"A presión no ámbito hospitalario está contida, non así na Atención Primaria". O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, admitía deste xeito este martes as circunstancias que persoal do Sergas vén sinalando dende hai semanas e mesmo meses, pero noutros termos, o dunha "situación crítica" nos centros de saúde que é produto, afirman, de anos de "contratacións en precario" que deriva en escaseza de persoal.
Sanidade contempla dar por bos os positivos con test de antíxeno adquiridos e feitos polo propio paciente e, sen necesidade de PCR de confirmación, validar o caso e iniciar trámites como a baixa laboral
A actual vaga da pandemia da COVID, marcada polo que o propio conselleiro define como "explosión" de casos, presenta unha novidade a respecto das anteriores. Os casos son máis ca nunca e, cando menos de momento, os ingresos hospitalarios son moitos menos. Pero os milleiros de diagnósticos requiren controis, confirmacións, probas e trámites como as baixas laborais que presionan os xa saturados centros de saúde.
É neste punto no que a Xunta admite que está a valorar unha opción xa contemplada por outras comunidades autónomas: dar por bos os positivos detectados mediante test de antíxeno mercados polos pacientes e feitos na casa. E, sen necesidade de PCR de confirmación, validar o caso e emprender a distancia os trámites ao respecto. Este método, defende Comesaña, serviría para aliviar a "presión" sobre a Primaria.
Á espera de coñecer os detalles, o plan no que "traballa" a Xunta pasa por que os positivos detectados mediante "autotest" na casa poidan comunicarse directamente ao Sergas, dándoos por confirmados "sen necesidade de PCR nin de contactar co médico de familia". Todo isto, sempre que "non haxa sintomatoloxía" ou sexa tan escasa que "non se precise asistencia sanitaria".
Comesaña afirma que tamén prevén "descargar noutros profesionais" que non sexa o persoal médico de familia a xestión das baixas laborais mediante un sistema "automatizado" e "centralizado"
Ao tempo, agrega Sanidade, valoran unha "solución centralizada" para "automatizar" e "descargar noutros profesionais sanitarios" a xestión das baixas laborais destes positivos. Así, sinala, cambiaría de mans un traballo que "agora mesmo debe realizar cada médico de familia sobre os seus pacientes". "A presión asistencial" da pandemia, enfatiza, "está trasladándose á Atención Primaria, tanto na ordinaria como nos servizos de urxencias" como os PAC e "por extensión, ás urxencias hospitalarias".
Este anuncio, aínda pendente de concreción en tempo e forma, chega nun momento no que os casos positivos da COVID-19 considerados activos polo Sergas son xa máis de 28.000, un 74% máis que hai unha semana e un máximo de toda a pandemia -cando menos ata hai arredor dun ano, a capacidade diagnóstica do sistema era moito menor-. Mentres, as persoas hospitalizadas con test positivo da COVID-19 ás seis da tarde do pasado luns eran 305.