A Xunta prevé que as policías locais controlen as medidas da COVID na hostalería dúas veces á semana

Clientes dun local de hostalaría, consumindo na barra © Hostalaría compostela

Dúas visitas da policía local por semana a cada local de hostalaría. Esa é unha das medidas coas que a Xunta prevé controlar o cumprimento das medidas de prevención da COVID durante a nova desecalada que permite a reapertura de bares e restaurantes desde este venres na maioría de localidades galegas. 

O plan da Xunta prevé que a policía local visite dúas veces á semana cada local para comprobar o cumprimento das medidas

O Plan de hostalaría segura publicado este xoves no Diario Oficial de Galicia (DOG) establece como obxectivo que os axentes fagan "preferentemente dúas visitas semanais por local de hostalaría" en todos os concellos con policía local de máis de 20.000 habitantes e en aqueles de ata 20.000 que conten conm máis de tres efectivos en activo.

Código QR nun local de hostalaría © Scan for Safe

Ademais, establécese que naqueles municipios onde haxa tres ou menos axentes locais ou non teñan este corpo policial, as inspeccións deberíanse levar a cabo unha vez á semana "pola policía local ou a través da colaboración e do apoio das demais forzas e corpos de seguridade". 

A policía pode suspender a actividade e desaloxar un establecemento en caso de incumprimento xeneralizado das medidas

O obxectivo destas visitas --á marxe das inspección que poidan facer as autoridades sanitarias-- será o de comprobar o cumprimento de diversas medidas: a exposición no exterior do local da capacidade máxima permitida, que non se supere a porcentaxe máxima da capacidade establecida en cada momento, que non se use a barra nin se supere a ocupación máxima das mesas permitida, que se cumpra cos horarios establecidos e que a clientela e o persoal respecten as distancias e usen a máscara. 

No caso de que se incumpran as medidas de prevención e os responsables do establecemento non atendan á demanda dos axentes, as forzas de seguridade poderán "suspender inmediatamente" a actividade e "desaloxar e precintar" o local, así como aplicar medidas para "garantir a seguridade". 

Estas medidas drásticas levaranse a cabo no caso de incumprimento xeneralizado das distancias de seguridade ou do uso adecuado das máscaras, a presenza de persoas don sintomatoloxía compatible coa COVID ou que estean sometidas a illamento ou corentena, o incumprimento grave das medidas de limpeza e desinfección ou da capacidade máxima ou agrupacións de persoas ou cando haxa aglomeracións no interior ou no exterior dos locais. 

Os locais de restauración deberán dispor dun código QR onde a cliente poderá rexistrar a súa presenza e axudar a rastrexar contactos no caso de positivos

Ademais, o Plan de hostalaría segura tamén establece un método para reastrexar entre os clientes dos locais no caso de gromo ou contacto con positivo. Os titulares do establecemento obterán un código QR na web coronavirus.sergas.gal e a través da aplicación da Xunta Passcovid, a clientela "poderá rexistrar a súa presenza nel mediante a captura do código QR, o cal axudará a detectar posibles concentracións de contaxios con maior rapidez".

No caso de que as persoas non dispoñan da aplicación Passcovid --que teñen instalada a tal hora menos de 65.000 galegos-- o local "poderá dispor de QR personalizados para entregarlles aos usuarios e que permitan a súa rastrexabilidade en caso de detección de casos positivos".

Mobilización do sector hostaleiro en Rianxo © Hostalería Compostela

O plan establece que o código QR deberá estar nos locais a partir do 5 de marzo aínda que a Xunta non dá aclarado se será obrigatorio

Aínda que o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou ao sector o pasado mércores que o uso deste código QR polos establecementos non é obrigatorio, o último punto do plan publicado no DOG establece que a as medidas "en canto á obriga de dispor dun cartel e en canto á obriga de obter un código QR ou de dispor dun código QR personalizado  terán efectos a partir das 00.00 horas do día 5 de marzo" e non desde este venres 26. Xa que logo, as actuacións de control anteriores a ese día "limitaranse a informar da súa exixibilidade a partir da indicada data, sen que proceda dar inicio a ningún procedemento sancionador". 

Rueda explicara o mércores que se ben o uso deste código QR non é obrigado, si é necesaria a colaboración do sector e das administracións para estendelo o máximo posible en beneficio da saúde da cidadanía. 

Neste mesmo xoves, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou respecto á implantación cos códigos QR que o seu vicepresidente seguía negociando co sector e que, ainda que lle gustaría, "non todos os establecementos están preparados tecnoloxicamente" para implantalo. "Para os que poidan facelo, suporá maior seguridade para os seus clientes", explicou. 

Ademais, no propio plan publicado no DOG a Xunta aclara que o obxectivo é a "reactivación segura" da hostalaría baseada en "tres piares básicos: a máxima seguridade no acceso aos establecementos, o máximo seguimento de posibles gromos e posibilitar o máximo control no cumprimento das disposicións sanitarias vixentes".

O Goberno galego destaca a importancia dun sector que conta con 23.000 restaurantes, bares e establecementos de aloxamento, pero lembra tamén que os establecementos de hostalaría e restauración son lugares "de convivencia e interacción social" que "favorecen os encontros entre persoas que comparten un mesmo espazo, con proximidade, e durante os cales se produce o consumo de alimentos ou bebidas e a consecuente necesidade de retirar a máscara nese instante". Para a Xunta, aclara, o obxectivo é "unha apertura gradual, progresiva e segura" dos establementos. 

Ademais, Feijóo anunciou o lanzamento dun plan específico para o comercio por 20 millons de euros, con boos para incentivar o consumo entre a cidadanía. Ao tempo, elevou a case 27.000 as solicitudes recibidas para o segundo plan de rescate de autónomos e hostalaría e presumiu de que é "o único que está funcionando". 

Ademais, aproveitou para criticar o presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, ao que acusou de "chegar tarde" ás axudas á hostalaría e de falar de axudas por 11.000 millóns "sen coñeerse os criterios". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.