Hai tempo que a pandemia de COVID mudou por completo as súas características. A vacinación masiva da poboación fixo que se reducisen ao mínimo as enfermidades graves causadas polo virus; ademais, a aparición da variante ómicron, hoxe dominante en Galicia, multiplicou o número de contaxios e de positivos detectados, pero só incrementou moi levemento o número de ingresos hospitalarios e en UCI con respecto a vagas anteriores.
O número de ingresos diarios en Galicia de persoas con COVID mantén unha tendencia de ascenso dende comezos de novembro
Aínda así, o gran número de casos positivos, derivados da moi superior circulación do virus, está a provocar un innegable incremento das hospitalizacións. A serie de datos do Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII) do Ministerio de Sanidade informa do número de ingresos diarios en Galicia de persoas con COVID, un indicador que mantén unha tendencia de ascenso dende comezos de novembro.
Na actualidade (o último día publicado corresponde ao 4 de xaneiro) están a ingresar cada día nos hospitais galegos algo máis de 40 persoas positivas en COVID (aínda que a causa do ingreso non é, necesariamente, unha complicación derivada desta enfermidade). Ademais, cada día ingresan nas UCI unhas cinco persoas con COVID.
O dato actual sitúase nun nivel semellante á do peor momento da vaga da pandemia do pasado verán. Está, ademais, moi lonxe dos niveis acadados durante a última vaga invernal (en xaneiro e febreiro de 2021), derradeira onda sen a protección das vacinas
A cifra máis elevada de ingresos hopitalarios de persoas con COVID na actual vaga produciuse o pasado 28 de decembro (55), aínda que a cantidade vén movéndose entre os 30 e os 50 dende uns días antes da Noiteboa. De igual xeito, o 22 de decembro foi o día con máis ingresos nas UCI.
O dato actual sitúase nun nivel semellante á do peor momento da vaga da pandemia do pasado verán, arredor de finais de xullo, cando se chegaron a acadar medias de 46 ingresos hospitalarios diarios e 6 nas UCI. Está, ademais, moi lonxe dos niveis acadados durante a última vaga invernal (en xaneiro e febreiro de 2021), derradeira onda sen a protección das vacinas, cando o número diario de ingresos hospitalarios chegou a acadar os 140 e o de ingresos diarios nas UCI situouse en 25, o que deixou o sistema hospitalario a piques de necesitar o emprego de espazos externos.
O número de ingresos hospitalarios e de camas ocupadas seguirá a medrar algunhas semanas máis
En calquera caso, semella que o pico hospitalario da actual vaga (o máximo de ingresos) aínda está lonxe, tendo en conta que aínda non se pode dicir que se chegou ao pico de contaxios ou de positivos. O número de ingresos hospitalarios e de camas ocupadas seguirá a medrar algunhas semanas máis.
Iso si, cada vez fica máis claro que aínda que se superen os indicadores acadados o pasado verán, a situación non se parecerá en nada á vivida o pasado inverno, a pesar da multiplicación do número de positivos, a maior parte deles asintomáticos ou con sitomatoloxía leve.
As cifras de positivos diarios e de casos activos multiplican case por tres os máximos acadados o pasado ano. En cambio, o número de camas ocupadas nas UCI é un quinto do máximo do pasado inverno e o número de camas ocupadas en unidades convencionais non chega ao 30% daquelas cifras
O gráfico anterior amosa a comparación entre a evolución da actual vaga e o máximo acadado en cada indicador na onda do pasado inverno. Nos meses de xaneiro e febreiro chegou a haber nalgún día 22608 casos activos, 1.889 novos positivos diarios, 254 camas ocupadas nas UCI e 1.210 camas ocupadas noutras unidades. Na actual vaga as cifras de positivos diarios e de casos activos chegaron a multiplicar case por tres os máximos acadados o pasado ano. En cambio, o número de camas ocupadas nas UCI é un quinto do máximo do pasado inverno e o número de camas ocupadas en unidades convencionais non chega ao 30% daquelas cifras.
Este mércores o Sergas informou de que o 26% das persoas ingresadas por COVID nos hospitais galegos presentan unha infección compatible coa variante ómicron. A cifra é elevada, se temos en conta que a variante leva pouco máis dun mes transmitíndose de forma comunitaria en Galicia. Porén, é inferior aos cálculos realizados por entidades como COVID Bens sobre a súa presenza global na área metropolitana da Coruña a partir do estudo das augas residuais. Esta diferenza de porcentaxe podería ser un reflexo da menor capacidade de ómicron de provocar unha enfermidade grave entre as persoas infectadas. A porcentaxe entre as persoas ingresadas nas UCI é aínda inferior: 11,36%.
Outro dato que amosa os cambios experimentados ao longo destes últimos meses, é o que se refire ás características das persoas ingresadas con COVID nos hospitais galegos. A porcentaxe de persoas de máis de 70 anos ingresadas nas UCI pasou do 36% ao 28%. En cambio a proporción de menores de 40 anos pasou do 4% ao 8%.
O inverno pasado os maiores de 70 anos representaban o 54% do total de camas ocupadas nos hospitais, mentres que hoxe son o 41%. Aumenta, en cambio, a proporción de camas ocupadas por menores de 40 anos, que pasaron do 5% ao 13%
O efecto é máis claro aínda se observamos as cifras de hospitalización convencional de persoas con COVID. O inverno pasado os maiores de 70 anos representaban o 54% do total, mentres que hoxe son o 41%. Aumenta. en cambio, a proporción de camas ocupadas por menores de 40 anos, que pasan do 5% ao 13%.
O cambio foi total tamén no que atinxe á incidencia (aínda que este indicador ten xa moi pouca importancia). O pasado inverno o 27% dos positivos correspondían a persoas maiores de 60 anos, mentres que na actualidade este grupo representa só o 11%; en cambio os casos positivos en persoas de 20 a 50 anos pasaron do do 40% ao 57%.
Se situamos o inicio da vaga do pasado inverno no 1 de xaneiro, o pico de contaxios chegou ao redor do día 23. Nove días máis tarde acadouse o número máximo de hospitalizacións
Finalmente, podemos botar unha ollada á evolución seguida día a día pola actual vaga invernal e a vaga do pasado inverno, atendendo a dous indicadores ben distintos e que deben ser comparados con cautela, o número total de camas ocupadas nos hospitais por pacientes COVID e o número diario de novos positivos.
Se situamos o inicio da vaga do pasado inverno no 1 de xaneiro, o pico de contaxios chegou ao redor do día 23. Nove días máis tarde acadouse o número máximo de hospitalizacións. Na actual vaga, o número de positivos detectados cada día hai moito tempo que superou os niveis marcados o pasado ano; pola contra, a cifra total de camas ocupadas en cada momento está a medrar a un ritmo moito máis lento. O pico de contaxios na actual onda aínda non foi acadado, polo que se pode esperar que as hospitalizacións sigan medrando cando menos nove días máis.