Son en total 50.000 docentes e outro persoal dos centros de ensino, que recibirán a vacina de AstraZeneca nos hospitais de referencia das áreas sanitarias nas que traballen
Este mércores comezará a vacinación do profesorado galego de Infantil, Primaria e Secundaria de menos de 55 anos. Son en total 50.000 docentes e outro persoal dos centros de ensino, que recibirán a vacina de AstraZeneca nos hospitais de referencia das áreas sanitarias nas que traballen (non necesariamente onde teñan o seu domicilio) e serán citados e citadas por orde alfabética dos seus apelidos, comezando pola letra 'H'. Deste xeito, evitando convocar ao mesmo tempo a todo o profesorado dun centro, búscase minimizar o impacto lectivo.
A vacinación comezará polo persoal das Escolas Infantís, para pasar despois aos de Primaria e, finalmente, aos de secundaria. O profesorado universitario, que non foi sinalado como persoal esencial, queda para posteriores fases do proceso de vacinación.
A Xunta espera que todos eles e elas reciban a primeira dose da vacina antes de final de marzo
A Xunta espera que todos eles e elas reciban a primeira dose da vacina antes de final de marzo ou na primeira semana de abril como moi tarde, sempre dependendo do ritmo de distribución das vacinas. Os e as docentes son consideradas persoal esencial (o mesmo que as forzas de seguridade e emerxencia) e entran nesta segunda fase de inmunizacións case en paralelo ás persoas de máis de 80 anos anos, que están a recibir as vacinas de Pfizer e Moderna. A segunda dose da vacina será administrada entre 10 e 12 semanas despois da primeira. A Consellaría de Sanidade informa de que o profesorado entre 55 e 65 anos será vacinado cando haxa unha maior dispoñibilidade das vacinas de Pfizer e Moderna (a de AstraZéneca non foi autorizada para as persoas maiores de 55 anos).
Nestas probas, denuncia CIG-Ensino, producíronse varios "erros de coordinación" que provocaron "caos e malestar" entre moitos e moitas traballadoras do ensino
Con todo, xa este luns e martes leváronse a cabo vacinacións (ao redor de dúas mil), a xeito de proba do sistema que se porá en marcha a partir deste mércores. Nestas probas, denuncia CIG-Ensino, producíronse varios "erros de coordinación" que provocaron "caos e malestar" entre moitos e moitas traballadoras do ensino.
O sindicato explica que por exemplo moitos e moitas docentes recibiron SMS con citas para ser vacinados e vacinadas, mensaxes que nalgúns casos convocaban a persoas de máis de 55 anos que non poden recibir a vacina de AstraZeneca. De igual xeito, a CIG denuncia que uns 200 docentes tiveron que agardar no Hospital de Montecelo en Pontevedra "durante horas" por unhas vacinas "que non daban chegado". O sindicato critica a "precipitación" e cualifica as probas como "un exercicio de improvisación e desorganización".
Entre o 27 de febreiro e o 2 de marzo o estudantado universitario será chamado a un cribado
No proceso de vacinación haberá grupos de docentes que serán relegados ás últimas semanas, por exemplo o persoal liberado a tempo completo, como solicitou CIG-Ensino. Así mesmo, é posible que se decida deixar para o final o persoal que non traballa en contacto directo co alumnado. Se hai persoas que non se vacinan, deberán indicar por escrito que non queren. A decisión non é irreversible e poderán ser vacinadas noutro momento se así o solicitan.
Cribado do estudantado universitario
A Consellaría de Sanidade anunciou este martes que durante os vindeiros días 27 e 28 de febreiro e 1 e 2 de marzo o Sergas realizará cribados ao conxunto do estudantado das tres universidades galegas. Serán citados e citadas no transcurso desta semana mediante o envío de SMS para acudir á realización dun test de antíxenos en dispositivos de alta capacidade das distintas cidades