Na última xornada sumáronse outros 5.800 novos casos de COVID detectados, novo récord, pero a hospitalización mantense contida
Desde a pasada medianoite do xoves 30 ao venres 31 de decembro, e en principio ata as cero horas do 18 de xaneiro, quedan prohibidos en Galicia os encontros de persoas non conviventes tanto en espazos públicos como privados entre as 3 e as 6 da madrugada. Así se fixo oficial a última hora deste xoves nun Diario Oficial de Galicia extrarodinario tras avalar o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a medida de restrición de dereitos fundamentais proposta pola Xunta.
Unha prohibición que chega mentres as cifras de novos casos detectados de COVID-19 continúa en ascenso, cun novo récord de toda a pandemia en Galicia, pero a hospitalización mantense contida.
O TSXG avala a restrición de dereitos fundamentais malia criticar que a Xunta pediuna sen xustificala adecuadamente
A prohibición de encontros de non conviventes entra en vigor despois de que a Fiscalía asumise este xoves textualmente o concepto de “toque de non queda” inventado pola Xunta e apoiase a medida. Tamén na tarde deste xoves o TSXG avalou a restrición tendo en conta esa opinión da Fiscalía pero reprochando ao Goberno galego que, a diferenza de ocasións anteriores e como xa fixera coas primeiras restricións de dereitos hai meses, neste caso o informe que lle remitiu coa súa solicitude de aval “atópase completamente orfo de identificacións dos informes e estudos que se empregan como base das afirmacións nel recollidas” a respecto da situación epidemiolóxica e dos riscos para a cidadanía.
Malia as carencias criticadas na xustificación das medidas por parte da Xunta, o TSXG avalou unha restrición que ven acompañada de excepcións. Estes son os casos nos que si poderán xuntarse persoas non conviventes entre as 3 e as 6 da madrugada:
- Persoas que viven soas, que poderán formar parte dunha única “unidade de convivencia ampliada”. “Cada unidade de convivencia pode integrar soamente unha única persoa que viva soa”.
- Reunión de menores de idade cos proxenitores se non conviven no mesmo domicilio.
- Reunión de matrimonios ou parellas cando vivan en domicilios diferentes.
- Coidado ou acompañamento de menores, maiores ou dependentes.
- Por motivos laborais, actividades en centros educativos ou práctica de deporte federado
- “Pernoctación no mesmo domicilio no caso de reunión ou reencontro familiar ou de achegados”
- ”Por causa de forza maior ou situación de necesidade”
As novas restricións e excepcións chegan nunha xornada na que a Xunta vén de comunicar outros 5.800 novos casos detectados de COVID-19, no que supón un novo récord de toda a pandemia en Galicia. Pola contra, a gravidade dos casos segue contida. Nos hospitais hai 50 persoas en UCI, as mesmas que o día anterior e cifra practicamente estable desde mediados de mes. E en hospitalización ordinaria hai 270 persoas, unha menos que na xornada previa pero medio cento máis que hai unha semana.