O 27 de decembro de 2020, hai un ano, Nieves Cabo recibía nunha residencia da terceira idade de Compostela a primeira dose da vacina contra a COVID, converténdose na primeira persoa protexida en Galicia contra a enfermidade que puxo o planeta patas arriba nestes últimos 21 meses. Dende entón administráronse en Galicia 5.505.379 doses das distintas vacinas aprobadas, un esforzo loxístico e do persoal sanitario que nun ano foi quen de inmunizar a case o 94% da poboación galega maior de 12 anos.
As vacinas mudaron por completo a pandemia, de xeito que as mortes reducíronse ao mínimo, ao igual que as hospitalizacións, mesmo a pesar do relaxamento das restricións e da chegada de novas variantes moito máis contaxiosas
As vacinas mudaron por completo a pandemia, de xeito que as mortes reducíronse ao mínimo, ao igual que as hospitalizacións, mesmo a pesar do relaxamento das restricións e da chegada de novas variantes moito máis contaxiosas, como a actual ómicron.
O proceso pasou por varias fases, dende un inicio lento marcado pola falta de doses suficientes no conxunto da Unión Europea e o Estado Español, ata a aceleración que se viviu no final da primavera e o comezo do verán. O outono foi o momento de iniciar a administración de doses de reforzo, que se están a demostrar fundamentais para frear os efectos da actual vaga, e tamén o comezo da protección dos nenos e nenas de 5 a 11 anos, que iniciarán o segundo trimestre escolar coa protección da primeira dose de forma maioritaria.
As persoas de máis de 50 anos recibiron xa, de forma maioritaria, a dose de recordo
O gráfico amosa o estado actual do proceso de vacinación nos distintos grupos de idade. As persoas de máis de 50 anos recibiron xa, de forma maioritaria, a dose de recordo, que nesta semana e a que vén chegará a unha parte maioritaria dos galegos e galegas entre 40 e 49 anos. Nestas semanas de Nadal tamén avanzará a protección dos rapaces e rapazas de 5 a 11 anos coa primeira dose.
O número de persoas non vacinadas é case inexistente por riba dos 60 anos, moi minoritario no grupo de 50 a 59 anos, pequeno nos grupos de 40 a 49 anos e só acada porcentaxes algo superiores, aínda que moi cativas, nos grupos de 30 a 39 anos e 20 a 29 anos
Nos restantes grupos de idade a maior parte da poboación conta coa pauta completa (dúas doses das vacinas de Pfizer, Moderna e Astra Zeneca). Outro dos feitos máis destacados do proceso de vacinación nos últimos meses foi o escaso número de persoas que rexeitaron a inmunización ofrecida. O número de persoas non vacinadas é case inexistente por riba dos 60 anos, moi minoritario no grupo de 50 a 59 anos (3,3%), pequeno nos grupos de 40 a 49 anos (7,4%) e 12-19 (4,3%) e só acada porcentaxes algo superiores, aínda que cativas, nos grupos de 30 a 39 anos (17,6%) e 20 a 29 anos (12,7%).
Ademais, especialmente nestas xeracións máis novas unha parte das persoas que aparecen como non vacinadas si recibiron as súas doses noutras comunidades autónomas ou países ou, directamente, están ilocalizables, polo que non se coñece o seu estado vacinal.
O número de persoas non vacinadas maiores de 12 anos fica en Galicia en 141.000 persoas, pouco máis do 5% do total
Os colectivos que rexeitan as vacinas (por distintos motivos) e, dentro deles, os abertamente negacionistas da enfermidade e antivacinas, demostraron ser totalmente marxinais, polo que non foi necesario adoptar no Estado Español medidas como as aplicadas noutros países de facer obrigatoria a administración da vacina.
En total, o número de persoas non vacinadas maiores de 12 anos fica en Galicia en 141.000 persoas, pouco máis do 5% do total.
As persoas non vacinadas representan o 52% dos ingresos nas UCI, dez veces máis que o seu peso real na poboación
A pesar de representar unha parte tan pequena da poboación, as persoas que non quixeron vacinarse suman máis da metade das camas ocupadas nas UCI (52%) e tamén o 30% das camas ocupadas no resto de unidades hospitalarias por pacientes COVID, segundo informa a Xunta. Unha mostra da efectividade das vacinas e dos efectos moito máis graves que sofren as persoas non protexidas.
O calendario de vacinación neste semana en Galicia estivo centrado na administración de doses de recordo a persoas entre 40 e 49 anos
O calendario de vacinación neste semana en Galicia, ata este xoves (o venres 31 non se levarán a cabo vacinacións), estivo centrado na administración de doses de recordo a persoas entre 40 e 49 anos, ademais de manter aberto o servizo de repescas e autocitas para a aplicación das primeiras e segundas doses a persoas doutros grupos de idade que perderon a súa quenda no seu momento ou rexeitaron vacinarse no seu momento.
Na actualidade algo menos do 25% da poboación entre 40 e 49 anos recibiu en Galicia a súa dose de recordo, unha porcentaxe lixeiramente superior á media co conxunto do Estado español. Porén, nos grupo de máis idade á cobertura desta dose de reforzo é moi superior aos datos que se rexistran no resto de España.
Os días 4 e 5 de xaneiro ao redor de 37.000 nenos e nenas de 7, 8 e 9 anos recibirán a súa primeira dose
Tamén está máis avanzado en Galicia o proceso de vacinación dos nenos e nenas de 5 a 11 anos, sendo de momento a segunda comunidade autónoma cunha maior porcentaxe de poboación infantil cuberta. A vacinación comezou cos rapaces e rapazas de 11, 10 e 9 anos e a Xunta anunciou que nos primeiros días de xaneiro, especialmente nos días 4 e 5, ao redor de 37.000 nenos e nenas de 7, 8 e 9 anos recibirán a súa primeira dose.
Na semana seguinte, os días 11 e 12 de xaneiro, será a quenda dos restantes rapaces e rapazas, ata os 5 anos, de xeito que nese momento espérase que o 90% do grupo entre 5 e 11 anos terá recibido a súa primeira dose.
Galicia é o territorio, xunto con Asturias e Estremadura, con mellores datos, catro puntos por riba da media española
Nos últimos meses Galicia mantívose case en todo momento como unha das comunidades autónomas cunha maior porcentaxe de poboación vacinada. Na actualidade o 93,8% das persoas de máis de 12 anos conta coa pauta completa (o 94,6% recibiu cando menos unha dose), unha porcentaxe que sobre o total da cidadanía -isto é, contando tamén os e as menores de 12 anos)- fica no 85,2% (86% cunha soa dose). Galicia é o territorio, xunto con Asturias e Estremadura, con mellores datos, catro puntos por riba da media española.