Galicia rexistrou un de cada cinco casos da COVID do persoal sanitario de todo o Estado na primeira semana de 2022

Persoal sanitario do CHUS compostelán, nunha imaxe de arquivo, e gráfico de casos novos da COVID entre persoal sanitario por comunidades autónomas no comezo de 2022 CC-BY-SA Foto: Ana Varela / Xunta | Montaxe: Praza.gal

A vacinación masiva, con case un 86% da poboación galega con pauta completa e unha ampla extensión das doses de reforzo (por riba do 90% na poboación maior de 60 anos), e -segundo os datos dispoñibles ata agora- as características da variante ómicron mudaron o escenario da pandemia da COVID-19. As cifras de casos detectados en Galicia -como noutros puntos do Estado, de Europa e do mundo- baten récords mentres a hospitalización aumenta, pero de xeito moito máis contido e a presión se traslada a outros puntos do sistema, sobre todo á Atención Primaria.

En termos absolutos, os 805 casos novos da COVID-19 rexistrados entre o persoal sanitario de Galicia na primeira semana do ano son a segunda cifra máis elevada entre as autonomías, só por tras de Navarra

A combinación de centros de saúde saturados -algúns, próximos ao colapso- e dun modelo de rastrexo sobrepasado ata o punto de perder a súa función a efectos prácticos -tal e como admite o propio Sergas- levou o Consello Interterritorial de Saúde e á Xunta a mudar protocolos para, por exemplo, reducir períodos de illamento e corentenas (de 10 a 7 días), suprimir a realización de test ao groso dos contactos estreitos de casos positivos, reducir ou reducir o seu seguimento, mudanzas todas elas que xa provocan que o significado dalgúns dos principais indicadores da pandemia xa non sexa o mesmo.

Por tras destes cambios está tamén a vontade de minguar o impacto do gran número de baixas laborais derivadas dos positivos (os casos activos en Galicia achegábanse aos 63.000 ás seis da tarde deste 7 de xaneiro), que tamén chega ao sistema sanitario. Non en van, na primeira semana deste 2022 foron detectados algo máis de 800 casos positivos por COVID-19 entre persoal sanitario, coas consecuentes baixas.

Segundo os datos consolidados polo Ministerio de Sanidade a 7 de xaneiro -a Xunta dispón desas cifras e transmíteas ao Goberno de España, pero non as publica-, Galicia rexistrou un de cada cinco casos da COVID-19 rexistrados entre o persoal sanitario de todo o Estado durante a primeira semana de 2022. Foron, concretamente, 805 casos neses primeiros sete días, a segunda cifra máis elevada entre as comunidades autónomas en termos absolutos, só por tras de Navarra (946) e por diante de Aragón (520).

Atendendo aos datos de casos rexistrados e do total de profesionais, a incidencia da COVID-19 entre o persoal sanitario galego duplica a rexistrada no global da poboación 

Sobre un cadro de persoal total superior ás 37.000 persoas (37.840 efectivos sanitarios en Galicia, segundo os datos máis recentes do Ministerio de Política Territorial e Función Pública, pechados a 1 de xaneiro), a cifra elévase a 1.548 casos detectados entre o persoal sanitario galego nas últimas dúas semanas. É tamén a segundo cifra absoluta máis elevada entre as comunidades autónomas, igualmente só por tras de Navarra (2.189 casos).

En termos de incidencia acumulada, tomando como base o devandito total de efectivos, a incidencia acumulada da COVID entre o persoal sanitario equivalería a uns 4.090 casos novos por cada cen mil persoas a 14 días e de arredor de 2.127 a sete días. A incidencia acumulada da COVID-19 entre o total da poboación galega rolda actualmente os 2.200 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días e está na contorna dos 1.000 casos novos a 7 días. Daquela, o impacto entre o persoal sanitario é, aproximadamente, o duplo que entre a poboación xeral.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.