Nos últimos días do ano, a Xunta deu por por rematada a "fase de contención" da COVID, dando paso á de "mitigación". Nun contexto de forte crecemento dos casos novos detectados, pero de contención nos ingresos hospitalarios mentres a saturación da Atención Primaria se acrecenta, oficializou nun novo protocolo medidas como o recorte do rastrexo de contactos ou a validación dos test feitos na casa para confirmar positivos.
As mudanzas no protocolo foran redactadas o 28 de decembro, pero duraron sen cambios apenas dous días. O día 30, a Consellería de Sanidade volveuno actualizar para, entre outros aspectos, incorporar a diminución dos illamentos para casos positivos "asintomáticos ou con sintomatoloxía leve" -de 10 a 7 días- acordada entre as comunidades autónomas e o Goberno de España. Pero tamén para restrinxir máis a realización de probas de detección de infección activa (PDIA), isto é, de PCR ou test de antíxeno, que quedan suprimidas para as persoas consideradas como contacto estreito de positivos se non teñen síntomas e están vacinadas.
No novo protocolo, asinado pola Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria e datado no día 30 de decembro, Sanidade especifica entre os "cambios máis relevantes" que aos "contactos estreitos asintomáticos en vixilancia non se lles realizará" proba (PCR nin antíxeno, especifica) nese período "agás en ámbitos de vulnerabilidade", isto é, persoas con doenzas que así o recomenden ou ligadas a "centros sanitarios e sociosanitarios".
Os cambios no protocolo, aprobados dous días despois das anteriores mudanzas, indican que aos "contactos estreitos asintomáticos en vixilancia non se lles realizará" un test "agás en ámbitos de vulnerabilidade". Na mesma xornada, o Consello Interterritorial tamén mudou as súas normas para recortar seguimentos e rastrexos e ratificar a redución das corentenas
O propio documento especifica que eses "contactos estreitos en vixilancia" son as persoas que estiveron en contacto cunha persoa que deu positiva pero están "exentas de corentena" pero teñen a pauta completa da vacina, agás se están imunodeprimidas ou se está confirmado que a persoa que deu positivo "se debe a unha variante do SARS-CoV-2 Beta ou Gamma, ou se adquiriu dun visón". Tamén equipara nesta exención de corentena ás "persoas asintomáticas que tiveron unha infección or SARS-CoV-2 confirmada nos 180 días anteriores".
De agora en diante, segundo o novo protocolo, as persoas que estean nesta situación recibirán unha mensaxe SMS con "instrucións xerais de prevención e control" indicadas por Saúde Pública para os dez días que durará a "vixilancia". Se acabasen tendo síntomas, "solicitará consulta telefónica" con Atención Primaria ou chamará ao 881 540 045, di o documento.
Na liña da primeira actualización, o Sergas dá por válidos os test feitos na casa para confirmar casos positivos sen necesidade dunha proba posterior no propio sistema sanitario. Aínda que inicialmente habilitara un formulario web para comunicar estes positivos, pouco despois suprimiuno e sinala o mesmo teléfono 881 540 045 como única vía para notificalos. Múltiples pacientes advertiron nos últimos días de crecente saturación nesta liña telefónica e, mentres, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, cifra nuns dez mil os positivos que foron comunicados tras a realización de autotest.
Esta supresión de probas para boa parte dos contactos estreitos (a vacinación con pauta completa rolda o 90% en Galicia) vai na liña das mudanzas no protocolo estatal aprobadas o propio 30 de decembro no seo da Comisión de Saúde Pública do Consello Interterritorial de Saúde, participado polo Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas. Ese documento foi redactado coa intención de adaptar as normas ao actual "período de alta transmisión comunitaria" do virus e insta a "priorizar a realización" de probas PCR ou antíxeno para "confirmación de casos sospeitosos naqueles con sintomatoloxía máis grave, persoas con maior vulnerabilidade" ou que "pertenzan a contornas vulnerables" como as residencias da terceira idade.
Nesta liña, o acordo interautonómico tamén afonda no recorte do rastrexo de contactos: "unicamente se realizará a identificación de contactos estreitos naqueles ámbitos nos que a exposición se considere de alto risco pola presenza de persoas cunha maior vulnerabilidade como centros sanitarios e residencias de maiores ou outros centros sociosanitarios". Nesta liña, conclúe que nos contactos estreitos "tanto vacinados como non vacinados" se "priorizará a realización" de test a "persoas vulnerables", como maiores de 70 anos, persoas inmunodeprimidas ou mulleres embarazadas, así como ao persoal sanitario e das residencias. Sobre esta base, a Xunta directamente suprime a proba para os contactos estreitos aos que só asigna vixilancia.
Situación actual en Galicia
Todas estas mudanzas nos protocolos chegan nun contexto no que, como amosan os gráficos sobre estas liñas, as cifras de casos novos e as consecuentes taxas de incidencia acumulada (na contorna dos 1.800 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días e arredor dos 1.200 a 7 días) seguen batendo récords. Todo, nun contexto de alto número de test realizados -só contando PCR, case 13.000 diarias na media dos últimos sete días-.
En xaneiro de 2021, con menos da metade da actual incidencia acumulada, Galicia chegara a superar as 1.400 hospitalizacións simultáneas de persoas coa COVID. Na actualidade son menos de 400
Estas altas cantidades de casos novos deron lugar a que a cifra de casos activos superase por primeira vez a barreira dos 50.000, o que dá lugar a cifras inéditas de baixas laborais e tamén, de contactos a rastrexar no caso de que continuasen vixentes os anteriores protocolos. Estes números explican tamén, en boa medida, o incremento da saturación nos centros de saúde.
Como vén sucedendo dende o comezo da actual vaga -e xa acontecera en boa medida no verán-, o efecto da vacinación permite que a forte incidencia non se traslade na mesma medida aos ingresos hospitalarios. As 373 persoas con test positivo da COVID-19 que había ingresadas nos hospitais galegos ás seis da tarde do pasado luns eran 68 máis que unha semana antes e 55 delas estaban na UCI. En xaneiro de 2021, con menos da metade da actual incidencia acumulada, Galicia chegara a superar as 1.400 hospitalizacións simultáneas de persoas coa COVID.