Galicia fai unha semana por baixo dos 400 novos casos diarios comunicados, unha cuarta parte do que se rexistraba a finais de xaneiro, pero o descenso das curvas xa non é tan vertical
A última actualización dos datos oficiais do Sergas sobre a COVID-19 reflicte 272 novos casos sumados ao cómputo total da pandemia, 244 confirmados por proba PCR nas últimas 24 horas. Hai xa unha semana que as cifras diarias están por baixo dos 400 casos, pero tanto a curva xeral de novos casos no global de Galicia como as dalgunhas cidades comezan a amosar un descenso xa non tan vertical como o de xornadas anteriores.
Por outra banda, nos hospitais a situación das UCI aínda acada agora os niveis que rexistrara no pico da segunda vaga, con 114 casos, o dobre que antes do Nadal, e os falecementos rexistrados na última xornada foron 7.
Os novos casos diarios que se rexistraron na última semana en Galicia son unha cuarta parte dos arredor de 1.300 que eran comunicados no pico da terceira vaga. Para chegar a este punto, similar agora ao que se vivía antes do Nadal, tivo que pasar un mes desde ese pico.
Pontevedra, Vigo ou Santiago amosan curvas máis estabilizadas que Ferrol ou Ourense, aínda en descenso acusado
Pero o descenso dos novos casos comeza a non ser xa tan vertical como en días anteriores, algo que se reflicte especialmente ao analizar as curvas dalgunhas das principais cidades. Pontevedra, Vigo ou Santiago hai días que amosan unhas curvas máis estabilizadas que as de Ferrol ou Ourense, que continúan en descenso acusado.
Nos hospitais, as 114 persoas en UCI achéganse ás 110 que chegou a haber no pico da segunda vaga, pero aínda son o dobre das entre 50 e 60 que se rexistraron durante todo o mes de decembro ata que comezou a ter impacto nelas o aumento de contaxios rexistrado no Nadal.
Ao igual que co global de novos casos, para chegar a esta situación, de algo menos da metade dos casos que había no peor momento, a comezos de febreiro, tivo que pasar un mes. E ademais das persoas en UCI hai outras 419 en hospitalización convencional.
Nas residencias a vacinación está a facer que a melloría da situación sexa moito máis rápida que no resto da sociedade
Nas residencias, pola súa banda, a vacinación está a reflectirse nunha continua caída tanto dos novos casos como dos casos activos, de xeito que xa só queda medio cento de persoas usuarias positivas por COVID. A mellora da situación neses centros é moito máis rápida que no resto da sociedade e os casos activos nas residencias supoñen o 1,45% do total, fronte ao 4% que representaban en xaneiro ou o 7% de novembro.
[Aquí ampliamos a información a respecto dos centros de maiores e discapacidade: As residencias galegas, protexidas pola vacina, só tiveron cinco novos casos de COVID na última semana]