A incidencia máis inmediata da COVID traza un pico en todas as áreas sanitarias malia ao aluvión de positivos por autotest

Evolución da incidencia da COVID a 7 días por áreas sanitarias dende decembro de 2021, sobre unha imaxe do indicador dun punto de vacinación e test no hospital da Barbanza CC-BY-NC-SA Praza.gal

A inserción dos positivos en autotest feitos na casa mudou nos primeiros días deste 2022 os datos de seguimento da COVID-19 en Galicia de xeito radical, afondando na necesidade de ler as cifras doutro xeito que xa provocaran outros cambios nos protocolos, como a práctica eliminación do seguimento e probas ao groso das persoas consideradas como contacto estreito dun positivo. A suma dos positivos detectados fóra do sistema sanitario -e sen comprobación posterior- provocou un punto de inflexión nas cifras máis inmediatas da incidencia acumulada -as dos últimos sete días-, un indicador con importancia cada vez máis relativa para as autoridades sanitarias pola ampla extensión da vacinación.

Nos primeiros días do ano, a incidencia acumulada a 7 días iniciara en Galicia unha liña descendente tras superar por primeira vez os mil casos novos por cada cen mil habitantes, pero cun impacto hospitalario moito menor que en vagas anteriores. A inserción dos autotest propiciou que a curva dese a volta e seguise subindo ata que, nestes últimos días, volveu trazar un pico que, cos datos de días completos máis recentes, xa se aprecia en todas as áreas sanitarias.

Actualmente, a incidencia acumulada a 7 días para o conxunto de Galicia rolda os 1.800 casos novos por cada cen mil habitantes (a 14 días está arredor dos 3.200). Como amosa o gráfico sobre estas liñas, as primeiras áreas sanitarias que contribuíron á liña descendente foron as de Ourense e Ferrol. As demais, aínda que de xeito máis tímido, apuntan tamén a un posible cambio de tendencia que o propio Sergas estimaba que chegaría, precisamente, nesta recta final do mes de xaneiro.

O total de casos detectados rolda os 7.000 por xornada na media da última semana. Mentres, os rexistrados mediante PCR, proba actualmente reservada sobre todo a casos sintomáticos ou máis graves, descenden con claridade e son uns 1.200 diarios

O efecto dos autotest é tamén evidente ao observarmos as cifras absolutas de casos novos detectados e trazarmos unha media diaria a 7 días. En torno ao 7 de xaneiro, Galicia marcaba unha media duns 4.000 casos novos detectados cada día da semana previa, pero a suma dos autotest conduciu este indicador a novos récords. Agora, xa tamén con sinais de acadar o pico, supéranse os 7.000 casos novos rexistrados ao día na media da última semana

Nesta suma figuran os devanditos autotest, pero tamén os test de antíxeno realizados polo propio Sergas ou nas farmacias e unha cifra residual (uns 5.000 casos en toda a pandemia) de positivos en test de anticorpos en persoas que xa superaron a doenza. E tamén as probas PCR, o que durante a maior parte da pandemia veu sendo o test de referencia para confirmar casos positivos e que agora está restrinxido esencialmente para as persoas con síntomas ou con problemas relevantes de saúde. Neste sentido, resulta significativo que a media a 7 días dos positivos detectados mediante PCR, os cales cabe identificar sobre todo cos sintomáticos ou máis graves, leva en descenso dende primeiros de xaneiro e está agora arredor dos 1.300 diarios.

Todos estes números manteñen o total de casos considerados como activos en máximos da pandemia en Galicia, na contorna dos 76.000. Aínda que unha parte moi ampla deles sexan casos asintomáticos, esta avultada cifra contribúe á sobrecarga do sistema sanitario en ámbitos como a Atención Primaria, tanto para consultas sobre síntomas como para trámites ligados ás baixas laborais, entre outros.

As actuais 600 persoas hospitalizadas coa COVID son unha cifra semellante ao pico do outono de 2020. Daquela, antes da vacinación, a incidencia a 14 días roldaba os 300 casos por cada cen mil habitantes e agora son máis de 3.200

Dentro desa gran cifra de casos activos son apenas unhas 600 as persoas con test positivo da COVID-19 que requiren atención hospitalaria. Ás seis da tarde do martes eran, concretamente, un total de 608, un cento máis que unha semana antes. Cincuenta e cinco delas eran atendidas en unidades de coidados intensivos, a mesma cifra que hai sete días.

Resulta significativo que o total de persoas hospitalizadas coa COVID é practicamente o mesmo que no pico da vaga do outono de 2020. Daquela, cando aínda non comezara a vacinación, Galicia chegara a ter unhas 600 persoas co coronavirus hospitalizadas ao mesmo tempo, como agora, pero naquela altura a incidencia acumulada a 14 días apenas superara os 300 casos novos por cada cen mil habitantes e agora son uns 3.200.

Alén das características da variante ómicron -que vén sendo relacionada cunha maior capacidade de contaxio, pero cunha menor virulencia-, a vacinación segue revelándose como feito diferencial para a redución do impacto hospitalario e tamén da mortalidade -unhas 4 mortes ao día de persoas coa COVID-19 na media da última semana-. Isto sucede mentres case o 86% do total da poboación galega ten xa a pauta completa da vacina (segundo os datos do Ministerio de Sanidade, axustados coas cifras de poboación de 2021) e mentres continúa a administración de terceiras doses, que dende esta semana reciben tamén en Galicia as persoas de 30 a 39 anos. No grupo de 40 a 49 anos as doses de reforzo xa superan o 80% de cobertura e nos grupos de maior idade, o 90%.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.