Universal Support, que aínda presta o servizo de rastrexo, impugnou a adxudicación do novo sistema a Extel, que presentou unha oferta máis barata
Case ano e medio despois da chegada da pandemia da COVID a Galicia, a Xunta adxudicou o seu primeiro concurso público para un sistema estable de rastrexo de casos positivos e contactos. Logo de meses contratando ese servizo por vía de emerxencia coa empresa Universal Support, que tamén se presentou ao concurso, Sanidade resolveu o proceso adxudicando o contrato a Extel Contact Center porque a súa mellor oferta económica permitiulle superar a mellor puntuación técnica que obtivo a competidora que viña prestando o servizo.
Á espera de coñecer aínda a información sobre a data e condicións do traspaso do servizo, Universal Support segue a prestar o servizo de rastrexo da COVID en Galicia, agardando tamén que se resolva a súa impugnación á adxudicación deste novo sistema estable a Extel.
Das 650 persoas que fan o rastrexo da COVID para o Sergas, 50 traballan desde fóra de Galicia, logo de que a empresa non cubrise as vacantes ofrecidas
Segundo fontes do persoal, na empresa Universal Support son arredor de 650 as persoas --a inmensa maioría desde a casa-- que a tal hora realizan o labor de rastrexo de contactos de positivos COVID en Galicia. Medio cento delas traballan desde fóra de Galicia, noutras comunidades autónomas, logo de que a empresa tivese que reforzar o servizo con teleoperadores doutros territorios, principalmente de Madrid, tras non ser quen de cubrir as vacantes que ofertou.
Agora, segundo as mesmas fontes, sábese que son 50 persoas, aproximadamente, as que fan labores de rastrexo da COVID para o Sergas desde fóra de Galicia. As condicións laborais ofrecidas por Universal Support, pertencente ao grupo de call center Konecta, provocaron que non fose quen de cubrir todas as vacantes ofrecidas co estoupido da vaga estival de coronavirus e que se vise obrigada a derivar persoal de seu noutros territorios á campaña de rastrexo da COVID para o Sergas.
En total, son sobre 730 as persoas que traballan para o Sergas, de sumar a eses 650 os 90 rastrexadores militares que achega o Exército previa solicitude das comunidades autónomas, a metade dos que traballaban na primavera pasada, cando se alcanzaran os 180.
Agora, e ante a chegada dunha nova empresa para un novo sistema estable, persoal do sector de telemárketing e CCOO alertan de que "vai provocar unha importante deterioración deste servizo público".
Fontes do persoal do sector e o sindicato advirten de informacións que sinalan que Extel pretende comezar o novo sistema de rastrexo no mes de setembro dunhas 250 persoas contratadas, que supoñen 400 menos das que actualmente fan o labor de rastrexo para o Sergas.
"Todo isto, nunha situación actual onde o volume de casos de covid non deixa de aumentar", advirten desde CCOO solicitan unha "reunión urxente" coa Xunta para "esixir o mantemento do número de rastrexadores, entendendo que non é este o momento de recortar persoal"