Galicia comeza a deixar atrás a sexta vaga da pandemia, que suma 3.660 ingresos hospitalarios de persoas con COVID en tres meses

Profesionais do Hospital da Coruña agradecendo o apoio da poboación, nunha imaxe de arquivo © CHUAC

O número de casos de COVID detectados en Galicia leva semanas en descenso. De igual xeito, a mediados de xaneiro acadouse o pico de ingresos hospitalarios de persoas cunha proba diagnóstica positiva e dende entón o número diario de novos ingresos vén diminuíndo. A sexta vaga da pandemia vai quedando atrás e tamén se van eliminando moitas das restricións introducidas no mes de decembro, comezando pola obriga de levar máscara de protección en espazos exteriores, que desaparecerá este vindeiro xoves.

Dende o 1 de novembro ata o 2 de febreiro, en Galicia detectáronse case 300.000 casos (278.188), case dous de cada tres casos de COVID rexistrados en toda a pandemia

Esta sexta vaga deixou unha avalancha de positivos de COVID, debido á maior transmisibilidade da variante Ómicron e ás menores restricións e medidas preventivas introducidas en relación con ondas anteriores. Porén, grazas á protección das vacinas o número de mortes e ingresos hospitalarios de persoas co virus foi moi inferior. 

Aínda así, as cifras foron moi importantes. Segundo os datos que todas as semanas actualiza o Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII), dende o 1 de novembro ata o 2 de febreiro, en Galicia detectáronse case 300.000 casos (278.188), case dous de cada tres casos de COVID rexistrados en toda a pandemia. Deles, 3.660 necesitaron hospitalización e 336 tiveron que pasar pola UCI. A sexta vaga da pandemia deixa de momento 299 mortes de persoas con COVID.

Este domingo o Sergas informa da detección de 3.081 novos casos de COVID, por debaixo dos 4.533 de hai sete días. Nas UCI hai 46 camas ocupadas con pacientes COVID, cinco máis que o pasado domingo. No conxunto das unidades hospitalarias hai 691 camas ocupadas, 33 máis que hai sete días

Os últimos datos, publicados na mañá deste domingo polo SERGAS, amosan o mantemento das tendencias das últimas semanas, cun descenso da incidencia da sexta vaga, aínda que máis lento do que fora o ascenso durante os pasados meses de novembro e decembro. E, de momento, cifras de camas ocupadas nos hospitais estabilizadas, aínda que o número de ingresos diarios si está a descender.

Este domingo o Sergas informa da detección de 3.081 novos casos de COVID, por debaixo dos 4.533 de hai sete días. A incidencia acumulada a 14 días no conxunto de Galicia rolda os 2.500 casos por cada 100.000 habitantes, con valores máis elevados nos menores de 11 anos e no grupo de mozos e mozas de 12 a 19  anos.

Nas UCI hai 46 camas ocupadas con pacientes COVID, cinco máis que o pasado domingo. No conxunto das unidades hospitalarias hai 691 camas ocupadas, 33 máis que hai sete días.

Na última semana morreron 48 persoas con COVID

Seguen a producirse moitas mortes de persoas con COVID (aínda que non necesariamente provocadas durectamente pola enfermidade). Na última semana foron 48, unha media de case sete ao dia. Dende o comezo da pandemia o número total de defuncións en Galicia achégase xa ás tres mil (2.972).

Este domingo o SERGAS anunciou que vén de detectar o primeiro caso de BA.2 en Galicia, unha nova sublinaxe de ómicron, tamén coñecida como "silenciosa"

Este domingo, ademais, o SERGAS anunciou que vén de detectar o primeiro caso de BA.2 en Galicia, unha nova sublinaxe de ómicron, tamén coñecida como "silenciosa". Esta variente, moi estendida en países como Dinamarca, ten efectos máis leves que as restantes variantes ("síntomas semellantes a unha gripe leve", sinala o SERGAS) e xa foi atopado en mostras de augas residuais na área da Coruña a través do proxecto COVID Bens.

O caso foi detectado polo laboratorio de microbioloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro, en Vigo, foi quen de secuencialo. Hai outros quince casos en estudo relacionados co primeiro caso xa secuenciado. A maior parte están localizados na Área sanitaria de Vigo, aínda que tamén na de Santiago de Compostela e Barbanza. Os pacientes presentan síntomas moi leves e ningún deles está hospitalizado.

A sexta vaga deixa un baixo número de ingresos en UCI

Dende o 1 de novembro, pouco máis do 1% (1,31%) dos 278.188 casos rexistrados necesitou hospitalización, uns 3.660 ingresos que chegaron ao seu máximo ao redor do 15 de xaneiro

Cando a sexta vaga está chegado ao seu remate, pódese xa facer un balance das súas consecuencias, sobre todo dos efectos máis graves da enfermidade, aqueles casos nos que foi necesaria a hospitalización de pacientes, o seu ingreso en UCI ou que remataron coa súa morte.

Pouco máis do 1% (1,31%) dos 278.188 casos rexistrados necesitou hospitalización, uns 3.660 ingresos dende o 1 de novembro que chegaron ao seu máximo ao redor do 15 de xaneiro (nesa semana ingresaban nos hospitais galegos ao redor de 75 persoas ao día con COVID). Este pico foi superior ao rexistrado durante o pasado verán (ao redor de 45 ingresos diarios no seu máximo), pero moi inferior ao do pasado inverno (máis de 140 ingresos diarios na peor semana). Dende o 15 de xaneiro, as cifras veñen descendendo e os primeiros días de febreiro xa se situaban ao redor do 60 ingresos hospitalarios ao día.

O máximo diario de ingresos en UCI acadouse na primeira semana de xaneiro, con 5 ao día, un nivel semellante ao do peor momento do pasado verán

Chama a atención, en cambio, que o número de ingresos en UCI foi moi inferior. Neste caso o pico situouse uns días antes, ao final da primeira semana de xaneiro e a media diaria superou por pouco os 5 ingresos diarios de pacientes con COVID, un dato moi semellante ao rexistrado durante a vaga do pasado verán. De feito, o número total de ingresos en UCI en novembro, decembro e xaneiro (336) sitúase moi pouco por riba dos rexistrados en xullo e agosto (225). 

123 ingresos en UCI de menores de 60 anos

A sexta vaga deixou un aluvión de casos de COVID detectados, especialmente entre a xeracións máis novas. Dos case 280.000 positivos, 160.000 corresponderon a menores de 40 anos. En cambio, entre as persoas que necesitaron hospitalización, foron maioría os maiores de 70 anos (52,5%). Con todo, houbo 521 ingresos hospitalarios de persoas de menos de 40 anos que deran positivo en COVID.

Case un 40% dos ingresos en UCI foron de menores de 60 anos, un total de 123. Deles, 57 tiñan menos de 50 anos

Entre as persoas que tiveron que ser ingresadas nas UCI, a idade máis frecuente situouse entre os 60 e os 80 anos (56%), aínda que case un 40% tiña 59 anos ou menos. De feito, houbo 123 ingresos en UCI de menores de 60 anos e 57 de menores de 50 anos.

As mortes de persoas con COVID, iso si, seguiron a ser maioritariamente de persoas de máis de 80 anos: 200 das 299 rexistradas entre o 1 de novembro e o 2 de febreiro, sen falecementos por debaixo dos 40 anos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.