Entre as seis da tarde do 22 de decembro e a mesma hora do día 23 realizáronse en Galicia máis de 26.000 test da COVID. Algo máis da metade eran probas PCR, rexistro récord nun destes períodos de 24 horas dende o comezo da pandemia -non así en días naturais-, incrementadas polos puntos de acceso sen cita habilitados polo Sergas en vésperas do Nadal, nos que se repetiron longas fileiras de persoas interesadas en coñecer se son positivas en COVID malia non teren síntomas ou telos moi leves.
Este despregamento diagnóstico -co conseguinte sobreesforzo do persoal sanitario-, engadido á ampla circulación do virus, dá lugar a que Galicia supere o seu teito en casos novos detectados tanto nun ciclo de seis a seis da tarde (2.521) como en días naturais (2.335). A media dos últimos sete días completos xa rolda os 1.500 diagnósticos por xornada.
Estas cifras provocan que o indicador asistencial de referencia nas comunicacións públicas da Xunta, o dos casos activos, tamén continúe aumentando a forte ritmo. Ás seis da tarde xo venres xa eran 20.262, aínda sen superar o máximo do inverno de 2021, pero un 40% máis que unha semana antes.
En termos de días naturais, o ritmo de realización e procesamento de probas PCR é comparable ao das semanas posteriores ás festas de Nadal, Aninovo e Reis de 2021. Pero, a diferenza do que acontecía daquela, agora o incremento non chega pola banda dos cribados masivos en determinados concellos que se engaden aos test as persoas sospeitosas de estaren contaxiadas, senón sobre todo pola banda das probas sen cita. Tamén para confirmar positivos previos detectados mediante probas de antíxeno ou outros test.
- MAPA INTERACTIVO | Consulta aquí os 23 puntos de test COVID sen cita habilitados polo Sergas
Como amosa a táboa sobre estas liñas, a área sanitaria que actualmente presenta maior incidencia acumulada da COVID-19 a 14 días é tamén a que acumula máis test realizados nas últimas vinte e catro horas dispoñibles, a de Vigo, con máis de 6.000 probas.
Polo momento, o ritmo de hospitalizacións segue desacoplado do incremento da incidencia polo papel clave da vacinación. As 268 persoas ingresadas coa COVID ás seis da tarde do xoves eran 9 menos que hai unha semana
Todo isto acontece nun contexto no que, cando menos de momento, os datos dispoñibles seguen amosando o desacoplamento entre o ritmo de incremento da incidencia e a tradución desta en ingresos hospitalarios, fundamentalmente por efecto da vacinación. Non en van, mentres as cifras de casos detectados baten rexistros de toda a pandemia, o total de persoas hospitalizadas non só non aumenta ou se mantén, senón que mesmo descende un chisco.
As 268 persoas ingresadas con test positivo da COVID-19 nos hospitais galegos ás seis da tarde do xoves eran nove menos que unha semana antes. Os pacientes co coronavirus na UCI eran a esa hora un total de 50. No pico da vaga outonal de 2020 chegara a haber algo máis dun cento de ingresos COVID en coidados intensivos e a principios deste mesmo ano, con incidencias acumuladas semellantes ás actuais nalgunhas áreas sanitarias, o total de hospitalización simultáneas chegara a superar as 1.400, con máis de 250 persoas na UCI ao mesmo tempo.
No que atinxe á mortalidade de persoas co coronavirus, nos últimos 7 días a media diaria é duns 4 falecementos de persoas que contraeran a COVID. No outono de 2020 este indicador superara as 12 mortes ao día na media semanal e a comezos de 2020 disparárase por riba das 25.