Os datos de evolución do coronavirus difundidos este xoves, 25 de febreiro, son os últimos antes da entrada en vigor do novo modelo de restricións da Xunta, que suporán de facto o comezo da terceira desescalada nas medidas para conter os contaxios, toda vez que as limitacións impostas tras o estoupido dos contaxios do Nadal, Aninovo e Reis só sufriran, nas últimas semanas, uns poucos axustes. Esta nova fase chega tras case un mes de descenso sostido e pronunciado nas cifras de incidencia ou novos casos detectados.
As 586 hospitalizacións que reflicten os últimos datos do Sergas son unhas 250 máis que antes do Nadal e os 121 ingresos en UCI, o dobre que nos días previos ás festas
Esa diminución tamén é evidente no número de persoas hospitalizadas con test positivo da COVID, pero moito máis lento. Tanto é así que mentres as cifras de incidencia e casos novos xa roldan ou mesmo baixan dos previos ao Nadal, as 586 hospitalizacións que reflicten os últimos datos (pechados ás seis da tarde do mércores, día 24) supoñen unhas 250 máis que antes das festas e unha cifra moi semellante á do pico de hospitalización da segunda vaga, acadado a principios de novembro.
Nos hospitais resta, aínda, un bo treito por andar. Máis aínda tendo en conta que as 121 persoas con test positivo da COVID-19 que seguen en coidados intensivos son máis do dobre que antes das festas e tamén máis que no pico de ocupación da segunda vaga. Non obstante, as cifras globais de hospitalización seguen unha liña descendente ao ser 277 menos que unha semana antes. Cómpre ter en conta, ao tempo, que estas cifras non reflicten as persoas que son ingresadas por mor do coronavirus e superan a infección no hospital, pero deben seguir ingresadas por mor do seu estado xeral de saúde. [Por áreas, concellos e incidencia: guía das restricións máis complexas da Xunta pola COVID]
320 casos novos e unha tendencia máis lentamente descendente
O Sergas rexistra unha media duns 260 diagnósticos diarios mediante PCR na última semana, cifra semellante á de antes da segunda vaga
No que atinxe ás cifras de casos novos cómpre seguir ollando, como adoito, máis á tendencia que ao dato puntual do día. Este xoves, o Sergas rexistra 325 casos novos da COVID-19, os computados entre as seis da tarde do martes e a mesma hora do mércores, dos que 260 son diagnósticos mediante PCR. Isto deixa a media semanal de diagnósticos a través de PCR na contorna dos 260, a cifra máis baixa dende comezos da segunda vaga. A tendencia segue, así, sendo claramente descendente, se ben tamén é certo que a velocidade de descenso tende a diminuír.
En termos de días naturais (das 00:00 ás 23:59), a tendencia é moi semellante. A pasada semana, Sanidade sumou algo máis de 300 casos ao día e a actual, algo máis de 200. A combinación destes números coas novas altas, máis de medio milleiro ao día no que vai de semana, permite que sigan baixando as cifras de "positivos activos". Este xoves quedan en 6.772. No peor da segunda vaga chegaran a superar os 10.000 e no peor da terceira, os 22.000.
A incidencia baixa de 200 por primeira vez dende Reis
O ritmo de baixada da incidencia acumulada segue estancado e mesmo tende a enlentecer máis; apenas nove concellos superan os 500 casos novos por cen mil habitantes a catorce días
Estas cifras de novos diagnósticos permiten tamén que sigan descendendo as incidencias acumuladas (casos novos por cada cen mil habitantes) para o conxunto de Galicia. Coa información do último día completo dispoñible (o martes, día 23), a incidencia acumulada a 14 días baixa dos 200 casos novos por primeira vez dende os primeiros días do ano e está a piques de igualar a que había antes do Nadal. No que atinxe ao indicador a sete días, xa baixa de 80. [a serie completa de ambos indicadores, nesta ligazón]. Este descenso segue sendo claro pero o ritmo da baixada está cada vez máis estancado e mesmo tende a enlentecer, especialmente na incidencia acumulada a 7 días que, segundo o Sergas, é un indicador ao que concede cada vez máis importancia.
Alén dos datos para o conxunto do país, a incidencia acumulada a 14 días tamén é especialmente relevante de agora en diante a nivel municipal, toda vez que vira en factor clave no novo modelo de restricións. Os últimos datos fornecidos por Sanidade indican que quedan nove concellos con incidencias superiores a 500 casos novos a 14 días (Guitiriz, Moeche, A Peroxa, Gomesende, Ponteceso, A Gudiña, A Mezquita e Cabanas), se ben só dous deles (Guitiriz e Ponteceso) teñen máis de 5.000 habitantes. Mentres, os concellos con máis de 250 neste indicador -limiar para o nivel menos restritivo- roldan os 60 mentres seguen aumentando aos poucos os municipios sen novos casos a 14 días, que chegan aos 75 -antes do Nadal superaban o centenar-.
No que atinxe ás principais cidades, xa só unha, A Coruña, supera os 300 casos novos por cada cen mil habitantes mentres outras tres (Vigo, Ourense Santiago) seguen baixando cara aos 100. As liñas de evolución da incidencia son claramente descendentes en todas agás en Lugo e Pontevedra, cun certo estancamento un chisco por riba dos 200, no caso da capital lucense, e un chisco por baixo, na pontevedresa.
A positividade media segue por baixo do 5%
Todos estes rexistros prodúcense nun contexto no que o número total de probas PCR procesadas cada día segue arredor das 6.500 (no peor da terceira vaga chegaron a superar as 13.000 por xornada) e en tendencia descendente. Esa diminución no total de test procesados (vinculada a varios factores, dende o número de cribados ata o número de persoas sospeitosas de infección) non está a implicar incrementos significativos nas taxas de positividade (porcentaxe de PCR que dan positivo). A positividade media para o conxunto de Galicia segue sendo inferior ao 4% e, daquela, máis dun punto por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde sinala como referencia para dar a pandemia por controlada nun territorio.
Por áreas sanitarias, como amosa o gráfico sobre estas liñas, as positividades medias máis baixas son as das áreas de Ourense, Santiago, Vigo e Lugo. A máis elevada, a da área de Pontevedra-O Salnés, supera o 6%.
Máis de 2.200 falecementos
Mentres todo isto sucede, tamén van diminuíndo aos poucos as cifras de novos falecementos de persoas que contraeran o coronavirus, cunha diminución especialmente significativa no ámbito das residencias de persoas maiores e con discapacidade, onde xa concluíu a vacinación. Este 25 de febreiro entran no cómputo 9 falecementos máis (6 deles, das últimas vinte e catro horas) e o total chega, polo momento, ás 2.205 mortes oficialmente ligadas á pandemia en Galicia.