Haberá que agardar aos próximos días para analizar correctamente a habitual distorsión das tendencias durante as fins de semana, nesta co engadido das celebracións de fin de ano
Se nas fins de semana xa era habitual que a diminución de probas e altas hospitalarias distorsione os datos da evolución da pandemia de coronavirus en Galicia, a esta que agora remata coa celebración engadida do Aninovo haberá que mirala mellor nos próximos días para saber como se están a comportar as curvas de novos casos detectados. O que si é un feito é que nos hospitais, á espera das altas que se poidan producir este luns, había na tarde deste sábado día 1, momento en que o Sergas pechou os datos que facilitou o domingo pola mañá, 360 persoas hospitalizadas con COVID-19, 70 máis que as 270 da tarde do xoves día 30.
Analizando a situación hospitalaria a respecto de hai unha semana, os casos ingresados son 86 máis. Pero a gravidade dos que precisan atención intensiva nas UCI non parece estar a aumentar, con 52, cifra similar ás que se veñen rexistrando desde hai dúas semanas. En todo caso, eses números hai que contextualizalos coas seis novas mortes comunicadas polo Sergas nas tres últimas xornadas, ata un total de 2.766 desde o comezo da pandemia.
Canto aos novos positivos detectados, a cifra diminuíu progresivamente nas dúas últimas xornadas desde o pico de 5.800 novos casos sumados o venres, con 5.200 o sábado e 3.500 engadidos polo Sergas ao cómputo global este domingo. Pero as probas PCR, por exemplo, aínda que non sexan as únicas empregadas para detectar positivos, pasaron de 17.400 comunicadas o xoves a 13.200 comunicadas este domingo.