Os pediatras suxiren a retirada das máscaras nas aulas de Primaria, Secundaria e Bacharelato de maneira progresiva desde finais de febreiro e ata principios de maio
A Asociación Española de Pediatría (AEP) reclama a retirada inmediata da obriga do alumnado a levar máscaras de protección fronte á COVID nos espazos ao aire libre dos colexios e propón un calendario para a eliminación progresiva do seu uso no interior dos centros escolares a partir de finais de febreiro. O colectivo estatal de especialistas asegura que nos dous primeiros anos de pandemia puideron "documentar e confirmar" que os nenos e nenas son un "grupo poboacional pouco vulnerable á enfermidade grave".
As profesionais da AEP sinalan que a chegada da variante Ómicron da COVID-19 permite agora "normalizar a transmisión" do virus. É dicir, "aceptar que siga habendo transmisión pero centrando os esforzos en previr os casos de maior impacto clínico e, polo tanto, focalizar as enerxías en protexer aos máis vulnerables". "Este cambio de paradigma permitirá avanzar cara a unha innovadora actuación onde a vixilancia epidemiolóxica se focalice nunha serie de centros sentinelas repartidos polo territorio que monitoricen a situación e as tendencias epidemiolóxicas sen ter que contar cada nova infección que se produza no país", avanzan.
Segundo a Asociación Española de Pediatría, con este novo contexto "deixará de ser importante que o virus siga circulando libremente" se é posible "detectar de forma áxil" os brotes e cambios nas tendencias epidemiolóxicas e os cambios no comportamento do virus ou das eventuais novas variantes que poidan aparecer.
Os especialistas consideran que está consolidada a tendencia á baixa desta sexta onda, con taxas de incidencia claramente descendentes, e que ao eliminar a obrigatoriedade do uso de máscaras en exteriores en todo o Estado esta nova recomendación ten que chegar tamén ás aulas.
O Goberno galego segue sen aclarar se vai ir máis alá da recomendación do uso das máscaras nos patios das escolas. Mentres, segundo os últimos datos facilitados pola Xunta a 9 de febreiro, en Galicia hai 431 casos activos relacionados coas escolas infantís e dúas aulas pechadas por coronavirus. Nos centros educativos do país o número de casos de COVID ascende a 6.470 e as aulas pechadas a 97.
"É incoherente, desde todo punto de vista, seguir penalizando aos nenos e manter a obrigación do uso de máscara no patio", sinalan desde a Asociación Española de Pediatría
Porén, os pediatras explican que "aínda que o número total de infeccións na idade pediátrica foi moi notable e este grupo liderou nos últimos meses as taxas de incidencia de todos os grupos de idade grazas a un enorme esforzo diagnóstico, a transcendencia clínica destas infeccións foi mínima". Destacan, ademais, que a maioría das novas infeccións son asintomáticas e con síntomas leves naqueles nenos que si chegaron a sentir efectos secundarios.
O número de ingresos hospitalarios de nenos con PCR positiva aumentou nas últimas semanas no Estado, mais os especialistas apuntan que "isto se explica máis ben por un aumento significativo do total de infeccións neste grupo de idade (a maioría aínda sen cobertura vacinal e das que só unha mínima proporción requirirá hospitalización por mor da propia COVID-19) e non por un aumento da virulencia dos casos detectados en pediatría".
Desta maneira, certifican que a variante Ómicron "non supuxo ningún cambio no patrón de hospitalizacións, nin nas características clínicas dos nenos infectados" de COVID-19. "Neste contexto, é incoherente, desde todo punto de vista, seguir penalizando aos nenos e manter a obrigación do uso de máscara no patio, cando ao saír á rúa xa non teñen que usalas", aseveran.
En concreto, desde a Asociación Española de Pediatría solicitan unha "retirada progresiva da obrigatoriedade do uso de máscaras en interiores, cun reforzo dos protocolos de ventilación" nos centros escolares en función da situación epidemiolóxica de cada Comunidade Autónoma. Para a que propoñen un calendario coa seguinte orde conolóxica e por grupos de idade:
- 1º e 2º de Educación Primaria: a partir do 28 de febreiro
- 3º e 4º de Primaria: a partir do 14 marzo
- 5º e 6º de Primaria: desde o 28 marzo
- Todos os cursos da ESO: a partir do 25 abril
- 1º e 2º de Bacharelato: desde o 9 de maio
Así mesmo, inciden en que é preciso seguir fomentando a vacinación contra a COVID "sobre todo entre os menores de 12 anos; e piden que as corentenas de 7 días sexan só para aqueles nenos e nenas que teñan confirmado o seu positivo da COVID, "eliminando todas as outras recomendacións actuais".