Agora, si. Dous meses e máis de 50.400 casos despois dende o día de Noiteboa, o Servizo Galego de Saúde xa detecta menos positivos que antes do Nadal. Atendendo aos datos do último día completo dispoñible, o domingo 21, Galicia rexistrou cada día da última semana unha media duns 285 diagnósticos novos mediante PCR. É un nivel moi semellante ao previo ao Nadal e tamén, practicamente o mesmo ao da fin da segunda vaga da pandemia.
Galicia rexistra unha media de 285 diagnósticos novos por PCR ao día na última semana, un nivel semellante ao previo ao Nadal e tamén ao do final da segunda vaga
Tras dous meses nos que computou máis de 800 de persoas que contraeran a COVID-19, o Sergas agrega este martes, 23 de xaneiro, 216 novos casos, os detectados entre as seis da tarde do domingo e a mesma hora do luns. Deles, 189 son diagnósticos mediante PCR. Trátase das cifras totais máis baixas en vinte e catro horas dende o pasado outono. Son tamén moi semellantes ás rexistradas nas semanas transcorridas dende que as autoridades sanitarias deran por rematada a segunda vaga ata que estoupou a terceira.
O ritmo de descenso no número de novos casos detectados -máis lento nas últimas xornadas- segue indo acompañado de cifras elevadas de altas epidemiolóxicas, isto é, as que reflicten as persoas ás que o Sergas dá por "curadas" por superar a infección e que xa cruzaron a barreira das cen mil (101.249). Esta combinación de factores segue propiciando o descenso no número de "positivos activos", que este martes quedan en 7.748 [a serie completa de positivos activos por áreas sanitarias, nesta ligazón].
A ocupación hospitalaria, por riba das anteriores 'desescaladas'
As persoas hospitalizadas con test positivo da COVID-19 son unhas 300 máis que antes das festas
Na xornada en que o Goberno galego avanzou as primeiras medidas relevantes para a desescalada nas restricións impostas tras as festas para tentar conter esta terceira vaga da pandemia, os únicos indicadores que seguían claramente por riba dos previos ao Nadal e tamén superan os de anteriores desescaladas son os de ocupación hospitalaria. O número total de pacientes nos hospitais con test positivo da COVID-19 sitúase en 693, Son 36 menos que un día antes e 258 menos que o mesmo día da semana anterior. Pero supera en máis de 300 as hospitalizacións que se rexistraban antes das festas.
O elo máis sensible do sistema, as unidades de coidados intensivos, seguen tamén percibindo aos poucos sinais de alivio. Agora son 146 as persoas ingresadas na UCI con test positivo da COVID-19, exactamente as mesmas que un día antes e 59 menos que hai sete días. Antes do Nadal eran apenas medio cento. A redución nas cifras de hospitalización por COVID débese ás altas hospitalarias, pero tamén ás altas epidemiolóxicas (persoas que superan a infección, pero seguen no hospital fóra do cómputo COVID) e, en menor medida, aos falecementos.
O mapa da incidencia, aínda máis clave ás portas das novas restricións
O descenso no número de novos casos detectados segue tendo o seu reflexo nas cifras de incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes), que para o conxunto de Galicia se sitúan en 226 a 14 días e 84 a sete días. Ambos indicadores manteñen unha clara tendencia descendente, pero o seu decrecemento é máis lento dende hai arredor dunha semana.
Os municipios con máis de 500 casos por cen mil habitantes a catorce días, referencia para as restricións máximas, roldan a quincena
Alén dos datos xerais, o avanzado polo Goberno galego sobre as novas restricións evidencia que a incidencia acumulada a 14 días pasa a ser un indicador aínda máis relevante, toda vez que determinados limiares (máis de 500, entre 250 e 500 e menos de 250 son clave á hora de situar un municipio nun dos tres niveis de limitacións á mobilidade e ás actividades socioeconómicas. Así, por exemplo, os municipios por riba de 500 casos por cen mil habitantes a 14 días, limiar para manter o nivel máximo de restricións (o que implica peche perimetral, veto aos encontros de non conviventes e peche da hostalería) roldan a quincena. [A Xunta reabre a hostalería e permite a mobilidade segundo a incidencia da COVID e por áreas sanitarias agás en 17 concellos]
Mentres, na banda contraria, son xa en torno a medio cento os municipios que non rexistraron ningún caso novo da COVID-19 nas últimas dúas semanas (a mediados de decembro chegaron a ser máis dun cento). No que atinxe ás sete principais cidades, Pontevedra está a piques de seguir a liña trazada por Vigo, Santiago e Ourense ao descender dos 200 casos novos por cada cen mil habitantes. As incidencias acumuladas máis elevadas seguen na Coruña e Ferrol, ambas aínda por riba dos 350 e cun ritmo de descenso máis lento. Lugo, pola súa banda, tende a estancarse nos últimos días arredor dos 240.
As baixas incidencias rexístranse en xornadas nas que, malia descender o número total de probas PCR procesadas polo Sergas (unha media dunhas 6.600 ao día na última semana), as taxas de positividade (porcentaxe das que dan positivo) seguen contidas. A positividade media destes test segue, nos últimos sete días, por baixo do 5%, limiar que a Organización Mundial da Saúde sinala como referencia para dar por controlada a pandemia nun territorio. Nas áreas que superan ese 5%, as de Pontevedra-O Salnés e Ferrol, a positividade media rolda o 6%.