- A terceira dose da vacina, ampliada a toda a poboación maior de 18 anos
- O Estado limita o prezo dos test de antíxeno a 2,94 euros
Un dos cambios aplicados polo Sergas -na liña do acordado entre o Estado e as autonomías- nos protocolos da COVID para afrontar a actual vaga, caracterizada por un altísimo número de positivos detectados e, en xeral, pola súa menor virulencia grazas á vacinación -e tamén, polas características da variante ómicron- foi a redución dos illamentos de positivos "asintomáticos ou con sintomatoloxía leve" de 10 a 7 días. Isto implica que as persoas nesta situación (unha ampla maioría) deixen de ser considerados como casos "positivos activos" unha semana despois de seren detectados.
Dende o día 9 o Sergas suma algo máis de 33.000 ao cómputo de persoas coa enfermidade oficialmente superada polo protocolo que reduce o groso dos illamentos de 10 a 7 días
Dende este 13 de xaneiro, a Consellería de Sanidade aplica este novo criterio no seu cómputo de datos da COVID-19, aínda que este mesmo xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mantivo que a preferencia segue sendo restalos aos 10 días. A mudanza atinxe aos datos do 9 de xaneiro en diante e propicia que algo máis de 25.000 persoas que ata este día 12 computaban como casos "activos" pasen a estar de alta. Son, concretamente, 25.078, cifra que se eleva ata as 33.028 contando as altas epidemiolóxicas tramitadas ata as seis da tarde do pasado mércores, día 12, xa aplicando o novo criterio.
Como amosan os gráficos sobre estas liñas, a principal variación atópase na foto fixa correspondente ao pasado día 11 de xaneiro: onde antes se computaban algo máis de 223.000 persoas que superaran a infección, agora recóllense máis de 240.000. As persoas que o sistema sanitario considera como curadas, deste xeito, desaparecen antes da conta de casos activos: o 11 de xaneiro pasa de sumar algo máis de 76.000 a quedar en 62.600 e a súa tendencia pasa de ser lixeiramente ascendente a levemente descendente, con 16.825 menos en vinte e catro horas, xa atendendo á nova conta.
O total de casos acumulados dende o comezo da pandemia (algo máis de 310.000) segue incluíndo tamén as persoas que deron positivo en test de anticorpos, pero cuxa infeccións considera "resolta" no momento da detección e pasan a engrosar directamente a suma de altas, sen seren considerados activos en ningún omento. Son unhas cinco mil dende o inicio.
O 'pico' de casos activos pasa de 76.000 no 12 de xaneiro a 67.400 o día 8
Ao abrirmos un chisco máis o foco é posible comprobar como esta mudanza nos protocolos supón, ademais, que Galicia deixase atrás o pico da actual vaga no que atinxe ao que segue sendo o indicador de referencia para a Xunta. O máximo pasa a ser o rexistrado o 8 de xaneiro, con 67.397 casos activos. Alén do efecto puramente estatístico, o acurtamento dos illamentos ten un impacto directo na duración das baixas laborais das persoas que dan positivo. Tamén foi concibido como un mecanismo para reducir aínda máis un seguimento de casos que, para os positivos sen síntomas, xa queda en mínimos nestes novos protocolos.
Os autotest manteñen a incidencia á alza e a hospitalización segue contida
Os positivos por autotest, que nos últimos días xa eran maioritarios en varias áreas sanitarias, quedan sumados aos datos xerais a todos os efectos e xa non é posible coñecer cantos son detectados por probas no sistema sanitario
Este 13 de xaneiro Sanidade incorpora tamén outra novidade á presentación dos seus datos de seguimento da pandemia para adaptala aos novos protocolos. Como vén informando Praza.gal, dende o pasado día 7 de xaneiro os datos de casos novos detectados en Galicia están fortemente influídos polos positivos achados mediante autotest, as probas feitas na casa que as novas normas dan por válidas para confirmar casos sen necesidade de confirmación no sistema sanitario.
Nas últimas xornadas eran xa varias as áreas sanitarias galegas nas que a maior parte de positivos eran sumados por esta vía. Nesta liña, de agora en diante o Sergas súmaos aos seus cómputos a todos os efectos. Deixa así detallar cantos casos foron achados a través de probas diagnósticas de infección activa (PDIA) realizadas no propio sistema sanitario polo que, de agora en diante, xa non é posible calcular cantos positivos detecta o propio Sergas e cantos son froito de autotest feitos na casa.
Esta corrección da serie histórica de casos novos ratifica que é do 7 de xaneiro en diante cando os autotest entran no sistema a todos os efectos. Este efecto é claramente visible nas cifras de incidencia acumulada a 7 días, que nesa xornada abandonaron a senda descendente que iniciaran para retomar a alza. Actualmente, sitúase por riba dos 1.400 casos novos por cada cen mil habitantes na última semana e a 14 días achégase aos 2.700. A súa velocidade de crecemento, non obstante, é moito máis moderada que en semanas anteriores mesmo tendo en conta os autotest.
Hai un ano o número de hospitalizacións era semellante á actual, pero a incidencia acumuada era sete veces inferior á de agora
O que non muda con estes cambios no cómputo de casos é o feito de que a repercusión hospitalaria do gran número de casos novos detectados segue sendo relativamente limitada. Ás seis da tarde do pasado mércores eran 514 as persoas ingresadas con test positivo do coronavirus, 136 máis que unha semana antes. Un total de 57 estaban en unidades de coidados intensivos, catro máis que sete días antes. Hai un ano, as hospitalizacións simultáneas de pacientes co coronavirus estaban en cifras semellantes ás actuais, pero a incidencia acumulada da COVID-19 a 14 días era sete veces inferior á de agora.
Mentres todo isto sucede, as cifras de falecementos comezan a trazar unha liña descendente. Son algo máis de 4 por xornada, na media a 7 días. Hai un ano, cando a vacinación apenas comezara, eran máis de 7 ao día e pouco despois este indicador superara os 25. O total sitúase agora en 2.832.