Trátase dun dos dez proxectos que o Instituto de Salud Carlos III financia no Estado Español para obter unha vacina fronte á COVID-19. O proxecto está financiado, ademais, polo programa de micromecenado da USC Sumo Valor
A catedrática da USC María José Alonso, investigadora do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), traballa dende o inicio da pandemia no desenvolvemento dunha vacina contra o SARS-CoV-2 baseada na tecnoloxía do ARN mensaxeiro, que tamén empregan, por exemplo, as vacinas de Pfizer e Moderna, xa aprobadas. Trátase, ademais, dun dos dez proxectos que o Instituto de Salud Carlos III financia no Estado Español para obter unha vacina fronte á COVID-19.
O proxecto está financiado, ademais, polo programa de micromecenado da USC Sumo Valor. Unha das liñas deste programa céntrase na loita contra a COVID-19. Empresas e particulares poden apoiar estas investigacións vencelladas ao SARS-CoV-2 mediante microdoazóns por valor non superior aos 3.000 euros, xa sexa unha cantidade monetaria ou un ben. As doazóns poden realizarse a través da páxina web do programa.
Trátase dunha vacina doada de producir e de transportar o antíxeno, ao tempo que é doada de fabricar a grande escala. O obxectivo, ademais, é que tamén sexa facilmente conservable, sen necesidade de frío
Trátase dunha vacina doada de producir e de transportar o antíxeno, ao tempo que é doada de fabricar a grande escala. O obxectivo, ademais, é que tamén poida ser accesible aos países en vías de desenvolvemento, onde as infraestruturas sanitarias son moi precarias e resulta ademais moi complexo manter a cadea de frío.
María José Alonso explica que “igual que as vacinas de Pfizer e Moderna, a nosa, baseada na nanotecnoloxía farmacéutica, consiste en nanopartículas que conteñen ARN (ácido ribonucleico) mensaxeiro, é dicir, que tras a administración destas partículas a un organismo por medio dunha inxección, o que ocorre é que as nanopartículas dirixen o ARN ao interior das células, transfiren a información xenética e xa o noso organismo produce o antíxeno que dá lugar á resposta inmune e nos vai defender fronte á enfermidade”.
Estas nanopartículas foron deseñadas polo equipo da USC e son diferentes ás de vacinas similares como as de Pfizer ou Moderna. Ao longo dos últimos meses o equipo dirixido pola catedrática produciu máis de 150 protótipos usando diferentes biomateriais; despois seleccionou os que cumprían os requisitos necesarios e, unha vez testados in vitro, resultaron dez candidatos que foron testados in vivo e dos que se analizou a súa resposta celular e viral para comprobar cal era o mellor.
Neste momento a vacina atópase "en fase de avaliación clínica". Agora, os ensaios con animais "dirán se a resposta é potente e o seguinte paso será realizar os ensaios clínicos", xa con humanos
Neste momento, explica, a vacina atópase "en fase de avaliación clínica". Agora, os ensaios con animais "dirán se a resposta é potente e o seguinte paso será realizar os ensaios clínicos", xa con humanos. "Somos moi positivos e, de feito, a tecnoloxía desenvolta no noso laboratorio xa está a probarse dende o punto de vista do escalado (estabilidade, criterios de fabricación...) na empresa catalá Hypra, que será a encargada de fabricar a vacina”, explica María José Alonso.
María José Alonso reivindica o papel da investigación, advertindo de que “en España está moi mal financiada" e de que "a porcentaxe do PIB que se lle dedica é moi inferior á desexable”
A catedrática da USC reivindica o papel da investigación, advertindo de que “en España está moi mal financiada" e de que "a porcentaxe do PIB que se lle dedica é moi inferior á desexable”. “A situación que estamos a vivir está a deixar patente que a falta de investimento en ciencia está a ter graves consecuencias na economía, de aí a relevancia de iniciativas como o programa de micromecenado Sumo Valor da USC”, conclúe.
Outra das vacinas desenvolvidas por un equipo galego, o que dirixe o profesor José Martínez Costas no Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS), atópase xa nesa fase de ensaios con animais. Estoutra vacina baséase nunha nova metodoloxía, desenvolvida no propio centro e patentada pola USC, que permite resultados en marxes de tempo reducidos e a baixo custo e que permite producir vacinas contra calquera patóxeno, como xa explicaba nesta entrevista con Praza.gal.