As protestas pola negativa da Consellería de Educación a cubrir as baixas de profesorado desde hai semanas intensifícanse. Equipos directivos, familias, as anpa e os sindicatos denuncian unha "práctica habitual" previa ao Nadal ou á Semana Santa coa que a Xunta trata de "aforrar" custos, evitando a contratación de docentes que manterían a súa vinculación laboral durante o período vacacional.
Os sindicatos cifran nunhas duascentas as baixas sen cubrir e acusan a Consellería de suspender a chamada de docentes substitutos, agás excepcións, desde o 30 de novembro
Se o pasado mércores foi a Federación de Ensino de CCOO a que se mobilizou ante a Consellería para esixir a cobertura das baixas médicas, solicitando mesmo a intervención da Valedora do Pobo, este xoves foi CIG-Ensino quen se manifestou ante a Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para reiterar a denuncia dunha "pandemia dos recortes" e reclamar tamén que se cubran todas as vacantes pendentes.
Segundo a recompilación de datos que os sindicatos fan no sistema de asignación de baixas da Consellería, serían unhas duascentas as vacantes sen cubrir. Contra o mediodía deste xoves, cadrando coa mobilización convocada antes da celebración da Mesa Sectorial de Educación, a CIG-Ensino sinalaba que, nese momento, "nos atopamos con 193 baixas sen cubrir, 131 delas en infantil e primaria". Un día antes, CCOO advertía de perto de 250.
Malia ser unha "práctica habitual", tanto os sindicatos como a Confederación de Anpas Galegas denuncian que neste curso é "máis acusada" ao estenderse máis no tempo, así como "máis grave" por "partir a Xunta do seu criterio habitual como se a situación dentro dos colexios fose a de sempre". "A rapazada segue con máscara, con aulas burbulla e con problemas pola COVID", explicaba a Praza.gal Suso Bermello, secretario nacional de CIG-Ensino.
O impacto da pandemia e as dificultades para manter a separación de grupos, así como as corentenas que afectan tamén ao profesorado, dificultan máis a situación, segundo destacan os sindicatos, que aseguran que desde o pasado 30 de novembro Educación deixou de chamar docentes substitutos para cubrir as baixas de maneira xeral, agás excepcións e algún cambio de postura logo da presión das centrais.
Á non cobertura de baixas súmase a non prolongación do programa ARCO e o remate da estadía nos centros de perto de 400 docentes de reforzo
Sexa como for, desde o pasado día 29 a chamada de docentes subtitutos non é a habitual e son moitos os centros con problemas, máis aínda cando son xa 214 as aulas pechadas por COVID e máis de 2.500 os casos activos nos centros de ensino en Galicia entre profesorado e alumnado.
Ademais, tal e como lembran os sindicatos, á non cobertura de baixas súmase a non prolongación do programa ARCO (Apoio, Reforzo de Competencias e Orientación), malia que os centros educativos así o demandan. "É o maior ataque ao ensino público dos últimos anos", di CCOO, que acusa a Xunta de "dar unha volta máis aos recortes xa iniciados ao inicio deste curso escolar e que cadra agora coa sexta vaga da pandemia".
Precisamente, o profesorado do programa ARCO, uns 380 docentes que o día 21 rematarán a súa estadía nos centros de ensino, ven de recadar perto de 4.000 sinaturas a prol da súa continuidade nos colexios e institutos. Este colectivo, que se agrupa baixo a iniciativa #arcotodoocurso, reclámalle á Consellería a ampliación dos seus contratos para "poder seguir axudando ao alumnado con necesidades especiais". “Sen nós, este alumnado queda abandonado. A ratio nas aulas fai que a estes nenos e nenas non se lles poida atender como é debido”.
Profesorado do programa ARCO xunta 4.000 sinaturas para a súa continuidade e acusa a Xunta de facer pasar por seus programas financiados pola UE
Foi o pasado mes de setembro cando a Xunta anunciou a incorporación de máis de 1.000 -uns 1.250- mestres a través do Plan Recupera, profesorado de apoio que non se incorporou ata outubro ou novembro. Desde o colectivo aseguran que os obxectivos do programa "son imposibles de cumprir en tan pouco tempo" e advirten de que o propio plan "é unha manobra de ilusionismo e márketing” por parte da Xunta.
“O que eles chamaron Plan Recupera non é outra cousa que os programas ARCO E PROA, financiados pola UE. Estes programas levan tempo xa implantados en todo o Estado. Cambiándolle o nome pode parecer que hai un plan para a educación galega, pero a Xunta non investiu un só euro nel", insisten, tras advertir de que estudan se levar a cabo protestas como a non entrega das memorias finais esixidas. "Non ten sentido encher un documento burocrático cando non se están a cumprir as cláusulas mínimas da iniciativa, nós non imos facer un paripé a menos que nos obriguen”, rematan.