Nas últimas semanas, o Consello Interterritorial de Saúde -que xunta o Ministerio de Sanidade coas comunidades autónomas- e a Consellería de Sanidade introduciron relevantes cambios nos protocolos de detección e seguimento de casos do coronavirus. Ante o aluvión de casos novos da actual vaga, marcada por un menor reflexo -cando menos de momento- en hospitalizacións pero cunha presión inédita en elos do sistema como a Atención Primaria ou o rastrexo, os gobernos decidiron, en esencia, priorizar as persoas con síntomas na realización de test (tanto PCR como probas de antíxeno) e eliminalos para o groso dos contactos estreitos, aos que tamén se reduciu o seguimento.
Os cambios implican priorizar as persoas con síntomas nos test PCR e de antíxeno e eliminalos para boa parte dos contactos estreitos
Alén das motivacións clínicas, políticas e organizativas por tras destas decisións -nas que conflúen elementos varios, dende as características da variante ómicron á amplísima extensión da vacinación, pasando pola evidente sobrecarga da Atención Primaria, nalgúns casos preto do colapso- cómpre ter en conta que as mudanzas veñen tamén variar o significado dalgúns dos que ata agora foron principais indicadores para o seguimento pandemia. Repasámolos a continuación:
Casos novos, incidencias acumuladas e casos activos
Entrará no 'rádar' do sistema sanitario unha menor porcentaxe do total de posibles casos e os detectados desaparecerán máis rápido do total de "activos" polo acurtamento das corentenas
As reducións no número de test realizados directamente polo Sergas -parcialmente compensados polos positivos detectados mediante test de antíxenos feitos polos propios pacientes, que Sanidade pasará a dar por válidos unha vez comunicados ao 881 540 045 ou por formulario web, sen necesidade de PCR de confirmación- e a exclusión deles de, cando menos, unha parte das persoas que poidan estar infectadas polo virus pero non teñan síntomas de padecer COVID traerán consigo, previsiblemente, unha redución no número de casos novos detectados.
Dito doutro xeito, entrará no rádar unha menor porcentaxe do total de posibles casos. Algo semellante -pero en diferente proporción- sucedía ao comezo da pandemia, aínda que nese momento por escaseza de test e de capacidade do sistema sanitario para procesalos. Daquela, cabe agardar menores cifras de casos novos en situacións epidemiolóxicas semellantes e, polo tanto, as cifras de incidencia acumulada (casos novos por cada cen mil habitantes) terán un significado diferente. O mesmo que o total de casos activos, máis aínda tendo en conta que o acurtamento das corentenas (de 10 a 7 días) implicará que cada caso novo detectado desapareza antes da conta dos activos.
Positividade das probas PCR
O groso das PCR que procese o sistema sanitario serán realizadas a persoas con síntomas da COVID e, polo tanto, con máis posibilidades de padecer a enfermidade
A positividade das probas PCR -porcentaxe das que dan positivo sobre o total das realizadas- vén sendo outro dos indicadores de referencia que agora, necesariamente, cómpre interpretar dunha maneira distinta. Ao maior uso dos test de antíxeno engádese agora que os positivos mediante esoutro método xa non serán confirmados mediante PCR, que como norma xeral tampouco se realizarán a contactos estreitos nin a boa parte de persoas potencialmente positivas, pero asintomáticas.
Isto implica que o groso das PCR que procese o sistema sanitario serán realizadas a persoas con síntomas da COVID e, polo tanto, con máis posibilidades de padecer a enfermidade. Polo tanto, cabe agardar cifras de positividade moito maiores e, daquela, o limiar do 5% -referencia xeral da OMS para dar a pandemia por controlada nun territorio determinado- será moito máis relativo. Este efecto xa comeza a apreciarse nas taxas de positividade de Galicia, tal e como amosan os gráficos sobre estas liñas.
Hospitalización e falecementos, indicadores máis certeiros
As hospitalizacións actuais son unhas 400, máis que o verán pasado pero menos dun terzo das rexistradas hai un ano
Neste contexto, os indicadores que si poden ser máis comparables con anteriores vagas da pandemia son os de hospitalización -con cautela, especialmente con relación á primeira vaga- e falecementos. Na actualidade, as hospitalizacións simultáneas de persoas coa COVID-19 en Galicia roldan as 400; son xa máis que na vaga do pasado verán pero moitas menos que a comezos de 2021 -daquela chegáranse a superar as 1.400-, cando a vacinación apenas comezara e as incidencias acumuladas eran menos da metade das actuais.
No que atinxe aos falecementos de persoas coa COVID-19, as cifras aumentan con claridade nos últimos días (ata a contorna das 5 mortes rexistradas ao día, na media dos últimos sete) e o total chegou xa ás 2.805. Son, en todo caso, tamén cifras moi inferiores á que ata agora fora a peor vaga en termos de mortalidade, a de hai un ano, cando Galicia chegara a a rexistrar picos de máis de 25 mortes ao día de persoas que contraeran a doenza.