A Xunta pide aval xudicial para vetar encontros de non conviventes na rúa tras o peche dos pubs, aos que limita horarios

Viandantes con máscara no centro de Vigo en vésperas do Nadal de 2021 © Concello de Vigo
  • Información sobre restricións actualizada a 29 de decembro de 2021

"Toque de non queda". É o termo co que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, denomina unha das medidas que o Goberno galego quere aplicar dende as cero horas do 31 de decembro e ata o vindeiro 18 de xaneiro, co obxectivo de tentar conter o que denomina como "incremento explosivo" de casos da COVID-19 detectados nos últimos días, que a Consellería liga tanto á extensión da variante ómicron do virus como ao incremento de encontros sociais por mor das festas.

Bares e restaurantes terán que pechar ás 12 da noite agás venres e sábado, que poderán facelo á 1. Pubs e discotecas terán o peche ás 3, hora á que se aplicaría o que a Xunta denomina "toque de non queda", e os que non abran na fin de semana de Noitevella poderán acceder a unha subvención

Ese "toque de non queda", que a Xunta só poderá aplicar se recibe o visto e prace do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) por atinxir a dereitos fundamentais, consiste esencialmente en vetar os encontros de persoas non conviventes na rúa -posteriormente, ampliou a petición para que se estenda tamén a espazos privados, segundo comunicou o propio Tribunal- dende que pechen os pubs e discotecas, aos que se limitará o seu horario ata as 3 da madrugada, límite modificado tras unha xuntanza co sector -inicialmente, sinaláranse as 2-. A prohibición estenderíase ata as 6 da madrugada, como xa sucedera en períodos anteriores. O pasado día 21 o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sinalara que unha medida como o toque de recoller non estaba "sobre a mesa".

Alén desta medida, que require aval xudicial, o resto de decisións anunciadas pola Xunta para tentar conter o virus e o seu repercusión nos hospitais e -sobre todo- na Atención Primaria nas vindeiras semanas pasan esencialmente por un recorte ao horario de bares e restaurantes, que terán que pechar ás 12 da noite de domingo a xoves. O horario pode prolongarse ata a 1 da madrugada os venres e os sábados, a comezar pola Noitevella. No día de Aninovo estes locais terán que estar pechados ata as 10 da mañá "para evitar os reenganches", sinala o conselleiro.

Feijóo e Comesaña, en videoconferencia con membros do comité clínico que os asesora, este 27 de decembro de 2021 en San Caetano CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Finalmente, para o denominado "ocio nocturno" -pubs e discotecas- na fin de semana de Noitevella, (do 30 de decembro ao 2 de xaneiro), a Xunta ofrece dúas opcións. Poderán abrir ata as 3 da madrugada ou, se pechan, accedern a unha liña de axudas en función da superficie do local, de 2.500 euros para os de menos de 100 metros ata 45.000 euros para os de 2.000 metros ou máis. As subvencións, segundo anunciou o vicepresidente Alfonso Rueda, rexeranse por unha orde que se publicará en xaneiro.

O Goberno galego recupera a prohibición do consumo nas barras dos bares, nos que será preciso o certificado COVID durante toda a xornada

A esixencia de certificado COVID -de vacinación, recuperación ou test negativo- durante todo o día nos bares -ata agora a medida estaba aplicada nos restaurantes- e non só a partir das 21:00h e a recuperación da prohibición do consumo na barra destes establecementos forman igualmente parte dun paquete de medidas que inclúe tamén recuperar a esixencia de que os "eventos musicais masivos" só se poidan celebrar co público sentado e que neles non se poida beber nin comer. 

Para o ámbito das celebracións privadas dos vindeiros días, a Xunta limitarase a reiterar a recomendación de que só se xunten dúas unidades de convivencia, pero sen prohibicións específicas ao respecto. No que atinxe ás cabalgatas de Reis, di Comesaña, o Goberno galego recomendará que sexan "estáticas", como xa sucedera en 2021 en diversas localidades.

Récords de casos detectados, hospitalización contida

As medidas anunciadas pola Xunta para o que resta de período festivo chegan mentres os datos seguen constatando que a pandemia transita por unha fase completamente diferente ás anteriores por factores como a amplísima cobertura da vacinación (máis dun 85% da poboación total de Galicia con pauta completa e máis do 80% da poboación maior de 60 anos con dose de recordo) ou as características da variante ómicron. Non en van, os récords absolutos de casos detectados -nun contexto de amplo testeo, cunha media diaria superior ás 11.000 PCR por xornada na última semana- seguen sen traducirse, coa mesma intensidade, en ingresos hospitalarios.

Este 28 de decembro, o Sergas notificou case 3.500 casos novos detectados entre as seis da tarde do domingo e a mesma hora do luns. En termos de días naturais, a media semanal ascende cunha liña practicamente vertical e xa supera a media duns 2.300 casos diagnosticados cada día dos últimos sete. Isto tradúcese nunha incidencia acumulada -sempre en termos de días completos- xa próxima aos mil casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días e algo máis de 600 a 7 días.

A rápida incorporación de casos novos detectados ao rexistro supón unha relevante sobrecarga para elos do sistema sanitario como a Atención Primaria ou os servizos de rastrexo. Non en van, os casos considerados activos e, daquela, susceptibles de seguimento (busca de contactos, probas ou comprobación de síntomas) son xa máis de 28.000, un 74% máis que hai unha semana e un máximo de toda a pandemia, se ben as cifras son incomparables cando menos coas de antes do outono de 2020, cando a capacidade diagnóstica era moito menor á actual.

O Sergas rexistraba este luns 305 ingresos simultáneos, a metade que no pico do outono de 2020 e menos dunha cuarta parte que en xaneiro deste ano, cando a incidencia era menor que a actual

Como vén sucedendo nas últimas semanas, o fortísimo crecemento nas cifras de casos detectados seguen sen trasladarse na mesma medida aos hospitais en forma de ingresos, algo que si sucedía ata a extensión masiva da vacinación. Os datos do Sergas constatan que ás seis da tarde do luns, día 27, había ingresadas nos hospitais galegos un total de 305 persoas con test positivo da COVID, o que supón vinte e dúas máis que unha semana antes. No outono de 2020, con incidencias moito menores, chegaran a ser máis de 600 e a comezos de 2021, cando a incidencia tamén era menor á actual, os ingresos simultáneos superaran os 1.400.

Dentro do total de persoas ingresadas, 56 están en unidades de coidados intensivos, media ducia máis que unha semana antes. Son cifras semellantes ás rexistradas o pasado verán, pero moi inferiores ás de hai un ano, con máis dun cento de ingresos COVID simultáneos no outono e uns 250 en xaneiro.

⬇️

Como amosan os gráficos sobre estas liñas, a diferenza tamén é evidente en termos de novas hospitalizacións diarias, un indicador que o Sergas non publica directamente, pero que si transmite ao Ministerio de Sanidade. A serie do departamento estatal chega de momento ata o pasado día 23 -e precisa uns días para ficar consolidada- e amosa que, nas últimas semanas, nos días con máis novas hospitalizacións de pacientes coa COVID chegou a superarse a trintena de ingresos novos nunha xornada. 

O pasado verán superáranse os 40 varios días e en xaneiro deste ano, con incidencias menores e a vacinación aínda testemuñal, Galicia tivera picos con máis de 150 ingresos COVID nun día. A comezos deste ano, Galicia chegara a rexistrar unha media a 7 días superior ás 25 mortes de persoas co coronavirus cada día, mentres que este indicador agora rolda as 3.

O cadro xeral da situación complétase con dous indicadores máis que tamén están vinculados co impacto hospitalario da actual vaga: a incidencia acumulada por idades e a vacinación. Estes datos, tamén divulgados polo Ministerio, amosan como o grupo de idade con maior incidencia acumulada a 14 días e tamén con crecemento máis pronunciado deste indicador nos últimos días en Galicia é o das persoas de entre 20 e 29 anos, a priori menos susceptibles de desenvolveren unha enfermidade grave en caso de contaxio, máis aínda tendo en conta que a vacinación con pauta completa neste grupo supera o 85%. Tamén destaca nos últimos días o crecemento na incidencia no grupo de 30 a 39 anos, o menos vacinado entre os incluídos na poboación diana dende o comezo da inmunización.

Na banda contraria da incidencia seguen, con diferenza, as persoas maiores de 70 anos. Tamén destaca o grupo de 60 a 69 anos, cuxa tendencia segue sendo descendente fronte ao ascenso xeral.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.