O persoal sanitario galego arrastra dende hai tempo unha situación marcada pola sobrecarga asistencial e, en moitos casos, pola precariedade laboral. Os problemas afectan de forma importante a colectivos coma as enfermeiras e enfermeiros interinos, entre outros grupos de profesionais. Ademais, os últimos meses están a verse as debilidades que sofre a Atención Primaria en boa parte de Galicia, con cadros de persoal curtos, tensionados e en moitos casos sen relevo, que deixan a moitas localidade ou barrios urbanos sen os servizos que ata agora viñan recibindo.
Están convocadas mobilizacións en Lugo e A Coruña que alertan da "sobrecarga" de traballo e da precariedade laboral que leva a unha asistencia máis deficiente aos pacientes. "Os mesmos que loitaron por ti nesta pandemia sen medios e sen descanso precisan a túa axuda", reclaman
Destacan que os case dous anos de pandemia están a supoñer un evidente sobresforzo, con renuncias importantes (por exemplo á hora de pedir días libres), máis tempo traballo, máis tensión e as situacións de risco vividas. Porén, lembran que a maior parte dos problemas xa viñas de atrás e son eivas de carácter estrutural.
Nos últimos dous anos o malestar foi medrando pero non foron excesivas as protestas convocadas, asumindo os e as profesionais un exercicio de responsabilidade e compromiso ante o contexto sanitario marcado pola COVID. Porén, esta semana son varias as mobilizacións convocadas polo persoal, por exemplo na Coruña e Lugo, protestas que se veñen unir á folga que viviu a Atención Primaria no Baixo Miño hai uns días, ás mobilizacións que se veñen realizando en Moaña ou Marín, á manifestación convocada hai un mes en Valdeorras ou á marcha do pasado 14 de novembro en Compostela.
"Cando os necesitamos sempre nos coidan, agora nos necesitan eles, apoiémolos para que podan traballar cuns mínimos e de maneira digna. Coidemos a quen nos coida", destácase na convocatoria da Coruña
Este xoves, persoal sanitario da Coruña convoca unha manifestación que partirá ás 9 da mañá da porta de Urxencias do CHUAC. Na convocatoria fan un chamamento á cidadanía a unirse ás protestas en defensa da sanidade pública e dunha atención de calidade e en solidariedade cos e coas profesionais.
"Os mesmos que loitaron por ti nesta pandemia sen medios e sen descanso están a vivir unha situación crítica e precisan a túa axuda", destácase na convocatoria, que denuncia que o persoal está traballando con sobrecarga asistencial sen poder atender correctamente os doentes porque están baixo mínimos e estánlles a quitar xente dos cadros de persoal". "Cando os necesitamos sempre nos coidan, agora nos necesitan eles, apoiémolos para que podan traballar cuns mínimos e de maneira digna. Coidemos a quen nos coida", engádese.
A mobilización convocada este martes en Lugo ás 15.30 horas na entrada do HULA ten semellantes obxectivos de denuncia. Neste caso a convocatoria parte do colectivo de enfermeiras eventuais e fixas, que protesta polas súas condicións laborais, as dificultades de conciliación e a falta de permisos e días libres. Alba, unha das integrantes do colectivo, denuncia que "a situación que temos as enfermeiras era xa penosa antes da COVID e dende entón aínda empeorou máis. Isto afecta á nosa situación laboral pero tamén á asistencia sanitaria que lle emprestamos aos nosos pacientes".
A convocatoria lucense parte do colectivo de enfermeiras eventuais e fixas, que protesta polas súas condicións laborais, as dificultades de conciliación e a falta de permisos e días libres
"Reivindicamos contratos dignos", subliña, lembrando que moitos dos contratos que asinan son dun día ou duns poucos días. "Estannos denegando permisos porque non hai máis xente para cubrir o posto. A xente xa non pode pedir vacacións nin días de libre disposición en Nadal", engade. "Tamén pedimos igualdade entre compañeiros, porque sabemos que a moita xente que está nunhas listas paralelas estáselles ofrecendo contratos de seis meses en seis meses ou dun ano para que non marche de Galicia e en cambio á xente que estamos nas listas xerais estannos ofrecendo días soltos, e somos xente que levamos 15 anos nas listas de substitución", denuncia. "E se non colles un contrato penalízante. Levo 15 anos nunhas listas con centos de contratos e se non collo un contrato un día vanme penalizar cando ademais non hai profesionais suficientes para traballar?", incide.
"Non queremos alarmar á poboación, pero nós vemos o que hai. Ti vas á atención primaria e tardas unha semana en pedir cita, ou vas á túa enfermeira e resulta que cada día tes unha distinta"
Alba denuncia tamén a súa situación persoal, pois está embarazada de seis meses e medio "e seguen a ofrecerme contratos dun día ou duns poucos días", di. "Pedimos que haxa un trato digno ás embarazadas. Porque en plena pandemia e cun aumento de casos, eu téñome de arriscar a ir traballar a calquera lugar, cando en calquera outra empresa coidan moito máis ás embarazadas", sinala.
A traballadora alerta da situación que se está a vivir especialmente na Atención Primaria ("Non queremos alarmar á poboación, pero nós vemos o que hai. Ti vas á atención primaria e tardas unha semana en pedir cita, ou vas á túa enfermeira e resulta que cada día tes unha distinta", di) e conclúe que "as enfermeiras xa non podemos facer máis sacrificios". "Fomos facendo todo o que nos foron pedindo. Nós démolo todo e o único que estamos a recibir son paus e máis paus", remata.
Eivas estruturais amplificadas pola pandemia
“Estamos nunha situación esperada, a da convivencia co virus. Durante un ano e medio as autonomías tiveron tempo para prepararse para a convivencia co virus e iso pasa por reforzar a sanidade pública, con máis persoal e cunha mellora da atención primaria para non saturar os hospitais"
Os últimos 21 meses de pandemia supuxeron un auténtico test de estrés para o sistema sanitario e puxeron de relevo moitas das eivas estruturais e problemas que viña arrastrando dende había tempo, nomeadamente no que atinxe aos recursos humanos: aos cadros de persoal. De feito, tan só o sobresforzo destes e destas profesionais ao longo dos anos 2020 e 2021 conseguiu amortecer os efectos negativos da pandemia e impedir situación de colapso, garantindo un mellor servizo á cidadanía.
Dende distintos ámbitos establécese, ademais, unha diferenza entre o impacto -máis comprensible- sufrido polo sistema de saúde nos primeiros meses de pandemia e os actuais efectos negativos. Dende a Plataforma de Organizacións de Pacientes critícase neste senso que o Goberno galego "non teña preparado o sistema sanitario para a situación actual de convivencia co virus". “Estamos nunha situación esperada, a da convivencia co virus. Durante un ano e medio as autonomías tiveron tempo para prepararse para a convivencia co virus e iso pasa por reforzar a sanidade pública, con máis persoal e cunha mellora da atención primaria para non saturar os hospitais e para que exista unha maior detección precoz dos casos de COVID”, subliña a entidade.
Dende a Xunta, en cambio, asegúrase que o Executivo galego realizou "un grande esforzo" nos últimos meses e teima en responsabilizar ao Goberno central da falta de profesionais, o problema central que está a afectar ao sistema sanitario
Dende a Xunta, en cambio, asegúrase que o Executivo galego realizou "un grande esforzo" nos últimos meses e teima en responsabilizar ao Goberno central da falta de profesionais, o problema central que está a afectar ao sistema sanitario. Hai uns días o Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, defendeu que a Xunta ten solicitado ao Ministerio de Sanidade "diversas medidas" que permitan incrementar o número de especialistas en medicina familiar e comunitaria "mentres impulsa reformas para desconxestionar as axendas destes profesionais".
A Xunta reclama a acreditación de 64 novas prazas de docencia MIR en atención primaria en Galicia, a convocatoria extraordinaria de máis prazas MIR de medicina familiar e comunitaria en toda España, e a creación da especialidade de urxencias para eliminar o transvase de persoal formado na especialidade de medicina familiar aos servizos de Urxencias.
Os sindicatos denuncian que os orzamentos da Xunta "consolidan a política de desmantelamento do sistema público e o deterioro tanto da Atención Primaria como da Atención Hospitalaria"
Porén, dende entidade profesionais e sindicatos denúnciase o carácter limitado do orzamento dedicado polo Goberno galego para a sanidade pública. As centrais sindicais máis representativas do ámbito sanitario subliñan que as contas públicas "consolidan a política de desmantelamento do sistema público e o deterioro tanto da Atención Primaria como da Atención Hospitalaria".
Neste senso, CIG-Saúde denunciou a "hipocrisía" do Goberno galego "que publicamente destaca a importancia do persoal da sanidade mentres lle mantén unhas condicións laborais e salariais de precariedade, fomentando así a fuxida das e dos profesionais na procura de mellores condicións e dunha estabilidade laboral que o SERGAS non lle ofrece".