A actual vaga da pandemia, dominada pola variante ómicron, continúa a acadar cifras récord de número de positivos detectados. Porén, hai un tempo que os datos de incidencia deixaron de ter unha importancia directa, sendo máis determinantes os indicadores hospitalarios e, por suposto, os de mortalidade. A variante ómicron ten unha capacidade de transmisión moi superior a todas as variantes anteriores, pero -en parte debido ás súas características, en parte grazas á vacinación- na maioría dos casos non está a provocar síntomas nas persoas que a portan. De igual xeito, a proporción de casos graves (que necesitan de ingreso hospitalario) é -de momento- moi inferior á de anteriores variantes e mesmo a estadía hospitalaria está a ser de menor duración.
Hai un tempo que os datos de incidencia deixaron de ter unha importancia directa, sendo máis determinantes os indicadores hospitalarios e, por suposto, os de mortalidade
Mesmo así, a gran cantidade de contaxios e de positivos detectados está a a deixar xa un incremento notable no número de camas hospitalarias, ademais de empeorar a situación de saturación que sofre a atención primaria. Nos vindeiros días haberá que estar atentos a eses indicadores para comprobar o verdadeiro impacto da actual vaga. En principio, os milleiros de positivos que se están a detectar -un número moi superior ao de calquera das ondas anteriores- traduciranse nun número total de ingresos e mortes moi inferior á do pasado mes de xaneiro. Porén, está aínda por ver a súa dimensión exacta.
O Sergas informa este luns de 4.963 novos positivos de COVID-19 en Galicia, 2.871 detectados por unha proba PCR nas últimas 24 horas
O Sergas informa este luns da detección de 4.963 novos positivos de COVID-19 en Galicia, 2.871 detectados por unha proba PCR nas últimas 24 horas. Son cifras inferiores ás de días anteriores, debido en boa medida ao efecto da fin de semana e das xornadas festivas ao redor do Fin de Ano, polo que a redución non pode aínda lerse como unha redución real da incidencia da enfermidade. Este domingo o número de probas de detección realizadas (8.420) foi moi inferior ao de dias anteriores, movéndose entre as 10 mil e as 17 mil.
O número de casos activos segue a medrar e achégase aos 50.000 (49.988), con moito o valor máis elevado acadado durante a pandemia. Con todo, as moi diferentes características da actual vaga e desta variante do virus fan que a comparación con ondas anteriores deixe xa de ter sentido.
O número medio de mortes diarias segue lixeiramente por riba das tres (3,24), unha cifra semellante á da última vaga, o pasado verán
A incidencia media sitúase en Galicia ao redor dos 1.700 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días. As áreas con máis positivos por habitante son as de Vigo, Pontevedra e Santiago, por riba dos 1.900. Porén, mesmo as áreas con menos casos detectados -Lugo e A Coruña- roldan os 1.400 e 1.500 respectivamente.
O número de persoas ingresadas nos hospitais galegos cun diagnóstico positivo de COVID aumentou en 64 nos últimos tres días, ata chegar ás 384
O Sergas informa tamén de que o número total de falecementos de persoas con COVID chega xa ás 2.770, aínda que non últimos dous días non se notificou ningunha nova defunción. O número medio de mortes diarias nos últimos 7 días mantense lixeiramente por riba das tres (3,24), unha cifra semellante á acadada na última vaga da pandemia, este pasado verán. O indicador está aínda moi por debaixo dos niveis acadados o pasado mes de xaneiro, cando chegaron a acadarse valores medios de 27 defuncións diarias. Porén, aínda hai que comprobar nas vindeiras semanas o efecto exacto da actual onda e dos contaxios producidos durante as xornadas festivas do Nadal.
O número de camas UCI ocupadas por pacientes COVID segue estable. Dende hai dúas semanas o número móvese entre as 50 e as 56 e aínda por debaixo do máximo acadado este verán (64)
De momento, os indicadores máis fiables e relevantes seguen a ser os hospitalarios. O número de persoas ingresadas nos hospitais galegos cun diagnóstico positivo de COVID aumentou en 64 nos últimos tres días, ata chegar ás 384, o valor máis elevado dende o pasado mes de marzo. Varias destas persoas non están, en realidade, enfermas de COVID-19 senón que presentan algunha outra patoloxía.
En canto ás UCI, o número de camas ocupadas por pacientes COVID segue estable. Este luns o Sergas informa de que súa cifra medrou levemente, ata as 53, unha máis que hai sete días. Dende hai dúas semanas o número móvese entre as 50 e as 56 e aínda por debaixo do máximo acadado este verán (64).