A crise económica provocada pola pandemia de Covid-19 está a afectar de forma moi desigual aos distintos grupos de poboación, de xeito que, en xeral, as traballadoras e traballadores máis precarias foron ata agora as máis prexudicadas. Nestes grupos destaca o prexuízo sufrido polas mulleres, que presentan unhas maiores taxas de temporalidade e precariedade que os homes e que, ademais traballan en maior medida nalgún dos sectores máis golpeados pola crise, nomeadamente o sector servizos.
O sindicato fai fincapé no mantemento da fenda salarial entre homes e mulleres, que dende o ano 2009 se reduciu en só 150 euros. A este ritmo serían necesarios 300 anos para igualar os salarios de homes e mulleres
A CIG publicou este xoves a edición 2020 do seu Informe da Situación Sociolaboral das Mulleres en Galiza, que debulla o xeito en que a actual crise está a afectar ás traballadoras. O sindicato fai fincapé no mantemento da fenda salarial entre homes e mulleres, que dende o ano 2009 se reduciu en Galicia unicamente en 2,6 puntos porcentuais, uns 150 euros, pero que continúa a ser dun 4.527 euros anuais. Polo tanto, a este ritmo serían necesarios 300 anos para igualar os salarios de homes e mulleres no noso país.
O informe destaca que as mulleres foron "as grandes damnificadas da pandemia", subliñando que "o 77% do emprego destruído foi feminino", posto que "a maior precariedade e temporalidade propiciou que foran as primeiras en ser despedidas ao inicio da pandemia". A taxa de temporalidade entre as mulleres sitúase no 26%, case 4 puntos por riba da masculina, cando en 2020 a diferenza era de 2,7 puntos. Ademais, o 77% dos empregos a xornada parcial foron subscritos por mulleres, mentres que en 2019 eran o 75,2%.
Outra das cuestións que máis chamaron a atención nos últimos meses foi que a maior parte das 15.900 mulleres que deixaron de figurar como 'ocupadas' pasaron a engrosar o grupo de persoas 'inactivas'. É dicir, non figuran como desempregadas (o paro feminino case non variou entre 2019 e 2020), senón que saíron do mercado laboral: o número de mulleres 'inactivas' aumentou en 17.600.
A CIG salienta que "mentres a crise do 2009 sacara as mulleres da casa, esta en cambio devolveunas ao fogar"
Entre elas, unha parte regresou aos estudos (o número de mulleres inactivas que están a estudar aumentou en 5.200 persoas), outras xubiláronse (o número total de 'retiradas e pensionistas' aumentou en 3.600), pero a maior parte da variación produciuse na categoría de 'labores da casa', que aumentou en 10.200 mulleres. É dicir, o ano da pandemia tivo como consecuencia a expulsión do traballo asalariado de milleiros de mulleres galegas, que pasaron (ou volveron) a ser 'amas de casa' ou que tiveron que dedicarse en exclusiva ao traballo de coidados (do fogar ou de persoas dependentes).
En cambio, entre os homes houbo unha redución de tan só 4.900 'ocupados', que se traduciu nun incremento de 6.200 'inactivos', unha variación que se dividiu case por igual entre o incremento dos estudantes e un aumento dos dedicados aos 'labores da casa'. Cómpre salientar que o número total de mulleres inactivas por estar dedicadas a estes 'labores da casa' viña descendendo de forma continuada dende o ano 2010 (210.600 mil) ata o ano 2019 (169.700) ata o aumento actual (179.900); mentres, o dos homes mantívose estable, cun lixeiro ascenso entre 2009 (25.100) e 2019 (28.100) e 2020 (32.000), mais sempre en cifras moi inferiores.
A variación máis importante no ano 2020 no número de mulleres dedicadas en exclusiva ao fogar e aos coidados deuse entre as traballadoras entre 45 e 54 anos
A variación máis importante no ano 2020 no número de mulleres dedicadas en exclusiva ao fogar e aos coidados deuse entre as traballadoras entre 45 e 54 anos (de 27.500 a 32.600), pero observouse tamén nos restantes grupos de idade.
A CIG salienta que "o descenso da ocupación feminina converteuse en inactividade, non en paro" e que "a volta ao fogar dun número importante de mulleres foi a solución para se facer cargo das persoas dependentes que o peche de escolas infantís, colexios, centros de día..., deixou desprotexidas".
“A muller viuse obrigada a abandonar o mercado de traballo para dedicarse aos coidados de menores e dependentes por mor do confinamento”, denuncia a CIG
A CIG salienta que "mentres a crise do 2009 sacara as mulleres da casa, esta en cambio devolveunas ao fogar". Neste senso, Natividade López Gromaz, responsable do Gabinete de Economía da CIG, subliña que “a muller viuse obrigada a abandonar o mercado de traballo para dedicarse aos coidados de menores e dependentes por mor do confinamento”.
O sindicato destaca que "desde a incorporación masiva da muller ao traballo asalariado, víñase producindo un acercamento paulatino da taxa de actividade feminina á masculina", pero apunta que "na crise que estamos padecendo, cunha connotación totalmente distinta, onde todo o que ten que ver cos coidados quedou desamparado, emerxeu a verdadeira faciana desta actividade: directa ou indirectamente seguen a ser as mulleres as encargadas dos coidados".
A CIG fai fincapé no efecto que tiveron para as mulleres os recortes de servizos públicos levados a cabo nas residencias da terceira idade, centros de día, centros de atención á diversidade ou nos servizos de axuda no fogar
Pola súa banda, a secretaria das Mulleres da CIG, Margarida Corral, denuncia que as mulleres foron obrigadas "a asumir de balde os coidados que o sistema deixou de realizar”. O sindicato fai fincapé no efecto prexudicial que tiveron para as mulleres os recortes de servizos públicos levados a cabo nas residencias da terceira idade, centros de día, centros de atención á diversidade ou nos servizos de axuda no fogar. "Non fomos obxecto de ningunha política específica destinada nin a protexer a nosa saúde, sobreexpoñéndonos ao virus, nin tampouco se recompensou o noso sobreesforzo cunha revalorización social e económica”, di Corral.
O sindicato lembra que o 87% as persoas inactivas por coidado de menores ou persoas dependentes en Galicia son mulleres, o mesmo que o 77% das persoas traballadoras con redución de xornada por coidado de menores de 12 anos ou o 91,6% das persoas que se acolleron a unha excedencia por coidado de fillos ou fillas.
O 8M a CIG convoca unha folga de mulleres de 24 horas e 31 mobilizacións e cidades e vilas galegas
A CIG convoca unha folga de mulleres para o vindeiro 8 de marzo, un paro que será de 24 horas en todos os sectores. E destaca que os datos “demoledores” xustifican a necesidade, “posiblemente máis que nunca na historia recente", de "saírmos á rúa para denunciar celebracións hipócritas por parte dos gobernos que teñen a responsabilidade de eliminar a desigualdade e de lexislar para que se garantan os nosos dereitos e, pola contra, fan pagar a crise sanitaria maioritariamente ás mulleres”. O sindicato convoca ademais 31 mobilizacións en cidades e vilas de toda Galicia, facilitando así a participación de todas as mulleres durante a xornada de folga.
A fenda no número de medio de anos cotizados entre homes e mulleres e na base de cotización prodúcese xa entre os mozos e mozas e aumenta nas seguintes xeracións
O abandono (ou redución horaria) de traballos remunerados para a realización de tarefas de coidados, o mesmo que a fenda salarial, teñen consecuencias directas nas pensións de xubilación que as traballadoras acaban percibindo, provocando unhas diferenzas moi importantes entre as contías recibidas por homes e mulleres. Isto, unido a outros factores provoca que na actualidade as pensións que cobran os homes sexan un 35% superiores ás que perciben as mulleres galegas.
A CIG incide nesta cuestión, salientando que a fenda no número de medio de anos cotizados entre homes e mulleres prodúcese xa entre os mozos e mozas, cunha diferenza de 0,7 anos nas persoas entre 25 e 34 anos e de 1,98 nas persoas entre 35 e 44 anos. Nos traballadores e traballadoras de máis idade a diferenza é cada vez maior, chegando a ser de máis de 11 anos cotizados no grupo de persoas que xa superan os 65.
A diferenza é tamén moi importante no que atinxe ás bases de cotización de homes e mulleres, unha fenda que tamén se inicia nas xeracións máis novas: 177 euros nas persoas de 25 a 34 anos, 303 entre 35 e 44 anos, e 424 euros entre 45 e 54 anos.
No informe da CIG tamén se analiza o diferente impacto que a COVID tivo no número de traballadores e traballadoras ocupadas nos distintos sectores. A EPA xa amosou que o sector servizos foi o máis afectado, a diferenza do sector primario ou da construción, que case non experimentaron cambios ao longo do ano 2020.
Aqueles sectores que teñen un maior número de mulleres traballando foron os que en termos relativos destruíron máis empregos
A CIG incide en que as mulleres sufriron máis a destrución de emprego, pola maior temporalidade e a feminización dalgúns dos sectores máis afectados. Ademais, no sector servizos as maiores caídas do emprego producíronse nas actividades máis feminizadas, o mesmo que na industria aqueles subsectores máis feminizados (como o téxtil) foron os que perderon un maior número de persoas ocupadas.
No gráfico obsérvase a relación entre a diferente variación da ocupación (os sectores que no 2020 gañaron ou perderon traballadores) e o grao de 'feminización' deses sectores. Aqueles que teñen un maior número de mulleres traballando, mesmo nos que as mulleres son maioría, foron polo xeral os que en termos relativos destruíron máis empregos.