O pasado luns 13 de abril supuxo o regreso ao traballo para varios sectores económicos considerados non esenciais, como a construción e algunhas industrias, que se uniran á paralización xeral da actividade durante as dúas semanas anteriores, cualificadas como de confinamento estendido. Os datos de mobilidade que está a publicar o Ministerio de Transporte amosan que a semana do 13 ao 19 de abril foi na que se rexistraron máis desprazamentos fóra da casa en Galicia dende a declaración do estado de alarma.
A redución da mobilidade na última semana moveuse entre o -50% e o -57% de luns a venres, cando nas semanas anteriores a media estivera entre o -55% e o -62%
Os desprazamentos fóra do fogar cunha lonxitude de máis de 500 metros (os contabilizados nesta estatística) reducíranse unha media do 63% nas catro primeiras semanas de confinamento con respecto ao mes de febreiro, con porcentaxes que se foran incrementando dende as dúas primeiras semanas de aplicación das medidas (-59% e -61%) ata as dúas seguintes, nas que entraran en vigor novas restricións, que limitaron as actividades económicas a aquelas consideradas "esenciais". Na terceira semana a redución media dos desprazamentos foi do 65% e na cuarta -coincidindo ademais coa Semana Santa- a caída da mobilidade chegou ao 68%.
Porén, o regreso dalgunhas actividades económicas fixo que esa diminución da mobilidade fose menor na semana do 13 ao 19 de abril, cunha redución media próxima ao 57%, menos importante que a se rexistrara nas dúas primeiras semanas de confinamento.
No último día sobre o que o Ministerio de Transportes ofrece datos, o luns 20, inicio da sexta semana de confinamento, a redución de desprazamentos segue descendendo (-49,8%).
A terceira e cuarta semana de confinamento, cunha actividade económica máis restrinxida, foron as de menos desprazamentos
A diferenza entre esta semana e as catro anteriores déixase notar tanto de luns a venres coma na fin de semana. De luns a venres os valores movéronse entre o -50% e o -57%, cando nas semanas anteriores a media estivera entre o -55% e o -62%. E, de igual xeito, na fin de semana pasada o recorte nos desprazamentos (-65% e -69%) foi o menor de toda a serie, na que se moveu entre o -69% e o -74%.
Aínda que a diminución da mobilidade é moi importante, Galicia é unha das comunidades autónomas nas que os desprazamentos experimentan unha caída menor con respecto ao mes de febreiro. Especialmente nas fins de semana, nas que se converte no territorio coa menor redución, por diante de Estremadura e Murcia. De luns a venres Galicia sitúase en valores próximos á media do conxunto do Estado, con caídas superiores a de varias rexións, como Aragón, A Rioxa, Navarra, Castela-A Mancha ou as citadas Murcia e Estremadura.
Os desprazamentos volveron medrar na quinta semana de confinamento, situándose entre 2 e 5 puntos por riba da segunda semana, cunhas restricións semellantes ás existentes na actualidade
Neste gráfico pódense comparar, semana a semana, as variacións diarias de desprazamentos en Galicia. Na primeira semana de confinamento a redución da mobilidade tardou uns días en materializarse por completo. Ese luns, martes e mércores foron as xornadas de máis desprazamentos, superiores aos da última semana; porén, a caída da mobilidade no resto desa primeira semana foi xa moi importante.
A segunda semana significou unha redución aínda maior dos desprazamentos, o que continuou na terceira e cuarta semana (nesta, ademais, con datos especialmente baixos no Xoves e Venres Santo).
Ata chegar á quinta semana, a partir do luns 13 de abril, cando os valores de desprazamentos volven medrar, situándose entre 2 e 5 puntos por riba da segunda semana, cunhas normas de confinamento semellantes ás existentes na actualidade.
Estes cambios obsérvanse tamén noutros dos indicadores recollidos polas estatísticas do Ministerio de Transportes. Por exemplo, durante a última semana o número de galegos e galegas que non realizaron ningún desprazamento superior aos 500 metros dende as súas casas roldou os 1,3 millóns de luns a venres. Na segunda semana de confinamento, a cifra superou os 1,4 millóns.
De igual xeito, aqueles e aquelas que fixeron máis de dúas viaxes cada día pasaron de roldar as 750.000 persoas a superar claramente as 800.000.