unha redución que foi superior nas cidades

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.