Tras horas de idas e voltas e mesmo declaracións contraditorias entre si, o Goberno de España ratifica no Boletín Oficial do Estado que se adhire ás teses dos gobernos autonómicos que, como a Xunta, reclamaran reimplantar a obriga de uso da máscara ao aire libre con independencia de que exista distancia de seguridade entre as persoas. O Real Decreto publicado este xoves modifica a lei de nova normalidade para, xustifica, procurar "reducir a transmisión comunitaria" do SARS-CoV-2.
Dende este 24 de decembro e de maneira "temporal", segundo o Executivo que preside Pedro Sánchez (que non ofrece referencias sobre esa referencia de tempo), a máscara volve ser obrigatoria para toda a poboación "de 6 anos en diante" en "calquera espazo ao aire libre de uso público ou que se atope aberto ao público". A única diferenza coas normas que rexían ata o pasado xuño é a especificación das excepcións.
O Goberno de España ratifica no BOE que se adhire ás teses de gobernos autonómicos que, como a Xunta, reclamaran reimplantar a máscara no exterior con independencia da distancia de seguridade
No caso das actividades ao aire libre, di o decreto, non cumprirá levar máscara "durante a práctica de deporte individual". Tampouco "durante a realización de actividades de carácter non deportivo" que se fagan "en espazos naturais" e "mantendo, en todo caso, a distancia mínima de 1,5 metros coas outras persoas que non sexan conviventes". Nalgunhas declaracións públicas, dirixentes gobernamentais apuntaron a que esa referencia a "espazos naturais" ten como finalizade que a obriga xeral se circunscriba aos espazos urbanos e deixe fóra os rurais, se ben o decreto non achega máis detalles para definir o que se considera como "espazo natural".
A excepción para "actividades de carácter non deportivos" en "espazos naturais" non especifica que contornas en concreto terán esa consideración
Alén desta mudanza, a máscara segue sendo obrigatoria como ata agora "en calquera espazo pechado de uso público ou que se atope aberto ao público". O resto das excepcións tampouco teñen cambios: así, mantense a dispensa para persoas que non poidan portala mor motivos de saúde xustificados e tamén para actividades que sexan "incompatibles" co uso da máscara atendendo "ás indicacións das autoridades sanitarias". Engade o decreto que a flexibilización da nova regulamentación só chegará "cando se constatase unha mellora da situación epidemiolóxica"
O uso xeral de máscara ao aire libre con independencia da distancia de seguridade deixara de ser obrigatorio o pasado xuño, de xeito paralelo ao avance da vacinación. No caso de Galicia, esta medida estivera en vigor durante practicamente un ano, xa que a Xunta fora un dos primeiros gobernos autonómicos en introducila en xullo de 2020, xusto despois das eleccións ao Parlamento.
Á marxe das máscaras, o Real Decreto "habilita" os centros sanitarios públicos e privados para que excepcionalmente poidan contratar persoal médico ou de enfermaría que xa se xubilase para "actividades asistenciais relacionadas coa COVID". Tamén flexibiliza as condicións para a contratacón de persoal médico especialista titulado fóra da Unión Europea.