O pasado venres destacabamos a rápida redución no número de contaxio de Covid-19 (e mortes) rexistradas nos días anteriores nas residencias. O efecto da vacinación, coa práctica totalidade dos usuarios e usuarias das residencias e o seu persoal xa protexidos coa segunda dose da vacina de Comirnaty (BioNTech/Pfizer), semellaba claro. Notificáranse unicamente 34 novos casos en sete días, moi por debaixo das 334, 374 e 392 que se rexistraron na segunda, terceira e cuarta semana de xaneiro.
Nos últimos sete días foron unicamente 5 os novos diagnósticos de Covid-19 nas residencias, 2 entre os usuarios e 3 entre o persoal
Unha semana máis tarde a redución é aínda máis clara. Nos últimos sete días foron unicamente 5 os novos diagnósticos de Covid-19 nas residencias, 2 entre os usuarios e 3 entre o persoal. Nos últimos 15 días rexistráronse unicamente 40 novos casos.
A case desaparición das infeccións de Covid-19 contribuíu a reducir o número de casos activos nestas instalacións, que hoxe suman 91 (68 entre os usuarios e usuarias e 23 entre o persoal). O pasado 1 de febreiro eran aínda 825 os casos activos.
A vacina de Comirnaty (BioNTech/Pfizer) ten unha eficacia superior ao 90%, contrastada nos ensaios clínicos previos á súa aprobación e tamén nos realizados en varios países coa poboación que ía sendo vacinada a partir de decembro. Esa eficacia acádase algúns días despois da aplicación da segunda dose. Nas residencias galegas a vacina foi administrada a case o 100% dos usuarios e traballadoras. Con todo, nalgúns centros nos que se rexistrara algún grupo, a vacinación foi adiada, polo que nalgún destes lugares non todas as persoas foron xa inmunizadas.
Os casos nas residencias galegas xa só representan o 1,45% do total, fronte ao 4% ou 5% de decembro e xaneiro ou o 8% de novembro
É certo que neste tempo a cifra de novos positivos e a o número de casos activos descendeu no conxunto de Galicia (tamén fóra das residencias e entre a poboación non vacinada). Porén, a redución xeral (aínda que rápida) está a ser máis lenta que nas residencias. Mentres que entre o 20 de decembro e o 20 de xaneiro a porcentaxe de casos activos nas residencias situábase entre o 4% e o 5% de todos os casos activos de Galicia, dende finais de xaneiro a proporción caeu por debaixo do 4% e continúa descendendo, situándose hoxe no 1,45%.
Na última semana morreron 4 persoas nas residencias, menos de unha por día. No mes de xaneiro, por exemplo, foron 108 os falecementos
A redución dos contaxios, que vén producíndose dende o comezo de xaneiro, provocou tamén o descenso no número de mortes nas residencias. As maiores precaucións adoptadas durante o Nadal (en contraste coa relaxación das medidas no exterior destes centros), unidas aos primeiros efectos da vacinación, fixeron xa que a segunda vaga da pandemia fose nas residencias moito menos dura que no resto dos ámbitos da sociedade.
A mellora das situación, especialmente no último mes, diminuíu o número de mortes nas residencias nas últimas semanas, cun efecto que nos últimos días é moi claro. Na última semana son 4 as defuncións (8 nos últimos dez días), menos de unha por día. No mes de xaneiro, por exemplo, foron 108 os falecementos.
Na segunda metade do mes de febreiro, a porcentaxe de mortes nas residencias sobre o total de defuncións galegas reduciuse ata o 16,2%, fronte ao 27% de xaneiro e o 40% dos meses anteriores
Dende o inicio da pandemia as residencias foron o espazo que rexistrou máis falecementos, superando o 40% das mortes totais durante moitos meses, e chegando mesmo ao 45% durante a primeira vaga, entre marzo e xuño. Durante a segunda vaga, o pasado outono, a proporción seguiu sendo moi elevada, roldando o 40%, coa única excepción de outubro (33%). Porén, xa durante o mes de xaneiro as defuncións de usuarios e usuarias das residencias representaron unha proporción moi inferior, ao redor do 27%.
Mentres que na primeira quincena de febreiro se mantivo nese 27%, na segunda metade do mes (aínda non concluído), a porcentaxe de mortes nas residencias sobre o total de defuncións galegas xa se reduciu ata o 16,2%
15.000 traballadores/as do ensino xa vacinados/as
A Xunta prevé rematar a vacinación dos e das docentes na primeira semana de marzo
A Xunta anunciou este venres que prevé rematar a vacinación (a administración da primeira dose) do persoal docente menor de 55 anos de centros públicos na primeira semana de marzo, antes da data prevista, fixada para o final de mes. O Goberno galego destaca que preto de 15.000 traballadores e traballadoras do ensino xa foron vacinados e vacinadas, e que o proceso se intensificará durante a fin de semana, polo que a previsión é acadar as 20.000 persoas vacinadas o domingo.
En total, está previsto que nesta fase se vacinen unhas 55.000 persoas neste colectivo. A adherencia á campaña superou o 90% nas súas primeiras xornadas.
142.000 persoas vacinadas en Galicia
Galicia superou xa as 200.000 doses da vacina administradas, 30.000 nos últimos tres días
Galicia superou xa as 200.000 doses da vacina administradas, 30.000 nos últimos tres días, cun ritmo de aplicación que foi acelerándose esta semana. 58.689 persoas (o 2,17% da poboación) recibiron xa dúas doses e polo tanto están completamente protexidas e outras 84.000 persoas recibiron unha dose. En total, unhas 142.000 persoas foron vacinadas (con unha ou dúas doses), o 5,26% dos galegos e galegas.
As persoas de menos de 55 anos que xa superaron a enfermidade só recibirán unha dose
As persoas de menos de 55 anos que xa superaran a enfermidade só recibirán unha dose da vacina de AstraZeneca, que será aplicada cando menos seis meses despois do diagnóstico da infección
O Ministerio de Sanidade e as distintas comunidades autónomas publicaron este venres unha nova actualización da estratexia de vacinación, que nas últimas semanas foi xa definindo novos grupos prioritarios, chegando mesmo ata as persoas entre 45 e 55 anos. Na nova actualización destaca a decisión de que as persoas de menos de 55 anos que xa superaran a enfermidade só recibirán unha dose da vacina de AstraZeneca, que será aplicada cando menos seis meses despois do diagnóstico da infección. A razón é que os anticorpos xerados pola enfermidade xa actúan como protectores ante un novo contaxio.
O documento aínda non concreta cales son as patoloxías graves que se consideran "de risco" e que levarán a priorizar a vacinación das persoas menores de 60 anos que as sofran. Entre estas doenzas, aínda non definidas, estarán as enfermidades respiratorias graves, as cardiopatías graves e a diabetes.