Galicia volve moverse: a Fase 1 significou un aumento do 25% nos desprazamentos fóra do fogar

Imaxe de arquivo dun atasco na Coruña © Policía Local A Coruña

As primeiras semanas do confinamento obrigado pola pandemia de coronavirus levaron a un descenso sen precedentes dos desprazamentos fóra do fogar. Así o revelou o estudo levado a cabo polo Ministerio de Transportes e o INE a partir dos datos de posicionamento dos teléfonos móbiles da maior parte da poboación

Os datos de mobilidade que día a día publican o Ministerio de Transportes e o INE comezan a recoller xa os efectos do proceso de desconfinamento

Nas primeiras semanas de aplicación do estado de alarma, os desprazamentos de máis de 500 metros dende a vivenda habitual baixaron un 63% en Galicia, unha redución que foi aínda maior durante as dúas semanas de 'confinamento estendido', nas que só se mantiveron as actividades económicas esenciais. O regreso de parte da actividade económica non esencial, a partir do 13 de abril, significou un aumento importante da mobilidade en Galicia, mesmo por riba da primeira semana de confinamento.

Os datos de mobilidade que día a día publican o Ministerio de Transportes e o INE comezan a recoller xa os efectos do proceso de desescalada, advertíndose un importante incremento da mobilidade no noso país, lonxe aínda, iso si, dos niveis habituais.

Nos cinco primeiros días de aplicación da Fase 1, a mobilidade aumentou un 20% con respecto á semana anterior e un 25% con respecto a dúas semanas atrás

Galicia entrou na Fase 1 o pasado luns 11 de maio. Nos cinco primeiros días de aplicación das novas normas (que permiten, por exemplo, viaxes a calquera concello da mesma provincia) os desprazamentos fóra do fogar incrementáronse ao redor do 20% con respecto á semana anterior e de máis dun 25% con respecto a dúas semanas atrás.

A mobilidade é aínda case un 40% inferior á que se rexistraba nunha semana normal do mes de febreiro, pero os desprazamentos aumentan semana a semana dende comezos de abril.

A mobilidade é aínda case un 40% inferior á que se rexistraba nunha semana normal do mes de febreiro

A evolución é aínda máis clara se só temos en conta a mobilidade "interna", é dicir, aquela que ten lugar dentro de Galicia, excluíndo os desprazamentos cara a outras comunidades autónomas (só permitidos para viaxes xustificadas e o transporte de mercadorías). Neste caso, o pasado luns 11 de maio a mobilidade en Galicia foi só un 25% inferior á dun luns normal previo á epidemia (unha porcentaxe que no resto da semana se moveu entre o 30% e o 34%).

En cambio, na semana anterior a mobilidade de luns a venres fora entre un 39% e un 44% inferior a febreiro e dúas semanas antes estivera entre un 45% e un 46% por debaixo.

Na primeira semana de aplicación da Fase 1, máis da metade da poboación galega (1,6 millóns de persoas) realizou dous os máis desprazamentos diarios fóra do seu fogar (cun mínimo de 500 metros de distancia). Pola contra, 950.000 persoas non saíron deste perímetro. A comparación dos datos das semanas anteriores deixa clara a evolución da mobilidade: nun día calquera destas semanas só 1,3 millóns de persoas facían dúas viaxes ou máis e unha cantidade semellante non facía desprazamento ningún.

O permiso para que nenos e nenas menores de 14 anos puidesen saír á rúa (a partir do domingo 26) non supuxo ningunha alteración nas cifras de mobilidade.

Os datos das últimas semanas permiten comprobar como o permiso para que nenos e nenas menores de 14 anos puidesen saír á rúa (a partir do domingo 26) non supuxo ningunha alteración nas cifras de mobilidade. En cambio, a autorización para que o conxunto da poboación puidese dar paseos ou facer deporte nunhas franxas horarias determinadas si levou a un incremento da mobilidade e ao redor de 5 puntos. O gran cambio produciuse a partir da entrada en vigor da Fase 1.

Na súa páxina o INE tamén publica diariamente datos da evolución da mobilidade por área de residencia. Neste caso a referencia é o concello de residencia (ou o distrito postal no caso das cidades). Os datos por distrito ou concello publícanse con bastante atraso con respecto á súa medición e, por exemplo, ata agora só está dispoñible o indicador correspondente ao 28 de abril. En cambio, para o conxunto do Estado Español xa se pode consultar as cifras do luns 11 de maio, primeiro día de aplicación da Fase 1 para máis da metade da poboación.

O gráfico amosa un lento pero continuado incremento da mobilidade no conxunto de España, que se fará máis evidente cos restantes datos da semana do 11 de maio.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.