A Xunta definiuno como pasar da "fase de contención" á de "mitigación". Outras voces falan simplemente de cambio de fase ao ritmo da vacinación e das características da variante ómicron, que segundo os datos dispoñibles -necesariamente provisionais- apunta a máis transmisible e menos virulenta. Tamén ao compás das necesidades dun sistema socioeconómico que non dá asumido o aluvión de baixas laborais que trae consigo a actual "explosión" de casos confirmados da COVID-19 -aínda que unha parte moi relevante deles presenten síntomas escasos ou mesmo nulos-, de aí decisións como acurtar os períodos de corentena ou illamento de 10 a 7 días.
O alto número de casos activos, que supera os 36.000, acrecenta a carga sobre a Atención Primaria para consultas, seguimento e trámites como baixas laborais
Esta última decisión, a de acurtar as corentenas, provocará tamén altas epidemiolóxicas máis veloces, o que contribuirá a relaxar unha conta de casos activos que en Galicia xa superou a barreira dos 36.000. Este indicador, que segue sendo o preferido polo Goberno galego a efectos de comunicación, pode servir como termómetro da forte presión que están a sufrir elos do sistema sanitario como a Atención Primaria.
Unha amplísima maioría destes casos activos (todos, agás os pouco máis de 300 con ingreso hospitalario) son persoas que teñen prescrita a corentena domiciliaria. E con ela, as consultas coa Atención Primaria, a tramitación de baixas laborais e o seguimento dende os centros de saúde e o servizo de rastrexo.
Estes máis de 36.000 casos activos son produto dunha vaga na que o Sergas vén detectando, na media diaria a 7 días, uns 3.200 casos novos por xornada en liña claramente ascendente. En termos de días naturais, os 4.963 casos novos do día 28 supoñen un máximo absoluto da pandemia, sempre tendo en conta que ata hai aproximadamente un ano a capacidade diagnóstica do sistema sanitario non é comparable á actual. [A Xunta dá por rematada a "fase de contención" da COVID, recorta o rastrexo e xa dá por válidos os test feitos na casa]
Este 28 de decembro rematou con senllas cifras récord de PCR realizadas (case 15.000) e casos novos detectados (case 5.000) en Galicia
Non en van, ese 28 de decembro foi un día récord en canto a casos detectados pero tamén en canto a test realizados. Só as probas PCR foron case 15.000 nun día cunhas taxas de positividade que roldan o 20%. A elas hai que engadir os test de antíxeno. En total nas últimas sete xornadas (en ciclos de 24 horas contados a partir das 6 da tarde de cada día) realizáronse no Sergas 146.823 test, contando PCR e probas de antíxeno. A eles habería que engadir un número descoñecido de probas en circuítos privados ou mesmo nos domicilios, que en virtude do novo protocolo son tamén válidas para confirmar casos.
Con este pano de fondo de alta circulación do virus e gran número de test, as cifras de incidencia acumulada tamén baten récords. Para o conxunto de Galicia superan os 1.200 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días e os 800 a 7 días, cunha tendencia á alza practicamente vertical. Por áreas sanitarias, Vigo e Pontevedra-O Salnés xa superaron a barreira dos 1.400 casos novos detectados por cada cen mil habitantes a 14 días e a área con menor incidencia, Lugo, está por riba dos 800.
Hospitalización á alza, pero cun avance moito menor que noutras vagas
Coas cifras de casos detectados disparadas e a Atención Primaria especialmente presionada, a gran diferenza a respecto doutras vagas segue sendo a repercusión dos novos casos en termos de ingresos hospitalarios. Como amosan os gráficos anteriores, os ritmo de incremento da incidencia está claramente desacoplado da hospitalización. As 321 persoas ingresadas con test positivo da COVID-19 ás seis da tarde do mércores eran medio cento máis que unha semana antes. Cincuenta delas estaban na UCI e hai sete días, a cifra era exactamente a mesma. [A vacinación contra a COVID completa o seu primeiro ano reducindo os efectos da pandemia e con escaso rexeitamento]
As actuais cifras de hospitalizacións son semellantes ao pico de ingresos do pasado verán, cando a incidencia a 14 días roldaba a metade da actual
Estas cifras son equiparables ao pico de hospitalización do pasado verán, cando a incidencia acumulada non pasou de ser arredor da metade que a actual. Son, ademais, practicamente o 50% do pico de hospitalización do outono de 2020 cando, aínda sen vacinación, a incidencia non pasou de 350 casos novos por cada cen mil habitantes. En xaneiro deste 2021, cando o pico de incidencia a 14 días quedou un chisco por baixo de 800 casos novos por cada cen mil habitantes (agora está en 1.200), Galicia chegara a rexistrar máis de 1.400 hospitalizacións simultáneas de persoas coa COVID, isto é, máis do cuádruplo que actualmente.
Esa contención nas cifras totais de hospitalizacións -que, non obstante, continuarán aumentando nas vindeiras semanas, segundo proxeccións do Sergas- prodúcese tamén nos indicadores de mortalidade. Nos últimos sete días, Galicia rexistra unha media duns 3 falecementos diarios de persoas co coronavirus. No outono de 2020 este indicador chegara a superar as 12 e o pasado xaneiro, as 25. [A empresa contratada pola Xunta para rastrexar a COVID busca a incorporación "urxente" de cen persoas pola "alta incidencia"]
Todo isto sucede mentres a vacinación xeral contra a COVID-19 rolda o 90% da poboación galega con pauta completa e o Sergas se centra nestes días en administrar doses de recordo á poboación de entre 40 e 49 anos. Este xoves, un problema informático no sistema de vacinación enlenteceu o proceso, xa que obrigou a rexistrar a administración das doses de maneira manual, segundo confirmou a Consellería de Sanidade, que o deu por resolto contra as 13h deste 30 de decembro.