A ocupación nas UCI segue sen aumentar en Galicia, a pesar da elevada incidencia da COVID

Atención na UCI a pacientes coa COVID, nunha imaxe divulgada pola área sanitaria de Ourense CC-BY-SA Sergas

Os datos máis recentes da pandemia de COVID en Galicia seguen a amosar unha elevadísima incidencia da enfermidade, produto da detección, día tras día dende hai tres semanas, de milleiros de positivos. Porén, as cifras de hospitalización, é dicir, dos casos graves, mantéñense estables, sobre todo a do número de camas ocupadas nas UCI, probablemente o indicador máis importante neste momento.

O encadeamento de días festivos nestas semanas fai inútil de momento calquera intento de comparación dos datos. Haberá que agardar para comprobar se estamos chegando ao pico de contaxios da actual vaga

Este xoves, Día de Reis, o Sergas notifica a incorporación de 4.869 novos positivos de COVID, 4.752 detectados nas últimas 24 horas. A cifra é moi semellante á de xornadas anteriores e lixeiramente inferior á comunicada o xoves da pasada semana, o que leva a reducir a media semanal de casos declarados, o mesmo que a Incidencia Acumulada a 7 días.

Con todo, o encadeamento de días festivos nestas semanas fai inútil de momento calquera intento de comparación dos datos. Haberá que agardar para comprobar se estamos chegando ao pico de contaxios da actual vaga. 

No grupo de idade de 20 a 29 anos a incidencia nos últimos 14 días achégase aos 6.000 casos por cada 100.000 habitantes. Isto é, 6 de cada 100 mozos e mozas galegas desta idade tiveron unha proba positiva de COVID nas últimas dúas semanas

As cifras de incidencia mantéñense moi elevadas, por riba dos dous mil casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días e por riba dos mil nos últimos sete días. Porén, dentro destas cifras xerais hai grandes diferenzas por idade: mentres a incidencia acumulada nas persoas de máis de 80 anos (574), de 70 a 79 (634) e de 60 a 69 (828) está relativamente contida (aínda que presentan igualmente cifras elevadas), nas xeracións máis novas as cifras son moi superiores.

No grupo de idade de 20 a 29 anos a incidencia nos últimos 14 días achégase aos 6.000 casos por cada 100.000 habitantes. Isto é, 6 de cada 100 mozos e mozas galegas desta idade tiveron unha proba positiva de COVID nas últimas dúas semanas. A incidencia nos grupos de 12 a 19 anos e de 30 a 39 anos tamén é moi alta, por riba dos 3.500 casos.

A incidencia a 14 días continúa a medrar, aínda que o fai de forma máis lenta. E a incidencia a 7 días leva días estabilizada

Como dicíamos, de momento é cedo para poder dicir se se está a acadar o pico de contaxios da actual vaga, que hai uns días o Sergas prevía aínda para mediados do mes de xaneiro. A incidencia a 14 días continúa a medrar, aínda que o fai de forma máis lenta. E a incidencia a 7 días leva días estabilizada. Porén, cómpre ter en conta a gran cantidade de positivos que se declararon nos días anteriores á Noiteboa e nas xornadas seguintes, produto en parte da realización dun número récord de probas de detección.

Este xoves Galicia suma case 60.000 casos activos de COVID, aínda que tamén este indicador vai comezar a ser pouco comparable coas cifras anteriores, debido ao cambios de metodoloxía que está a realizar o Sergas, motivados pola elevadísima incidencia e distintas características da variante ómicron.

Este xoves Galicia suma 53 camas ocupadas por pacientes COVID nas unidades de críticos. A cifra mantense estable dende mediados do mes de decembro, movéndose sempre ao redor das 50, cun máximo de 56, este mércores

Os datos hospitalarios (e tamén de mortalidade) son os máis importantes para analizar o actual estado da pandemia. E, de momento, a elevadísma cifra de positivos detectados non se está a traducir un grande incremento no número de camas ocupadas, sobre todo nas UCI, o que revela a reducida cantidade de casos graves e moi graves.

Este xoves Galicia suma 53 camas ocupadas por pacientes COVID nas unidades de críticos. Son tres menos que onte e tres máis que o pasado xoves, pero a cifra mantense estable dende mediados do mes de decembro, movéndose sempre ao redor das 50, cun máximo de 56, este mércores.

Este mércores o Sergas informou de que o 26% das persoas ingresadas por COVID nos hospitais galegos presentan unha infección compatible coa variante ómicron

Este mércores o Sergas informou de que o 26% das persoas ingresadas por COVID nos hospitais galegos presentan unha infección compatible coa variante ómicron. A cifra é elevada, se temos en conta que a variante leva pouco máis dun mes transmitíndose de forma comunitaria en Galicia. Porén, é inferior aos cálculos realizados por entidades como COVID Bens sobre a súa presenza global na área metropolitana da Coruña a partir do estudo das augas residuais. Esta diferenza de porcentaxe podería ser un reflexo da menor capacidade de ómicron de provocar unha enfermidade grave entre as persoas infectadas. A porcentaxe entre as persoas ingresadas nas UCI é aínda inferior: 11,36%.

Dous novos falecementos elevan a 2.800 a cifra total dende o inicio da pandemia. O número medio de defuncións na última semana está a rexistrar un incremento sostido, con 36 mortes en 7 días

Si aumenta o número de camas ocupadas no resto de unidades hospitalarias por persoas que deron positivo por COVID, o que non implica que necesariamente estean ingresadas por complicacións derivadas desta enfermidade. Este xoves son 325, o que eleva a 378 a cifra total de camas ocupadas nos hospitais galegos; son 57 máis que hai 7 días, unha tendencia de ascenso que, con todo, está aínda moi lonxe dos niveis acadados o pasado mes de xaneiro.

En canto ás mortes de persoas positivas en COVID-19, dous novos falecementos elevan a 2.800 a cifra total dende o inicio da pandemia. Neste caso, o número medio de defuncións na última semana tamén está a rexistrar un incremento sostido, con 36 mortes en 7 días.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.