O Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas acordaron o pasado venres no Consello Interterritorial so Sistema Nacional de Saúde importantes cambios nas pautas comúns de actuación nas aulas ante a aparición de casos positivos de COVID-19. O documento acordado foi finalmente publicado este luns, despois de ter sido remitido aos distintos gobernos autonómicos e vén definir un novo marco de actuación ante unha pandemia que mudou notablemente as súas características: máis transmisión do virus, pero moita menor gravidade da enfermidade, grazas sobre todo á vacinación masiva da maior parte da poboación.
O documento chama a atención sobre a importancia de "ter en conta o impacto sobre a conciliación familiar e laboral así como o risco que para potenciais coidadores vulnerables pode ter o coidado dos nenos pequenos nunha situación de peche de aulas ou colexios"
Na súa introdución, o documento aprobado pola práctica totalidade das comunidades autónomas destaca a importancia de manter a presencialidade nas aulas e o feito de que a poboación infantil ten "moito menor risco de padecer formas graves de COVID-19", cun 50% de casos asintomáticos e un 99,5% de casos sen complicacións graves.
Ademais, chama a atención sobre a importancia de "ter en conta o impacto sobre a conciliación familiar e laboral así como o risco que para potenciais coidadores vulnerables pode ter o coidado dos nenos pequenos nunha situación de peche de aulas ou colexios". En consecuencia, o texto aprobado limita as circunstancias nas que unha aula de Infantil, Primaria ou Secundaria pechará ante a aparición de positivos no grupo, sempre que estes sexan "esporádicos".
Cando pechará unha aula de Infantil e Primaria?
O documento é moi claro ao respecto: unha aula non pechará se non hai cando menos 5 casos positivos confirmados, ou un 20% do alumnado, no caso de aulas pequenas. Todos estes criterios aplicaranse ás actividades extraescolares que se realizan nos centros. Iso si, os centros de educación especial considéranse "contornas vulnerables", aplicándose o indicado na norma para estes grupos e espazos.
E que pasa en Secundaria?
A alumnado maior de 12 anos (o mesmo que o profesorado e outro persoal do centro) seguirá as indicacións de corentena propostas para a poboación xeral. É dicir, mesmo no caso de ser considerados "contactos estreitos", non deberán levar a cabo corentenas, sempre que estean vacinados coa pauta completa (en Galicia, o 95,1% da poboación entre 12 e 19 anos).
Que pasa se hai un positivo? Que debe facer este alumno ou alumna?
O centro porá en coñecemento do profesorado e das familias que se detectou un positivo nunha aula, recomendando que nos 10 días seguintes se extremen as precaucións
Os casos confirmados non deben acudir ao centro e deben permanecer illamento un mínimo de 7 días dende o inicio dos síntomas ou dende o diagnóstico en casos asintomáticos. Recoméndase que tampouco as persoas con síntomas compatibles coa COVID-19 acudan ao centro ata ter unha confirmación do seu estado a través dunha proba de detección.
Como debe actuar o centro ante a aparición dun positivo?
O centro porá en coñecemento do profesorado e das familias que se detectou un positivo nunha aula, recomendando que nos 10 días seguintes se extremen as precaucións e se reduzan todas as posibles interaccións sociais, empregando de forma constante a máscara de protección.
Realizaranse probas de detección aos contactos estreitos?
Unicamente se realizarán probas aos contactos estreitos vulnerables "ou que vivan en contornas vulnerables".
Que pasa se hai máis de 5 positivos nunha aula de Infantil ou Primaria?
A aula quedará pechada por un período mínimo de 7 días.
Que sucede se se detecta un gran número de positivos en Secundaria?
Se se considera que se está a producir transmisión incontrolada, analizarase a necesidade de ampliar as medidas, valorando en última instancia o peche temporal do centro
Se se considera que nun centro educativo se está a producir unha transmisión incontrolada, os servizos públicos de saúde das comunidades autónomas realizarán unha avaliación de riscos para analizar a necesidade de ampliar as medidas, valorando en última instancia o peche temporal do centro educativo. Non se recomenda realizar cribados masivos nos centros de ensino, agás que de forma excepcional así o indiquen las autoridades de saúde pública.