Galicia suma outros tres mil novos positivos de COVID, pero a hospitalización mantense estabilizada

Toma de mostras para a realización de probas PCR no COVID Auto do hospital Gil Casares de Santiago CC-BY-SA Sergas

Hai tempo que se confirmou que a sexta vaga da pandemia ten unhas características que a diferencian por completo das demais. Moitos máis positivos, en boa medida debido á maior transmisibilidade da variante omicron e á ausencia de restricións, pero a maior parte de carácter asintomático cunhas cifras de hospitalización, grazas á vacinación, que se manteñen en niveis baixos.

Haberá que agardar aos vindeiros días e semanas para comprobar se o 'tsunami' de positivos se traduce nun incremento da presión hospitalaria e dos casos graves. De momento non o fai

Este domingo os datos, que cómpre acoller con cautela polo efecto distorsionador que poden ter as celebracións de Noiteboa e Nadal, repiten o récord de novos positivos, de novo ao redor dos 3.000, con cifras máximas de probas realizadas. Porén, afortunadamente, os datos hospitalarios (de persoas ingresadas con efectos graves da enfermidade) case non varían. Haberá que agardar aos vindeiros días e semanas para comprobar se o 'tsunami' de positivos se traduce nun incremento da presión hospitalaria e dos casos graves. 

Podemos estar ás portas dun mes de xaneiro de grandes problemas de saturación nos centros sanitarios (sobre todo se finalmente a COVID se suma a unha epidemia de gripe) ou, en cambio, podemos asistir aos primeiros indicios de que a actual pandemia se converte en 'endemia', unha enfermidade que, de forma periódica ou mesmo estacional, imos sufrir en distintas variantes, de forma moi xeral pero con efectos menos graves, algo así como a gripe que coñecemos.

Este domingo o Sergas notifica 2.778 novos casos de COVID, algo por debaixo dos 3.100 notificados os sábado

Este domingo o Sergas notifica 2.778 novos casos de COVID, algo por debaixo dos 3.100 notificados os sábado, aínda que cómpre ter en conta que onte foi festivo, día de Nadal. De feito, o número de PCR realizadas tamén descendeu un chisco, de 15.307 (récord absoluto durante a pandemia) a 13.578. Na última semana detectáronse case 15.000 novos positivos con case 82.000 PCR realizadas.

A positividade media (porcentaxe de probas de detección da COVID cun resultado positivo) segue en niveis moi elevados, cunha media do 15% na última semana no conxunto de Galicia, tamén superando os valores máis elevados de toda a pandemia.

O número total de casos activos (24.252) segue a medrar de forma moi rápida e supera os algo menos de 23 mil que se rexistraran durante o os últimos días do pasado mes de xaneiro. Supón, polo tanto, o récord absoluto durante a pandemia

O número total de casos activos (24.252) segue a medrar de forma moi rápida e supera os algo menos de 23 mil que se rexistraran durante o os últimos días do pasado mes de xaneiro. Supón, polo tanto, o récord absoluto durante a pandemia. Porén, a gran diferenza é que as máis destas persoas cun diagnóstico positivo se atopan sen síntomas importantes e, de feito, a maioría non teñen síntoma ningún.

Hai tempo que moitos expertos veñen recomendando emprestar menos atención ás estatísticas de incidencia e centrarse, sobre todo, nas de hospitalización, facendo fincapé en que os maiores riscos desta sexta vaga poden proceder dunha posible saturación do sistema sanitario. Aínda que a porcentaxe de casos graves pode ser moi reducido, de producirse unha multiplicación de contaxios moi superior ás do pasado, os ingresos hospitalarios poderían acadar de novo cifras preocupantes.

As máis das persoas cun diagnóstico positivo non teñen síntomas importantes e, de feito, a maioría non teñen síntoma ningún

O outro risco evidente é para as persoas máis vulnerables, ben pola súa idade, ben por tratarse de persoas inmunodeprimidas, e tamén para as persoas non vacinadas. Todas elas corren o risco de desenvolver unha enfermidade grave no caso de contaxiarse, tendo en conta a enorme circulación do virus que se está a producir actualmente, sobre todo a través de persoas sen síntomas. A vacinación, especialmente as doses de reforzo que se están a administrar nas últimas semanas son a mellor defensa para esta situación.

A incidencia é máis elevada nas áreas sanitarias de Pontevedra e Vigo

A incidencia media en Galicia supera os 830 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días, cunha incidencia en 7 días en valores máis preocupantes: 525 casos. A incidencia é máis elevada nas áreas sanitarias de Pontevedra e Vigo, por riba dos mil casos por cada 100.000 persoas en dúas semanas. Ourense tamén supera a media galega e Santiago achégase a ela. En cambio, A Coruña, Ferrol e Lugo presentan mellores indicadores.

O número de persoas nas UCI (55) acadou este domingo o seu máximo dende finais de agosto, pero o aumento é moi leve

As cifras de hospitalización seguen estables e esta é de momento a mellor noticia. O número de persoas nas UCI (55) acadou este domingo o seu máximo dende finais de agosto, medrando dende as 51 camas ocupadas do sábado. Con todo, o aumento aínda é moi leve. 

Mantense estabilizado tamén o número de ingresos noutras unidades convencionais, correspondentes a persoas con enfermidade menos grave: son en total 219, dúas menos que onte e 8 menos que hai unha semana.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.