Ao comezo da pandemia da COVID-19, as residencias da terceira idade e de persoas con discapacidade foron un dos principais focos de preocupación e tamén de incidencia que, no caso galego, foi practicamente o duplo nas de titularidade privada que nas públicas. Tras unha primeira fase de notable opacidade, a Xunta comezou a informar diariamente dos casos activos vinculados entre persoas usuarias e persoal destes centros e, unha vez superada a fase máis aguda da crise sanitaria, comezou a facelo semanalmente, pero seguiu detallando as cifras de cada centro. Esta práctica vén de finalizar.
O Goberno galego atribúe o recorte á información sobre a COVID nas residencias á "evolución da situación epidemiolóxica" e que tamén o fan outras autonomías
Segundo confirmou este 2 de febreiro o Goberno galego, de agora en diante deixará de ofrecer cifras de casos activos da COVID-19 en cada residencia e só ofrecerá a suma dos centros de cada área sanitaria. O mesmo sucederá cos falecementos de persoas residentes que contraesen a enfermidade, dos que viña informando con datos de idade, sexo e centro de procedencia. A decisión, di a Xunta, é tomada "de acordo coa evolución da situación epidemiolóxica e co procedemento seguido nas demais comunidades autónomas. Sanidade atribúe a explicación á Consellería de Política Social.
As táboas que acompañan estas liñas amosan ás claras a notable redución de información que trae consigo o decidido pola Xunta. Así, por exemplo, a pasada semana -que resultou ser a derradeira con información detallada-, Galicia rexistraba algo máis de 580 casos activos entre 81 destes complexos de atención a persoas da terceira idade ou con discapacidade. En termos absolutos, a residencia coruñesa Claudina Somoza, o centro DomusVi de Ribadumia e a residencia Albertia de Lugo eran os que máis positivos activos rexistraban.
Sanidade tamén deixa de especificar as residencias de procedencia das persoas que viven nestes centros e falecen co coronavirus
O primeiro parte co novo modelo, feito público este 2 de febreiro, rexistra un lixeiro incremento a respecto da semana anterior, ata un total de 638. Pero xa non é posible coñecer en que centros se rexistran. Só que, en números absolutos, a área da Coruña-Cee é a que máis casos activos ten entre persoas usuarias de residencias (181) e as que menos, as de Santiago-Barbanza e Ferrol, con cadanseus casos activos.
Ademais, este mércores a Consellería de Sanidade deixou tamén de especificar, na súa información aos medios de comunicación, a residencia de procedencia ou o hospital -de ser o caso- onde se producen os falecementos de persoas coa COVID. Tamén neste caso pasa a ofrecer unha suma por áreas sanitarias, dato que xa viña sendo público.