O conselleiro di que na hostalería “hai unha cantidade moi considerable que non abriu coas condicións fixadas” e advirte de que “os que incumpren xóganse o peche futuro”
A Consellería de Sanidade informou este sábado de que nas tres primeiras semanas de febreiro máis de 200 inspectores de saúde pública supervisaron o cumprimento das medidas de seguridade fronte á COVID nun total de 4.107 establecementos de todo tipo en toda Galicia, dos que, di, “no 31% atopáronse deficiencias ou incumprimentos, establecéndose prazos para a súa emenda”. Unhas cifras que a consellería pon o mesmo día en que o seu titular, Julio García Comesaña, sinala, tras a reapertura da hostalería este venres na maior parte de Galicia, que “hai unha cantidade moi considerable que non abriu coas condicións fixadas” e advirte de que “os que incumpren xóganse o peche futuro”.
Máis da metade das inspeccións realizáronse en establecementos de alimentación, onde "nun 37% atopouse algunha deficiencia e, nun 4%, atopáronse incumprimentos de máis importancia"
Segundo Sanidade, as máis de 4.100 inspeccións do persoal de saúde pública nas tres primeiras semanas de febreiro dirixíronse a establecementos de alimentación como supermercados ou ultramarinos (2.313), centros comerciais e prazas de abastos (250), instalacións deportivas (584), ou establecementos de hostalería (765). “O 31% dos establecementos estaban pechados polas restricións aplicables no seu concello, no 38% dos establecementos cúmprense as medidas sanitarias COVID que lle aplican ao tipo de establecemento e, por último, no 31% dos establecementos atopáronse deficiencias ou incumprimentos, establecéndose prazos para a súa emenda”. Isto é, sen ter en conta os pechados ata agora, como a hostalería, case a metade dos establecementos inspeccionados presentaban deficiencias ou incumprimentos.
Segundo o detalle de Sanidade, nos establecementos máis visitados (hipermercados, supermercados ou ultramarinos), o 6% atopábase pechado, o 53% cumpría con todas as medidas sanitarias COVID, nun 37% atopouse algunha deficiencia e, nun 4%, atopáronse incumprimentos de máis importancia. A consellería avanza que “nas próximas semanas esta campaña centrarase en instalacións que permaneceron pechadas nas últimas semanas, como establecementos deportivos (piscinas e ximnasios), ou na hostalería”.
A Xunta di que nas próximas semanas as inspeccións de saúde pública centraranse en establecementos que veñen de reabrir, como a hostalería, onde só este venres a policía autonómica tramitou 50 denuncias
Á espera desas inspeccións coa hostalería reaberta, este sábado o conselleiro amosou o seu malestar con parte do sector. “Estamos francamente preocupados por como se está a producir a desescalada e en concreto no sector da hostalería”, dixo nunha mensaxe distribuída aos medios de comunicación, para engadir que “hai unha cantidade moi considerable polo que estamos vendo que non abriu coas condicións fixadas e co seu comportamento irresponsable está poñendo en risco a todos”.
García Comesaña advirte de que “os que incumpren xóganse o peche futuro dos seus locais pero tamén dos que están cumprindo as normas” e pide “responsabilidade” a todo o sector e “que cumpran co que está pactado”. Igualmente apelou tamén “á responsabilidade dos cidadáns, que esixan tamén eles este cumprimento pola súa seguridade”.
Tamén este sábado outro departamento da Xunta, a Vicepresidencia Primeira que dirixe Alfonso Rueda, informou de que só este venres axentes do corpo da Policía Nacional adscritos á Xunta, a coñecida como policía autonómica, tramitaron 50 denuncias a locais de hostalería.