A obriga de uso de máscara ao aire libre por mor da COVID-19 ficará en excepción a partir do vindeiro xoves, 10 de febreiro. Apenas mes e medio despois de que o Goberno de España reintroducise esta medida con independencia da distancia de seguridade -entre peticións de Executivos autonómicos como a Xunta- e apenas unha semana despois de que o Congreso aprobase mantela nunha controvertida votación -a restrición era parte dun decreto que incluía a revalorización das pensións mínimas-, o Consello de Ministros decreta a súa fin.
"Exímese da obriga de uso da máscara en espazos exteriores con carácter xeral, independentemente da distancia", confirma o Ministerio, que deixa en "recomendación" portala "onde se produzan aglomeracións". Si seguirá sendo obrigatoria en "eventos multitudinarios"
Segundo o avanzado pola ministra voceira tras a reunión do Consello e ratificado despois polo Ministerio de Sanidade, a modificación vai alén de retornar á situación previa ao Nadal. O BOE recolle este mércores o que xa fora anunciado polo Ministerio tras a reunión gobernamental: que "se exime da obriga de uso da máscara en espazos exteriores con carácter xeral, independentemente da distancia interpersoal". Isto é, non se retoma a obrigatoriedade cando haxa menos dun metro e medio de distancia entre persoas.
Deste xeito, o uso da máscara ao aire libre "onde se produzan aglomeracións" xa non será unha obriga, senón só unha "recomendación". Si seguirá sendo "obrigatoria" en "eventos multitudinarios" se o público está en pé ou sentado a menos de metro e medio doutras persoas asistentes, "agás grupos de conviventes". O motivo do cambio, sinala o Ministerio, son "os altos índices de cobertura vacinal" e o "cambio de situación en relación á pandemia". A obriga de uso da máscara en interiores mantense sen cambios.
Aínda que non se recolle explicitamente nesta regulamentación publicada no no BOE, a ministra portavoz evidenciou que a intención do Goberno de España é que a flexibilización do uso da máscara chegue tamén aos patios escolares. "A regra xeral de eliminar as máscaras" ao aire libre tamén "se vivirá nos patios dos colexios, que esta vez si poderán asumir que os nenos e nenas poidan estar xogando, nos recreos, sen máscara", afirmou Isabel Rodríguez.
A concreción deste aspecto, non obstante, depende no caso galego do que decida a Xunta. Segundo avanzaba este martes o xornal La Voz de Galicia, o Goberno galego non tiña o pasado luns decisión tomada ao respecto porque a cuestión non se abordara especificamente no Consello Interterritorial de Saúde. As fontes de Sanidade citadas polo devandito medio remitíanse polo momento ao protocolo vixente, que fixa a "obriga de usar máscaras durante toda a xornada lectiva en todos os espazos do centro educativo" para o alumnado a partir dos 6 anos de idade.
Actualmente, a infancia menor de 12 anos segue sendo a que marca unha incidencia acumulada da COVID-19 a 14 días máis elevada, aínda por riba dos 5.000 casos novos por cada cen mil persoas, pero agora xa en liña claramente á baixa. No grupo de 12 a 19 produciuse un lixeiro ascenso a pasada semana, se ben semella retomar o descenso ou, cando menos, a estabilización por riba dos 5.000 casos novos a 14 días.
Situación xeral da COVID en Galicia
Estas novas mudanzas nas cada vez máis escasas restricións para conter a COVID-19 chegan nun contexto no que a incidencia acumulada de novos casos detectados traza liñas claramente descendentes en toda Galicia. Como amosan os gráficos que acompañan esta información, a incidencia máis inmediata (a 7 días) cae con claridade nas sete áreas sanitarias e a media galega rolda os 1.200 casos por cada cen mil habitantes. A 14 días, este indicador está arredor dos 2.600 casos e a tendencia tamén é de claro descenso, aínda que non tan pronunciada como en comunidades autónomas que non computan os positivos detectados mediante autotest.
Todo isto sucede mentres continúa a administración de terceiras doses da vacina, que xa chegan a case o 60% da poboación de 20 a 29 anos (a poboación maior de idade, pero menor de 30, foi a última en ser incorporada á vacinación de reforzo), a case o 70% das persoas de 30 a 39 anos e a máis do 90% de toda a poboación galega maior de 40 anos.
As persoas hospitalizadas coa COVID roldan as 700. A pasada semana, a Xunta matizou que arredor do 40% son pacientes que chegaron ao hospital por motivos diferentes ao virus
En termos de incidencia, en calquera caso, as autoridades sanitarias galegas dan por superado o pico da que se deu en coñecer como sexta vaga e algo semellante parece acontecer no que atinxe á ocupación hospitalaria tras algo máis de 3.600 ingresos novos de pacientes coa COVID en tres meses. Ás seis da tarde do pasado luns, as persoas hospitalizadas con test positivo do coronavirus roldaban as 700 e eran apenas tres menos que unha semana antes. Cómpre ter en conta, non obstante, que o Goberno galego sinalaba a pasada semana que arredor do 40% dos ingresos de persoas co coronavirus se corresponden con pacientes que chegaron ao hospital por outro motivo (unha urxencia doutro tipo ou unha operación programa, por exemplo) e non por mor da COVID.
A hospitalización total apunta á superación do pico mentres a ocupación das UCI segue moi estable, un chisco por riba das 40 persoas con test positivo do coronavirus. Na vaga de hai un ano chegara a haber máis de 250 persoas coa COVID en coidados intensivos simultaneamente.
Mentres, a mortalidade de persoas coa COVID descende un chisco e a media a 7 días rolda os 6 falecementos por xornada -hai un ano chegaran a ser máis de 25-, sempre tendo en conta que non todos estes pasamentos son consecuencia directa do virus. O total sitúase en 2.987 persoas dende o comezo da pandemia.