Centos de milleiros de persoas en todo o Estado regresan este luns ou martes (nas comunidades nas que o luns é festivo) aos seus centros de traballo. Continúan as medidas de confinamento, pero retórnase ao réxime aplicado entre o 15 e o 30 de marzo e, polo tanto, entre as persoas que volven á actividade están os traballadores e traballadoras da industria e da construción e os dun gran número de ocupacións que non poden teletreballar. Con todo, a maior parte do comercio e a hostalaría e un gran número de servizos continuarán pechados.
Entre as persoas que volven á actividade están os traballadores e traballadoras da industria e da construción
Para os colectivos que deben regresar aos seus centros de traballo, o Ministerio de Sanidade difundiu este sábado unha serie de recomendacións (dispoñibles na súa páxina web) que inclúen medidas de distancia social e de hixiene que se deben seguir antes de chegar ao lugar e no interior das propios espazos de traballo.
A guía ábrese salientando que "se se presentan síntomas ou se se tivo contacto estreito con persoas afectadas polo virus, a recomendación é que non se acuda ao centro de traballo até confirmar que non hai risco para un mesmo ou os demais". E, igualmente, lémbrase que se deben evitar desprazamentos de traballo e xuntanzas físicas que non sexan esenciais e que poidan liquidarse mediante chamada ou videoconferencia.
Nas viaxes en autobús ou tren recoméndase gardar a distancia interpersoal con outros viaxeiros e usar unha máscara hixiénica, non médica
Como ir ao traballo?
Para o desprazamento ao traballo, recoméndase apostar por medios que non supoñan a agrupación con máis persoas: bicicleta, moto ou camiñando. No caso de ir en coche ou taxi, a recomendación é evitar que viaxe máis dunha persoa en cada fila de asentos. Nas viaxes en autobús ou tren, recoméndase gardar a distancia interpersoal con outros viaxeiros e usar unha máscara hixiénica, non médica. O Ministerio do Interior anunciou que entre luns e martes repartirá 10 millóns de máscaras entre as persoas usuarias do transporte público.
As tarefas, as entradas e as saídas deben planificarse para que os traballadores e as traballadoras poidan manter a distancia interpersoal recomendada, de aproximadamente 2 metros
No centro de traballo
As tarefas, as entradas e as saídas deben planificarse para que os traballadores e as traballadoras poidan manter a distancia interpersoal recomendada, de aproximadamente 2 metros. Igualmente, hai que asegurar que a distancia interpersoal nas zonas comúns e deben evitarse aglomeracións de persoal nestes puntos. A empresa deberá facilitar equipos de protección individual cando os riscos non poidan evitarse ou non poidan limitarse suficientemente por medios técnicos de protección colectiva ou mediante medidas ou procedementos de organización do traballo.
A guía recomenda evitar, na medida do posible, o uso compartido de equipos. Se se comparten, débense aumentar as medidas de precaución, desinfectándoos antes de usalos se é posible
Establecementos abertos ao público
Cando se trate de empresas ou establecementos abertos ao público, deberán implementarse medidas para minimizar o contacto entre persoas traballadoras e o público: O aforamento máximo deberá permitir cumprir co requisito de distancia interpersoal e todo o público, incluído o que agarda, debe gardar a distancia interpersoal.
Uso de máscaras faciais
A guía sinala que non é imprescindible usar máscara durante a xornada laboral se o tipo de traballo non o require e se se mantén a distancia interpersoal. En calquera caso, o persoal deberá estar informado as recomendacións sanitarias que deben seguir de forma individual e estará provisto dos produtos de hixiene necesarios -xabón, solución hidroalcohólica e panos desbotables-, ademais de máscaras nas actividades nas que sexan necesarias.
Non se recomenda o uso de máscaras se o tipo de traballo non o require e se se mantén a distancia interpersoal
Recomendacións aos traballadores e traballadoras
A guía recomenda aos traballadores e traballadoras, ademais de manter a distancia interpersoal de 2 metros, que eviten, na medida do posible, o uso compartido de equipos. No caso de que sexa necesario compartilos, débense aumentar as medidas de precaución, desinfectándoos antes de usalos se é posible. Se non o é, hai que lavar as mans inmediatamente tras o seu uso.
É conveniente reforzar as tarefas de limpeza, con especial incidencia en superficies, especialmente aquelas que se tocan con máis frecuencia
Medidas de hixiene no centro de traballo
A guía aconsella a ventilación periódica nas instalacións polo menos de forma diaria e por espazo de cinco minutos. Para axudar á boa renovación do aire e facelo de maneira habitual, é recomendable reforzar a limpeza dos filtros de aire e aumentar o nivel de ventilación dos sistemas de climatización.
É conveniente reforzar as tarefas de limpeza en todas as estancias, con especial incidencia en superficies, especialmente aquelas que se tocan con máis frecuencia como xanelas ou pomos de portas, así como todos os aparellos de uso habitual polos empregados, desde mandos de maquinaria a mesas e computadores.
O persoal de limpeza debe ter unha correcta protección, realizando todas as tarefas con máscara e luvas dun só uso
O persoal de limpeza asignado a estas tarefas debe ter unha correcta protección, realizando todas as tarefas con máscara e luvas dun só uso, ademais de dispor dos deterxentes habituais, pois son suficientes, aínda que tamén se pode contemplar a incorporación de lixivia ou outros produtos desinfectantes ás rutinas de limpeza.
Lavado das roupas de traballo
Os uniformes de traballo serán embolsados e pechados e trasladaranse ata o punto onde se faga o seu lavado habitual, recomendándose un lavado cun ciclo completo a unha temperatura de entre 60 e 90 graos.
Todo material de hixiene persoal -máscaras, luvas de látex...- debe depositarse na fracción "resto". No caso de que un traballador presente síntomas mentres se atope no seu posto de traballo, será preciso illar o colector onde depositase panos ou outros produtos usados. Esa bolsa de lixo deberá ser extraída e colocada nunha segunda bolsa de lixo, con peche, para o seu depósito na fracción resto.
Os uniformes de traballo deberán lavarse a unha temperatura de entre 60 e 90 graos
De volta na casa
Ao regresar do centro de traballo aos seus domicilios, os traballadores e traballadoras deberán coidar as distancias e as medidas de hixiene no fogar, máxime se conviven con persoas de grupos de risco.