Galicia retoma o curso escolar tras uns 10.000 casos da COVID entre menores de idade nas últimas dúas semanas

Nenas e nenos coas súas familias acudindo á vacinación contra a COVID do grupo de 7 a 9 anos, o 4 de xaneiro de 2022 na Cidade da Cultura, en imaxes tiradas dunha gravación da Xunta CC-BY-SA Sergas

Este 10 de xaneiro é o día de regreso ás aulas tras as vacacións de Nadal, Aninovo e Reis. Por segundo ano consecutivo, este retorno vén marcado polo impacto da COVID-19, desta volta atenuado pola extensión da vacinación -máis do 90% da poboación de 12 a 19 anos ten xa a pauta completa e máis da metade da infancia de 5 a 11, cando menos unha dose- pero agravado pola alta incidencia, coa súa consecuente tradución en baixas de profesorado e en corentenas por casos entre o alumnado.

Á espera da súa plasmación nun novo protocolo definitivo, o reinicio do curso vén marcado polos cambios nos limiares para poñer en corentena unha aula e co impacto da COVID atenuado pola vacinación, pero agravado pola tradución en baixas da alta incidencia xeral

Á espera da súa plasmación nun novo protocolo definitivo, as principais novidades do retorno ás aulas pasan polo pacto entre as autonomías e o Ministerio de Sanidade segundo o cal unha aula entrará en corentena -pechará- cando haxa 5 ou máis casos nos últimos sete días ou estes atinxan a cando menos o 20% do alumnado. Tamén pola obriga de illamento de 7 días para as nenas e nenos menores de 12 anos que teñan a consideración de contacto estreito dun caso positivo co consecuente impacto nas familias, sen dereito a baixa laboral por esta razón.

Atendendo aos datos de incidencia acumulada por idades que fornece o Ministerio de Sanidade (a Xunta dispón deles e transmíteos ao Estado, pero non os publica) é posible afirmar que Galicia retoma o curso escolar despois de dúas semanas das vacacións nas que deron positivo por COVID-19 unhas 10.000 persoas menores de idade, aproximadamente. É o dato que é posible estimar a partir da incidencia acumulada na infancia menor de 11 anos (uns 2.700 casos por cada cen mil persoas a 6 de xaneiro) e deste dato entre a poboación de 12 a 19 (algo máis de 4.000), tendo en conta que aos centros educativos acoden estudantes -en xeral- ata os 18 anos, contando Bacharelato e parte da FP.

Educación cifra nuns 13.000 os casos activos da COVID entre alumnado e persoal dos centros educativos. Antes das vacacións de Nadal roldaban os 3.000

Estes cálculos cadran, aproximadamente, coa estimación ofrecida polo conselleiro de Sanidade en vésperas do retorno ás aulas. Nunha entrevista concedida á Radio Galega, Julio García Comesaña sinalou que a Xunta calcula uns 9.000 casos activos da COVID-19 ligados á comunidade educativa (entre estudantado e mais profesorado e resto do persoal dos centros) e deles, uns 3.600 serían do grupo de 5 a 11 anos (na poboación de 0 a 11 anos rexistráronse uns 6.800 casos nos últimos 14 días, atendendo aos datos de incidencia acumulada). O total do alumnado do ensino público galego -de Infantil a Bacharelato- rolda os 320.000 estudantes. 

Este luns, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, actualizou verbalmente eses datos en declaracións á prensa. Á espera da publicación do parte detallado -previsiblemente, sucederá o mércores-, os casos activos da COVID-19 ligados ao ensino (sumando alumnado e persoal dos centros) roldan os 13.000. Antes das vacacións de Nadal roldaban os 3.000.

Inicio da xornada con 240 baixas que acabaron sendo unhas 800

A CIG-Ensino advirte de que o día do reinicio do curso comezou "con 240 baixas por cubrir, que en menos dunha hora superaron as 350" e ve na situación xeral unha "consecuencia das decisións do comezo do curso"

As estimacións do impacto entre o alumnado complétanse coas relativas ao profesorado, tamén provenientes dunha fonte allea á Xunta. O sindicato CIG-Ensino, maioritario entre o persoal docente galego, explica que o día de reinicio das clases comezou "con 240 baixas por cubrir, que en menos dunha hora superaron as 350". E "non existe ningunha seguridade de que se vaian cubrir as ausencias derivadas da COVID", afirman, se ben o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, afirmou en declaracións á prensa que si procurarían esa cobertura. "Non se pode reproducir a situación do mes de decembro coa non cobertura das baixas de docentes, a Consellería debe cubrilas inmediatamente", advirten. O propio conselleiro, nas devanditas declaracións, elevaba na mañá deste luns o número de baixas a unhas 800 das que, afirmou, foran cubertas arredor de 700.

A esta circunstancia, agrega a CIG-Ensino, súmase "a situación" de "enorme confusión" creada "co sistema de comunicación de contaxios a través dun formulario e a necesidade de comunicar unha baixa médica formal". Neste sentido, a central sindical coida que "alén da evolución da pandemia con carácter xeral, estamos ante as consecuencias das decisións tomadas ao comezo deste curso", tales como "menor distancia física ou maiores ratios" de alumnado por docente, así como do "desconcerto coas indicacións do rastrexo". 

Situación xeral da COVID-19 en Galicia: entran os autotest

Mentres todo isto sucede no ensino, a nivel xeral a incidencia acumulada da COVID-19 a 14 días segue á alza en Galicia, aínda que decelerando no seu ritmo de incremento. Cómpre ter en conta, non obstante, que os indicadores de casos novos detectados ofrecen xa unha fotografía dunha realidade diferente: a razón é que Sanidade xa contabiliza nos seus rexistros os positivos achados mediante test feitos na casa (autotest de antíxenos) e comunicados polos propios pacientes, os cales son válidos a todos os efectos segundo os novos protocolos.

En apenas catro días os test realizados polo Sergas detectaron 11.681 casos aos que se sumaron case 5.000 rexistrados mediante autotest

Deste xeito, nos últimos 4 días (dende as 00:00 do 6 de xaneiro ata as 18h do día 9) as probas diagnósticas realizadas polo propio Sergas detectaron 11.681 casos novos, pero o total incorporado aos rexistros foi de 16.650. Esa diferenza de 4.969 casos, segundo calculou Praza.gal e confirma a Consellería de Sanidade a preguntas deste xornal, correspóndese cos autotest.

A entrada destes novos datos contribúe, en boa medida, a que a liña descendente da incidencia acumulada a 7 días que se iniciara nas últimas xornadas free ese descenso, cando menos polo momento, mentres o total de casos considerados activos supera os 67.000. No que atinxe á repercursión hospitalaria, Galicia superou xa o total de 400 persoas ingresadas ao mesmo tempo con test positivo da COVID-19. Ás seis da tarde do domingo eran case 450, 89 máis ca unha semana antes e do total, 55 estaban na UCI

Deste xeito, a ocupación hospitalaria pola COVID é inferior a un terzo da que se acadaba hai un ano, cando a actual incidencia acumulada é, en cifras redondas, o triplo que a que se rexistraba daquela. Cómpre agardar, non obstante, ata o martes ou mesmo o mércores para avaliar o efecto das altas que, como é habitual, non foron tramitadas durante a fin de semana.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.