Noiteboa foi o día con máis PCR procesadas no Sergas dende o comezo da pandemia

Tratamento de probas PCR nun laboratorio do Sergas CC-BY-SA Sergas

Galicia, igual que boa parte de Europa, está inmersa nunha fase ben distinta da pandemia da COVID-19, marcada pola detección de máis positivos ca nunca, pero cunha tradución en hospitalización radicalmente menor que antes da vacinación masiva. Coas características da variante ómicron aínda en estudo, as altas cifras de probas de detección do virus realizadas no Sergas en vésperas do Nadal contribuíron a aflorar cantidades inéditas de casos -unha ampla porcentaxe deles, asintomáticos ou con escasos síntomas-.

Este 24 de decembro o Sergas procesou case 14.000 probas PCR

Boa parte da vintena de puntos de realización de test sen cita habilitados por Sanidade rexistraron longas fileiras para a realización de probas nunhas xornadas das que xa se coñecen cifras ben elocuentes. En termos de días naturais (das 00:00 ás 23:59), o pasado 24 de decembro, día de Noiteboa, converteuse na xornada con máis probas PCR realizadas en Galicia dende o comezo da pandemia, con 13.899. O anterior máximo databa do pasado 2 de febreiro (13.562). Estas altas cantidades de test son tamén mostra do altísimo ritmo co que os laboratorios encargados de procesar as probas están tendo que traballar.

As probas PCR foron realizadas nos últimos días nos puntos de test sen cita, pero tamén seguen sendo a proba diagnóstica de referencia para confirmar casos sospeitosos nas canles habituais. A porcentaxe destas probas que dan positivo (a taxa de positividade) vén sendo un indicador relevante á hora de avaliar a circulación do virus e a Organización Mundial da Saúde sitúa no 5% o limiar para dala por controlada nun territorio. Tras o despregamento diagnóstico dos últimos días, esa taxa de positividade das PCR rolda o 15% na media diaria a sete días.

As probas PCR seguen sendo as máis realizadas polo Sergas, pero non son as únicas. Nos puntos de test sen cita tamén tiveron un peso relevante os test de antíxenos. Non en van, contando todas as probas realizadas nos últimos días (PCR e antíxenos, pero tamén outras non consideradas como probas diagnósticas de infección activa) o propio día 24 foi tamén unha xornada de récord, ao atravesar o limiar dos 30.000 test nun ciclo de vinte e catro horas (a contar dende as seis da tarde do día previo).

Contando todos os tipos de test, na última semana foron realizados en Galicia máis de 140.000

Contando todas estas probas, nas últimas sete xornadas procesáronse no Sergas máis de 143.000 test -aos que habería que sumar os realizados individualmente e na sanidade privada-. A Xunta non ofrece datos de positividade das probas diferentes da PCR, pero os datos máis recentes do Ministerio de Sanidade (do pasado xoves, día 23) que a positividade media en Galicia para o total de probas diagnósticas (PCR e antíxeno) roldaba o 11%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.