Consellos para un Nadal sen contaxios: un máximo de dúas unidades familiares nas ceas, máscara e ventilación

Árbore de Nadal Dominio Público pxhere.com

Entre o 24 e o 25 de decembro, a maioría dos galegos e galegas reunirase con familiares e amizades, encontros que continuarán nas dúas vindeiras semanas e que implican -sobre todo se se realizan en interiores- un risco de contaxio da COVID-19, sobre todo nun momento de rápido incremento das infeccións, a maior parte de tipo asintomático. Como xa sucedeu o pasado ano expertos e expertas poñen sobre a mesa consellos e recomendacións para limitar este risco de contaxio, comezando pola redución do número de persoas e unidades de convivencia nestes encontros.

A Xunta difundiu este venres unha serie de recomendacións elaboradas de forma conxunta por algunhas das persoas que a través do Subcomité Clínico veñen asesorando ao Goberno galego

A propia Xunta de Galicia difundiu este venres as súas propias recomendacións, elaboradas de forma conxunta por algunhas das persoas que a través do Subcomité Clínico veñen asesorando ao Goberno galego na loita contra a pandemia e os seus efectos. O documento, aínda que destaca a importancia da protección proporcionada polas vacinas (máis do 85% da poboación galega conta coa pauta completa e unha gran porcentaxe dos e das maiores de 60 anos teñen xa a súa dose de reforzo), subliña que "segue sendo necesario aplicar o deber de cautela e protección".

Adornos de Nadal no Ifevi (Vigo) no comezo da vacinación infantil contra a COVID en decembro de 2021 CC-BY-SA Foto: Sergas | Montaxe: Praza.gal

Recoméndase levar a cabo agrupacións "limitadas a un máximo de dúas unidades de convivencia" e "constantes", mantendo o mesmo núcleo durante todas as festas

A primeira recomendación é a de levar a cabo agrupacións "limitadas a un máximo de dúas unidades de convivencia" (entendendo por unidade de convivencia as persoas que conviven habitualmente no mesmo domicilio) e "constantes", sinalando que "debe manterse o mesmo núcleo social ou familiar durante todas as festas limitando as visitas a múltiples domicilios".

Así mesmo, destácase a necesidade de empregar a máscara de protección durante estes encontros, "sempre posta e ben colocada", retirándoa "só no momento de comer e beber". Tamén se pide manter "na medida do posible" a "distancia de seguridade recomendada" e "ventilar os espazos interiores", mantendo un "especial coidado" coas persoas vulnerables.

Pídese empregar a máscara de protección en todo momento, retirándoa "só no momento de comer e beber"

En canto ás persoas residentes en centros sociosanitarios, nomeadamente os de atención á terceira idade ou a persoas con discapacidade, prégase que se saen da residencia realicen unha proba diagnóstica de detección da COVID antes de regresar ao centro, sobre todo se as saídas duran máis de 48 horas (no caso de estaren vacinadas) ou de 24 horas (de non estalo).

Consellos para unha axeitada ventilación

A ventilación é máis eficaz se é "continúa, distribuída e cruzada", é dicir, abrindo portas e/ou xanelas opostas de maneira que se facilite a renovación total do aire da estancia

O documento tamén realiza unhas recomendacións específicas para a ventilación dos espazos interiores, lembrando que a posibilidade de contaxio increméntase "na distancia curta, en contornas pechadas e concorridas, especialmente nos espazos mal ventilados, e se se realizan actividades que aumenten a xeración de aerosois como falar alto, gritar ou cantar". A Xunta xa realizou nos últimos meses recomendacións semellantes sobre a axeitada ventilación de aulas e outros espazos.

A ventilación é máis eficaz se é "continúa, distribuída e cruzada", é dicir, abrindo portas e/ou xanelas opostas de maneira que se facilite a renovación total do aire da estancia. A ventilación é aínda mellor se as portas e fiestras abertas están opostas en diagonal. É preferible, en lugar de abrir totalmente unha xanela, repartir a mesma apertura entre o maior número de puntos. Deste xeito, canto máis tempo estean as xanelas abertas e con maior frecuencia, mellor será a renovación do aire.

Juan Gestal © Ed. Bolanda

Juan Gestal: "número reducido de persoas e con medidas de prevención"

Gestal recomenda reunirse cun número reducido de persoas e adoptando medidas de prevención: ventilación, uso de máscara FFP2, distancia de seguridade...

Este venres 24 de decembro tamén Juan Gestal, Profesor Emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC, que vén de publicar o libro Pandemias. Las epidemias que asolaron la humanidad (Ed. Bolanda, 2021), difundiu unha serie de recomendacións para limitar o risco de contaxios nos encontros sociais que se producen nestas datas. "Nestas datas de Nadal nas que nos estamos reencontrando cos nosos familiares e amigos debemos de ser moi prudentes para evitar contaxiarnos e poder gozar destas festas sen ter que acabar no hospital", di Gestal.

Entre as recomendacións específicas están "evitar as aglomeracións e reunirse para comidas e ceas só coas persoas que o facemos habitualmente" e, se non é posible, "facelo cun número reducido de persoas e adoptando medidas de prevención: ventilación, uso de máscara FFP2, distancia de seguridade e hixiene de mans". "Canto maior sexa o número de persoas coas que nos reunamos máis posibilidades hai de que algunha poida ser asintomática e nos transmita a infección" lembra o experto.

A COVID-19 "puxo en evidencia moitas deficiencias do noso sistema de saúde que esixen urxentes reformas"

Gestal tamén fai fincapé, de forma máis xeral, en que a COVID-19 "puxo en evidencia moitas deficiencias do noso sistema de saúde que esixen urxentes reformas. Algunhas xa eran coñecidas con anterioridade e a crise agudizounas, e outras se puxeron de manifesto durante a pandemia, tanto en saúde pública como en atención primaria e atención hospitalaria". "Para a súa corrección precísase dotación de recursos humanos, renovación tecnolóxica e cambios nos modelos de xestión e de organización do traballo, con menos burocracia e máis tempo para a atención dos pacientes", subliña.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.