Galicia inicia a desescalada cun baixo nivel de contaxios pero cun 60% máis de hospitalizacións que antes do Nadal

Persoal sanitario, preparado para realizar probas PCR CC-BY-SA Sergas

Este venres Galicia inicia unha nova desescalada que permitirá incrementar a mobilidade entre concellos, recupera as reunións con persoas non convivintes e implica a apertura da hostalaría. É o froito de algo máis dun mes de restricións, que permitiron reducir de forma moi rápida a curva de contaxios da terceira vaga da Covid-19, que acadou a finais de xaneiro os seus niveis máis elevados de propagación dende o inicio da pandemia.

A terceira onda conteuse e, de feito, as cifras de novos positivos son xa as máis baixas dende o outono, o mesmo que os indicadores de positividade. A incidencia acumulada nos últimos 7 e 14 días sitúase, así mesmo, en valores semellantes aos rexistrados ao comezo da anterior desescalada, a mediados de decembro.

O número de camas hospitalarias ocupadas e a maior prevalencia da variante do virus descuberta no Reino Unido aconsellan que a desescalada sexa gradual

Con todo, hai algúns indicadores que aínda preocupan e que aconsellan moderar o ritmo da desescalada, que será gradual. Sobre todo, o elevado número de camas hospitalarias ocupadas por pacientes enfermos e enfermas de Covid-19, que aínda rolda os valores máximos acadados durante o pico da segunda onda. De producirse un rebote no número de contaxios e ingresos hospitalarios nas vindeiras semanas, as cifras totais de camas ocupadas volverían acadar máximos moi rapidamente (ademais do efecto negativo causado pola propia fatiga dos e das profesionais sanitarias).

A cifra de novos positivos diarios mantense por debaixo dos 300 e a media diaria nos últimos 7 días (246) permanece en descenso, en niveis semellantes aos do mes de setembro

Segue a producirse, ademais, un número considerable de falecementos (aínda que xa non nas residencias de maiores, cuxos usuarios e usuarias recibiron xa a segunda dose da vacina). E, igualmente, cómpre ter en conta o risco provocado pola prevalencia cada vez maior en Galicia da variante do virus descuberta no Reino Unido, máis contaxiosa.

Este xoves engadíronse 272 novos positivos de Covid-19 en Galicia, 222 deles diagnosticados por proba PCR nas últimas 24 horas. A cifra mantense por debaixo dos 300 e a media diaria nos últimos 7 días (246) permanece en descenso, en niveis semellantes aos do mes de setembro.

Na última semana producíronse 52 mortes, aínda por riba da cifra que se rexistraba no mes de decembro

Descende tamén o número de casos activos (6.273), que se sitúa tres veces por debaixo do nivel máximo que chegou a acadar a finais de xaneiro. A área sanitaria da Coruña segue a ser a que acumula un maior número de positivos, pero tamén está a descender rapidamente.

O número total de persoas falecidas dende o inicio da pandemia é xa de 2.213, sumando unha nova defunción nas últimas 24 horas e 52 na última semana, moi por debaixo das 84 dos sete días anteriores ou dos 139 da semana previa. Con todo, a cifra semanal de mortes está aínda por riba da que se rexistraba no mes de decembro.

A taxa de positividade (3,5%) está no mesmo nivel acadado a mediados do mes de decembro, no inicio da última desescalada

Descende tamén a taxa de positividade (porcentaxe de probas PCR cun resultado positivo), situándose xa no 3,5% na media dos últimos sete días. É un nivel semellante ao mínimo acadado a mediados do mes de decembro, no inicio da última desescalada. Pontevedra é a única área sanitaria aínda por riba do 5%, unha porcentaxe que tamén rolda Ferrol. Lugo e Ourense están por debaixo do 3%.

Nos últimos sete días houbo tan só dous casos novos entre os usuarios e usuaurias das residencias e tres entre o persoal

Nas residencias a situación continúa a mellorar moi rapidamente, grazas á administración das vacinas entre o persoal e as persoas usuarias, que hai xa días que recibiron a segunda dose, que proporciona a inmunización ante o virus. Hai tan só 91 casos activos (63 entre usuarios/as e 28 entre o persoal). O pasado 1 de febreiro había 825 casos activos. 

Nos últimos sete días houbo tan só dous casos novos entre os usuarios e usuaurias e tres entre o persoal. Cómpre ter en conta que nalgunha residencia, que se rexistrara algún gromo no mes de xaneiro, a vacinación adiouse ata a desaparición destes brotes.

Sete concellos teñen IA acumuladas por riba dos 500 casos

A incidencia acumulada segue a descender na maior parte dos concellos, con 80 localidades que non rexistraron ningún novo caso nos últimos 14 días. 

Guitiriz e Moeche son os lugares cun maior número de casos por habitante e outros cinco concellos superan unha incidencia de 500 casos por cada 100.000 habitantes en dúas semanas. Outras 46 localidades sitúanse entre 250 e 500.

A Coruña e Ferrol son as urbes con maiores incidencias, pero xa por debaixo dos 300 casos por cada 100.000 habitantes

Nas sete cidades a tendencia é tamén de mellora, aínda que Lugo leva algúns días ralentizando o seu descenso. A Coruña e Ferrol son as urbes con maiores incidencias, pero xa por debaixo dos 300 casos por cada 100.000 habitantes. Santiago e Ourense, cunha recuperación moi rápida nas últimas semanas, son as cidades nunha mellor situación.

No inicio da segunda desescalada a cifra de camas ocupadas roldaba as 350. Hoxe o número é un 60% superior

Nos hospitais tamén mellora a situación, pero o número de camas ocupadas segue a ser moi elevado. Nestes momentos hai 117 persoas enfermas de Covid-19 nas UCI e 447 noutras unidades de hospitalización, un total de 564 camas ocupadas. A cifra está moi por debaixo do máximo de 1.452 acadado o 1 de febreiro pero aínda se sitúa moi por riba dos niveis que se rexistraban en decembro, no inicio da última desescalada. 

Daquela o número total de camas ocupadas moveuse durante varias semanas entre as 330 e 360. Hoxe a cifra é un 60% superior. De feito, o dato actual aínda é moi semellante ao máximo de camas ocupadas acadado na segunda onda da pandemia, no mes de novembro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.