O calendario de protestas que durante semanas incluíu concentracións ante o hospital comarcal puxo o ramo este domingo no Barco cunha gran marcha por unha "sanidade digna" e contra a falta de recursos nas comarcas do oriente ourensán.
Milleiros de persoas saíron á rúa no Barco por unha "sanidade digna" para as comarcas do oriente ourensán e contra o "desmantelamento" do hospital comarcal
Milleiros de persoas, 4.000 segundo os cálculos sindicais, saíron as rúas noutra marcha pola sanidade pública que virou nun clamor global contra a perda de servizos no rural e o interior galego. Como antes acontecera en Verín e na Mariña ou como nas mobilizacións pola perda de servizos financeiros en tantas localidades.
"Rubial volve a Vigo, o rural morre contigo", puido escoitarse na manifestación con consignas cara ao xerente da área sanitaria de Ourense pero tamén cara ao conselleiro Julio García Comesaña.
Malia o intenso frío, centos de veciños e veciñas das comarcas de Valdeorras, Trives e Viana -as que atinxe o distrito sanitario- reclamaron unha "sanidade pública e digna", así como a "recuperación dos servizos sanitarios perdidos" no hospital de Valdeorras e na Atención Primaria, tal e como demanda a xunta de persoal, que leva tempo pedindo melloras na estrutura dos centros e material de traballo.
De feito, profesionais advirten da situación "crítica" do hospital do Barco pola "dramática" falta de profesionais e a desaparición ou mingua dos servizos clínicos. Ademais, denuncian que esas "carencias" fan que "o número de pacientes trasladados ao hospital de referencia, o CHUO en Ourense, leven aumentando ano a ano, cos conseguintes transtornos para a poboación asistida", que chega ás 30.000 persoas. Así o sinala Víctor Pariente, portavoz da xunta de persoal, que repara nuns contundentes datos facilitados pola xerencia da área sanitaria.
"Os traslados en 2020 a Ourense foron 89 cando a media mensual do que vai de ano é de 80; isto implicaría un aumento do 1.000%", explica quen advirte de que "desde a pandemia, practicamente todo o que se podía tratar no hospital comarcal mándase á capital. Como pano de fondo, a denuncia de que Ourense e Vigo tornen en hospital de refrencia de localidades que, nalgúns casos, distan a varias horas de viaxe en coche.
A xunta de persoal critica que o conselleiro acudise ao Barco "tres días antes" da manifestación para ofrecer melloras no hospital comarcal
Neste domingo, Pariente lamentou que a cidadanía da zona teña que protestar tan decotío na rúa por un "desmantelamento" do hospital que di que se arrastra "desde 2010", ano no que se creou a estrutura de organización de xestión integrada de Ourense-Verín-Valdeorras que agora se corresponde coa área sanitaria. "Non é pola pandemia; desde aquela os servizos empezaron a empeorar", engadiu, quen advertiu da ausencia de cardiólogos ou urólogos ou da escaseza de traumatólogos.
Ademais, o portavoz da xunta de persoal criticou que o conselleiro de Sanidade acudise ao hospital "tres días antes" da manifestación, no que ve un intento de intentar desmobilizar a cidadanía. O pasado xoves, Julio García Comesaña, anunciou no Barco o acordo con centros do Bierzo para reforzar o persoal en Valdeorras, algo que ocorre desde hai algúns días nalgunhas especialidades.
O Sergas di "respectar" a mobilización pero "non entendela"
Tamén anunciou un sistema polo que, a partir de xaneiro, persoal de toda Galicia rotará para cubrir tanto a atención ordinaria como as gardas do servizo de Traumatoloxía no hospital, ademais de incorporarar un novo traumatólogo en decembro. A xunta de persoal retruca advertindo de que son moitas máis as especialidades que precisan aumento de recursos e persoal.
Desde o Sergas, o seu xerente, José Flores, asegurou este domingo na Radio Galega que "respecta" a mobilización pero que desde Sanidade "non a entenden". Para el, a protesta "atenden a un tipo de lamento que se fai extensivo á xente, pero non hai razón". Aínda así, recoñece as "dificultades" para cubrir as vacantes en diferentes especialidades pero di que é algo "que ocorre en toda Galicia".
"Hai poucos profesionais e escollen o seu destino libremente", insistiu Flores, que cargou contra o Goberno central para esixirlle máis prazas MIR.
Á marcha deste domingo asistiron representantes políticos como as deputadas do BNG no Parlamento, María G. Albert e Noa Presas, xunto ao seu compañeiro de grupo Iago Tabarés. Desde o Bloque denunciaron o "proceso de demolición do distrito sanitario de Valdeorras" e pediron que se "garantan os servizos básicos que se lle requiren a calquera hospital comarcal digno de tal nome".
Tamén se puido ver na marcha a representantes autonómicos, provinciais, comarcais e municipais do PSdeG de Ourense, como a deputada no Parlamento Marina Ortega. Ademais, na marcha estivo presente o xefe de Xinecoloxía do Hospital de Verín, Javier Castrillo, que liderou a proteta polo peche da atención aos partos no hospital comarcal en Monterrei e que foi sancionado pola Xunta.