"Pasamos dunha fase de contención a unha de mitigación, na que as medidas van encamiñadas a intentar que a onda epidémica medre a un ritmo máis lento". É a explicación coa que a Consellería de Sanidade comunicou ao persoal de Atención Primaria, este 28 de decembro de 2021, os cambios nos seus protocolos de "detección e manexo" de casos da COVID-19 e mais na "abordaxe de contactos estreitos".
Nun contexto de forte saturación da Atención Primaria e do rastrexo, o Sergas suprime o servizo de test da COVID sen cita unha semana despois de habilitalo e equipara os positivos mediante "autotest" aos detectados polas probas en recintos sanitarios
Escasas horas despois de que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, admitise unha forte presión nos centros de saúde e abrise a porta a mudanzas nos vindeiros días para, por exemplo, dar por válidos os positivos detectados mediante test de antíxenos adquiridos pola cidadanía e feitos na casa sen PCR de confirmación, o anuncio virou en novo protocolo con amplos cambios. E tamén na decisión de suprimir a posibilidade de facer test (PCR ou antíxeno, segundo o lugar) sen cita, que o propio Sergas habilitara apenas unha semana antes nunha vintena de puntos polos que pasaron milleiros de persoas. De agora en diante serán só probas de antíxenos e sempre con cita previa -mediante a aplicación ou o sitio web do Sergas-.
Nunha xornada na que foron diagnosticados en Galicia máis de 3.500 casos novos (son máis de 2.700 por xornada na media a sete días), o Sergas acelerou a aprobación dun protocolo que, en síntese, reduce test e tamén recorta o labor do rastrexo e seguimento. Todo, nun contexto de forte saturación da Atención Primaria por mor do que a propia Xunta denomina como "explosión" de casos e tamén no que os recursos da empresa contratada polo Sergas para rastrexar contactos se están a revelar como insuficientes. [A empresa contratada pola Xunta para rastrexar a COVID busca a incorporación "urxente" de cen persoas pola "alta incidencia"]
O novo protocolo subliña a eliminación do seguimento diario por teléfono ás persoas positivas: o persoal de Atención Primaria fará "con carácter xeral", unha chamada no inicio do illamento e outra, no remate
De agora en diante, o Sergas considerará un caso positivo a todos os efectos tanto os rexistrados mediante PCR ou test de antíxeno nun recinto sanitario como os detectados cun test de antíxeno na casa. No primeiro caso, se a persoa que dá positivo ten síntomas "debe comezar inmediatamente o illamento domiciliario" e "pedir cita para consulta" co médico/a de cabeceira ou no PAC.
Sempre segundo o novo protocolo, o positivo comunicarase á Central de Seguimento de Contactos (rastrexo) para "realizar unha enquisa epidemiolóxica e pedirlle a lista de contactos estreitos", así como "xestionar unha cita telefónica" con Atención Primaria. O persoal médico ou de enfermaría, engade o protocolo, fará "con carácter xeral, dúas chamadas" á persoa illada por ser positiva: unha para "valoración clínica" e, se é o caso, tramitar a baixa laboral. Outra, arredor do décimo día para "comunicarlle a alta de illamento" sen "necesidade" de proba. Cabe agardar que este punto do protocolo sexa modificado para adaptalo ao acordo das comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade polo que as corentenas pasan a durar 7 días. Elimínase, especifica o documento, o seguimento diario por teléfono.
Protocolo para test feitos na casa e menos seguimento aos contactos
O novo plan fixa que a central de seguimento de contactos tramitará unha solicitude de PCR a partir do quinto día e tamén elimina o seguimento diario
O documento tamén explica como o Sergas pasa a dar por válidos os test feitos na casa, nos que contempla o "autodiagnóstico con supervisión" de persoal sanitario ou sen ela. No primeiro caso, a persoa que dá positivo terá que illarse e "esperar, nas seguintes 24 horas, unha chamada" de rastrexo. No segundo, a indicación é "illamento e chamar ao teléfono de información sobre o coronavirus, o 881 540 045. "O seguimento dos casos de COVID-19 será realizado do mesmo xeito que para os diagnosticados" pola vía habitual, engade, do que cabe deducir que o autotest tamén será válido para acceder ao trámite da baixa laboral. Nesta liña, Sanidade xa habilitou no seu sitio web un formulario de "autodeclaración coma un caso sospeitoso por test de autodiagnóstico positivo".
Outra das novidades do protocolo é a mudanza no tratamento dos contactos estreitos das persoas que dan positivo, que seguen distinguíndose entre as persoas sen obriga de corentena e as que si teñen que realizala. As exencións de corentena por contacto con positivo, detalla, son estas:
- Persoas "completamente vacinadas na data do último contacto co caso confirmado", agás persoas inmunodeprimidas ou casos nos que "a infección do caso do que se é contacto estreito se
debe a unha variante do SARS-CoV-2 Beta ou Gamma, ou se adquiriu dun visón". - Persoas "asintomáticas" que pasaron a COVID nos anteriores 180 días, coas mesmas excepcións que as vacinadas.
- Persoal sanitario "se está vacinado e no centro de traballo utiliza equipos de protección individual adecuados".
No caso dos contactos "exentos de corentena", segundo o novo protocolo, a Central de Seguimento de Contactos chamará unicamente dúas veces: no inicio do "período de vixilancia" e dez días despois, ao seu remate -neste punto, tamén é previsible unha inminente rebaixa a 7-. Tamén lles enviará unha mensaxe SMS con ligazón ás "instrucións xerais de prevención" e sobre "a solicitude de PCR" para confirmaren se se contaxiaron. Esa proba solicitarase "a partir do quinto día dende o último contacto co caso confirmado". Se a persoa que é contacto pero está exenta de corentena ten síntomas, especifica, "solicitará consulta telefónica" con Atención Primaria "ou chamará ao teléfono de información sobre o coronavirus", o 881 540 045.
Para os contactos estreitos que si deben gardar corentena, o protocolo tamén introduce mudanzas relevantes. Alén da devandita PCR a partir do quinto día, Sanidade detalla que decidiu suprimir o "seguimento telefónico diario dos contactos estreitos". "Chamaraos dúas veces", ao inicio e no remate da corentena, durante a cal, se "non teñen posibilidade de realizar teletraballo", "procederá" que se acollan á baixa laboral, se é o caso.
Máis casos ca nunca, hospitalización ao nivel do pasado verán
A incidencia a 14 días xa supera os 1.000 casos novos por cada cen mil habitantes, pero a forte presión que sofre a Atención Primaria non se traduce na mesma medida, cando menos de momento, aos ingresos hospitalarios
Todo isto sucede nun contexto que segue marcado, a nivel xeral, pola detección de máis casos novos ca nunca, pero cunha tradución en hospitalización moito menor que en anteriores vagas tanto por efecto da vacinación como -segundo sinala Sanidade- pola potencial menor virulencia da variante ómicron do SARS-CoV-2. Como amosan os gráficos que acompañan a presente información, as incidencias acumuladas xa son as máis altas da pandemia tanto en varias áreas sanitarias como na media galega (algo máis de mil casos novos por cada cen mil habitantes nos últimos 14 días), pero as cifras de hospitalización -aínda que á alza-, son semellantes ás acadadas o pasado verán, con algo máis de 300 persoas ingresadas con test positivo da COVID, medio cento delas na UCI.
Tamén varían notablemente as cifras de falecementos de persoas con test positivo no virus. A media diaria a sete días está un chisco por riba dos tres falecementos rexistrados por xornada, lonxe dos máis de 12 do outono de 2020 e dos máis de 25 que chegaron a rexistrarse o pasado xaneiro, con incidencias menores pero cunha extensión da vacinación practicamente testemuñal.